Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2018 Páx. 33288

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Touro

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial do S04, promovido por Queizuar, S.L.

O Pleno do Concello, en sesión do 22 de maio de 2018, adoptou o acordo seguinte:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan parcial do S-04 do PXOM de Touro, promovido por Queizuar, S.L., onde se incorporan as determinacións propostas pola declaración ambiental estratéxica formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Segundo. Publicar no DOG o presente acordo nos termos establecidos no artigo 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Terceiro. Publicar no BOP o documento que conteña a normativa e as ordenanzas relativas o Plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Remitir os órganos competentes da Xunta de Galicia os documentos do Plan definitivamente aprobado para os efectos que legalmente correspondan».

Conforme o establecido no artigo 82.2 da LSG, publícase así mesmo:

– O enderezo electrónico en que figura o contido íntegro do Plan: www.concellodetouro.gal.

– O extracto elaborado, con carácter previo á aprobación do documento, que incluirá os seguintes aspectos: a xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais, a xustificación de como se consideran no plan o estudo ambiental estratéxico, así como as razóns da elección da alternativa escollida:

1. Xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.

• Patrimonio cultural.

O plan parcial, á vista do indicado no informe ambiental estratéxico, recolle as seguintes accións:

1º. O plan parcial, coa súa ordenación, sobre todo no que respecta á localización das dotacións e zonas verdes, ao respecto e conservación das masas arbóreas existentes e ao novo trazado viario, garante a compatibilidade da ordenación coa protección dos bens do patrimonio cultural catalogados.

2º. Indícase na normativa a obrigatoriedade de solicitar informe ao órgano autonómico competente en materia de protección do patrimonio cultural, para calquera actuación incluída dentro do contorno de protección que o plan parcial redelimita a partir do fixado no PXOM.

3º. Impóñense na normativa os seguintes condicionantes á edificación das naves industriais: limitación do volume máximo; regulación da paleta de materiais e cores que se poden empregar; regulación de alturas máxima.

4º. Impóñense na normativa condicións de integración para os pechamentos, obrigando ao seu tratamento de xeito tradicional ou vexetal con especies autóctonas. Por outra banda, ao redefinir as vías, o pechamento da actual fábrica de queixos queda integrado dentro da parcela, sendo necesario un novo peque de parcela exterior a este, co que se mellora a integración das actividades existentes. Os muros tradicionais existentes no contorno recóllense na cartografía e na normativa imponse o deber da súa conservación.

5º. De cara a mellorar o tratamento dos bordes e os enlaces coas parcelas lindeiras reformulouse a ordenación, relocalizando a posición dos aparcadoiros a unha posición máis discreta e integrándoos con plantación arbórea, así como reordenando ás vías en atención aos valores dos elementos protexidos.

• Paisaxe.

O plan parcial, á vista do indicado no informe ambiental estratéxico, recolle as seguintes accións:

Logo da consecución, por parte do propietario maioritario do ámbito, da totalidade dos terreos, a ordenación que propón o plan parcial intégrase de maneira máis harmónica no territorio. As medidas de integración no contorno xa se avanzaron no punto de integración das cuestións formuladas con respecto ao patrimonio cultural e que se poden resumir nas seguintes: conservación da masa arbórea existente; limitación do volume máximo das naves industriais; regulación da paleta de materiais e cores que se poden empregar; regulación de alturas máxima; condicións de integración para os pechamentos, obrigando ao seu tratamento de xeito tradicional ou vexetal con especies autóctonas.

Por outra banda, na epígrafe específica do presente plan parcial analízase a integración da ordenación cos elementos valiosos da paisaxe e da vexetación.

Como cuestións concretas:

1º. Logo da consecución da totalidade dos terreos por parte da empresa xa implantada, considérase unha única parcela para ampliación das actividades existentes, e outras de I+D+i relacionadas directamente con elas, polo que a actuación deixa de ser unha alteración substancial da harmonía da paisaxe rural.

2º. Os movementos de terra derivados da urbanización son mínimos e os que se poidan producir no interior da parcela de uso industrial limítanse por normativa.

3º. Normativamente limítanse os volumes máximos das naves industriais e as súas alturas. Imponse o fraccionamento das edificacións e unha paleta de cores e materiais.

4º. Regúlanse os pechamentos para evitar apantallamentos visuais.

5º. Mantéñense as especies arbóreas existentes e as novas intentan minimizar o impacto das edificacións no contorno. En todo caso, tanto nas novas plantacións arbóreas como nos peches vexetais empregaranse especies autóctonas.

6º. Como pavimentos para os ámbitos peonís e de aparcadoiro empregarase o formigón desactivado de cara a integrar mellor a urbanización no contorno. O mobiliario será mínimo. No deseño do aparcadoiro deixaranse bandas sen pavimentar, con plantación de céspede para mellorar a drenaxe natural da superficie.

• Ocupación do territorio.

Logo da consecución da totalidade dos terreos por parte da empresa xa implantada no ámbito, os usos que se consideran serán os relacionados coa industria existente e outros de I+D+i relacionados directamente con eles. Esta cuestión limita de maneira importante o impacto no contorno da transformación do solo.

Por outra banda, imponse na normativa a obriga de xestión da biomasa, así como da redacción dun proxecto técnico de prevención e defensa contra os incendios forestais de acordo co previsto na lexislación vixente.

