Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2018 Páx. 34293

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2018 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro) pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro) consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polos aspirantes.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

O conselleiro de Facenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, disporá as unidades administrativas en que os/as funcionarios/as en prácticas deberán realizar esta fase do proceso selectivo.

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán baixo a dependencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda.

Cuarto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 26 de xullo de 2018 e rematará o día 25 de setembro de 2018.

Desenvolverase de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (das 8.30 ás 14.30 horas no período que abrangue ata o 15 de setembro, e das 7.45 ás 15.15 horas no período que abrangue desde o 16 de setembro ata o remate do período de prácticas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas os/as funcionarios/as nomeados coordinadores das prácticas polo/a titular da dirección xeral baixo cuxa dependencia prestaron servizo remitiranlle á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio un informe no que manifesten expresamente se os/as funcionarios/as en prácticas cumpriron ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador da oposición, logo de informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Para a avaliación dos/as funcionarios/as en prácticas é preciso que estes presten servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non fose posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude do/a interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Quedarán obrigados/as a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

Os/as aspirantes que non superen o período de prácticas perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como funcionarios/as de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán sometidos/as ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda