Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 23 de xullo de 2018 Páx. 34388

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 20 de xullo de 2018, conxunta das consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga do persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais convocada para os días 25, 26 e 27 de xullo, e que adquirirá carácter indefinido a partir do día 1 de agosto de 2018.

As organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) convocaron unha folga que afecta a todas as quendas entre as 00.00 horas do día 25 de xullo e as 8.00 horas do día 27 de xullo e que adquirirá carácter indefinido a partir das 00.00 horas do día 1 de agosto de 2018, en todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. Por outra banda, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, considera a protección civil como un servizo público esencial e o artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, outórgalle a consideración de servizo público de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil aos servizos de prevención e extinción de incendios forestais e, especificamente, aos prestados polos axentes forestais e axentes facultativos medioambientais.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa os de protección civil e os de vixilancia e extinción de incendios. O exercicio público da extinción de incendios non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este. O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que a consellería competente determinará a época de perigo alto de incendios forestais, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia. En virtude desta habilitación legal, mediante Orde da Consellería do Medio Rural do 13 de xuño de 2018 determinouse a época de perigo alto de incendios, declarándose como tal as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, ademais de facultar o director xeral de Ordenación Forestal para ditar cantas instrucións foren precisas para modificar as devanditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Tendo en conta que se trata dunha folga convocada en plena época de perigo alto de incendios forestais, pero que ten carácter indefinido a partir do 1 de agosto de 2018, na consellería competente en materia de extinción de incendios procede fixar servizos mínimos tanto para o período de alto risco de incendios en que nos atopamos, como para o período ordinario de prestación de servizos, de acordo co réxime de prestación de servizos fixado para as escalas afectadas pola convocatoria na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 21 de marzo de 2005. Nela determínase que durante o período extraordinario, que se corresponde coa época de alto risco de incendios, en cada distrito estableceranse gardas de 12 horas continuadas de presenza física de axentes forestais, necesarios para atender a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais e calquera outra continxencia que se produza, reflectidas no correspondente cuadrante anual.

Durante estes servizos, de acordo co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, os axentes forestais e facultativos medioambientais, entre outras funcións, asumen a dirección técnica de extinción dos incendios, ordenan as tarefas e supervisan a correcta execución das tarefas de saneamento e remate da extinción dos lumes, son os responsables do persoal ao seu cargo, entre os que se atopa o persoal das brigadas do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais e fan cumprir as normas de seguridade e prevención de riscos laborais. Tal como o define a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a persoa directora de extinción é a responsable do dispositivo de extinción nun incendio forestal, dotada da autoridade necesaria para organizar os medios propios da Xunta e os que proporcionen o resto das entidades e administracións implicadas no dispositivo, para o que ten atribuída a condición de axente da autoridade, podendo mobilizar medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións.

Por todo o anterior, co obxecto de evitar posibles prexuízos, na Consellería do Medio Rural establécese como base para determinar os servizos mínimos durante a folga unha cobertura do 100 % no ámbito de prevención e loita contra incendios forestais durante o período de alto risco, en que é necesario atender durante todos os días e horas a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais. Pola contra, redúcense para o período ordinario os servizos mínimos, fixándose unicamente como imprescindible en cada distrito forestal o persoal das escalas previsto para un domingo ou festivo.

Pola súa parte, na consellería competente en materia de conservación da natureza, cómpre fixar uns servizos mínimos que garantan o adecuado desenvolvemento da xestión dos recursos naturais e cinexéticos. Para tales efectos, considérase imprescindible a presenza de persoal dos espazos naturais protexidos e da biodiversidade, debido á especial protección que requiren tanto os bens como os recursos naturais existentes nestes espazos. Ademais, no ámbito concreto do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas cómpre fixar uns servizos mínimos que permitan atender unha eventual situación de urxencia nas illas, tendo en conta que son catro os arquipélagos que o compoñen (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada).

En virtude do exposto, oído o comité de folga en reunión do día 19 de xullo de 2018, no exercicio da facultade atribuída polo artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga, que afectará o persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, que afectará o período comprendido entre as 00.00 horas do día 25 de xullo de 2018 e as 8.00 horas do día 27 de xullo e que adquirirá carácter indefinido a partir das 00.00 horas do día 1 de agosto de 2018, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2

O incumprimento da obrigación de atender os servizos mínimos esenciais será sancionado de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin respecto da tramitación e efectos que a motivan.

Artigo 4

O exercicio do dereito de folga comportará as deducións salariais correspondentes en quen o exercite, de conformidade coa normativa de aplicación.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente
e Ordenación do Territorio

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

1. Distritos forestais da Consellería do Medio Rural.

1.1. Período extraordinario correspondente á época de perigo alto de incendios forestais.

– Todas as quendas terán que contar con toda a dotación do persoal fixado nos cuadrantes de prestación de servizos para o devandito período extraordinario.

1.2. Período ordinario de prestación de servizos.

– O persoal previsto para un domingo ou festivo nos cuadrantes de quendas de prestación de servizos do período ordinario.

2. Distritos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Provincia da Coruña:

– Distrito I, II, III, IV: 2 axentes.

– Distrito V: 1 axente.

Provincia de Lugo:

– Distrito VI: 1 axente.

– Distrito VII: 1 axente.

– Distrito VIII: 1 axente.

– Distrito IX: 1 axente.

– Distrito X: 1 axente.

Provincia de Ourense:

– Distrito XI: 1 axente.

– Distrito XII: 1 axente.

– Distrito XIII: 1 axente.

– Distrito XIV: 1 axente.

– Distrito XV: 1 axente.

– Parque Natural Serra Enciña da Lastra: 1 axente.

– Parque Natural do Invernadoiro: 1 axente.

– Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés: 1 axente.

Provincia de Pontevedra:

– Distrito XVI: 1 axente.

– Distrito XVII: 1 axente.

– Distrito XVIII: 1 axente.

– Distrito XIX: 1 axente.

Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas:

– Illas Cíes: 1 axente.

– Illas Ons: 1 axente.

Os servizos fixados para a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio serán tanto para o período ordinario como para o período extraordinario.