O plan parcial incorpora un plano coas servidumes aeronáuticas do aeroporto da Lavacolla. O ámbito atópase afectado polas servidumes de aeródromo e instalacións radioeléctricas así como polas servidumes de operación das aeronaves. No peor do casos a servidume sitúase a unha altura con respecto ao nivel do mar de 430 m. A cota máxima do terreo no ámbito cada unha altitude de 215 m. A diferenza entre o terreo e a servidume ascende a 215 m altura que non acadarán as edificacións limitadas pola ordenanza correspondente.

• Patrimonio natural.

Moi próximo á marxe leste do sector rexístrase unha tesela que contén hábitats prioritarios, o bosque aluvial de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior asociado ao río Amenal (tributario do río Ulla, leito inserido na ZEC sistema fluvial Ulla - Deza, ES1 140001).

As afeccións do S-04 a este hábitat produciranse en dúas situacións: durante a urbanización e na fase de funcionamento.

Na fase de urbanización o deseño previsto da ordenación fai que non existan afeccións a este hábitat, posto que en todo caso se minimizou a superficie urbanizada e a única apertura de nova vía se executa do lado contrario ao do río no cal se presenta o hábitat, polo extremo oeste do sector. Por outra banda, os movementos de terra que se producen na execución desta vía e dos aparcadoiros son mínimas.

Na fase de funcionamento do novo parque empresarial existirán afeccións por obras de construción e pola existencia de verteduras orixinadas no proceso de elaboración de produtos levada a cabo. Polo que respecta á fase de obras, cómpre indicar que estas se levarán a cabo dentro da parcela e serán mínimas as afeccións que poidan levarse a cabo. Por outra banda, tamén na normativa do plan parcial se prevén medidas de integración paisaxística e ambiental, como minimizar os movementos de terras ou fraccionar os volumes.

Ademais, na fase de funcionamento producirase un aumento das verteduras provocados pola industria, que terán nula afección aos hábitats veciños porque serán oportunamente tratadas, como o están sendo hoxe en día, o que se pon de manifesto pola boa saúde que na actualidade presentan os referidos hábitats.

Por último, a actuación non parte ningún hábitat e propón a conservación da maior parte da masa arbórea, co que non se vai producir ningunha fragmentación dos hábitats existentes.

Polo que respecta ao interior do ámbito, detéctase a presenza dunha masa arbórea ao sur do ámbito con exemplares illados de acivro (Ilex aquifolium, L.), arbusto protexido que convive con outras especies caducifolias como carballos.

O plan parcial procedeu ao recoñecemento e representación cartográfica das especies arbóreas existentes de cara á súa protección. O plan parcial, na súa normativa, determina a conservación das especies arbóreas existentes, representadas na cartografía.

Por outra banda, de cara a mellorar a protección destas especies o plan parcial amplía considerablemente as zonas verdes exixidas legalmente, intentando recoller todas as especies arbóreas existentes.

Por último, de cara a manter a conectividade ecolóxica do territorio, imponse na normativa a execución de valados de sebes vexetais conformados con especies autóctonas e o mantemento dos peches tradicionais existentes, salvo nas zonas representativas de acceso, en que se optará por pechamentos de tipo tradicional en pedra ou madeira diáfanos. Restrínxese o uso de mallas.

• Mobilidade.

Estímase que este ámbito xere un tráfico diario aproximado de 34 camións e 126 automóbiles. Distribuídos ao longo das horas de funcionamento dá unha media de 3,4 camións á hora, o que representa unha intensidade relativamente baixa. A empresa xa implantada no ámbito xera ao día un tráfico de 6 camións e 40 vehículos lixeiros o que resulta coherente coas previsións establecidas.

Por outra banda, debido aos procesos de transformación desta empresa, destinada á fabricación de derivados lácteos de produción local, todo o tráfico de entrada de materia prima se realizan en camións de pequeno tamaño, que recollen periodicamente o leite pola bisbarra.

As vías polas que circulan a diario os camións que recollen o leite e o transportan a esta industria están dimensionadas para este tipo de vehículos, que funcionan sen maiores dificultades polo rural galego.

O tráfico de entrada de materia prima supón a metade (17 vehículos pesados) do tráfico pesado que se pode chegar a producir esta implantación. O trafico de saída de produto elaborado estímase polo tanto, a teito de execución de edificabilidade, en tan só 17 camións/día.

Este tráfico circulará desde a actuación cara ao norte pola estrada municipal que vai de Bama a Arca, no Pino, de alí a través da N-547, aos principais puntos de distribución.

Este treito de tan so 2,5 km conta cun ancho de 6 m e un trazado practicamente recto. A súa IMD é moi baixa, motivo polo cal pode absorber sen problema o tráfico de saída de produto fabricado cara á N-547.

O sistema viario ao que se conecta o ámbito, de titularidade municipal, ten, polo tanto, capacidade suficiente para acoller o desenvolvemento previsto.

Xa no interior do ámbito considérase un rede viaria con clara diferenciación entre os tráficos rodado e peonil. Coa intención de integrar dunha maneira máis axeitada os percorridos peonís que se xeran no ámbito, proponse a prolongación da senda deseñada polo extremo oeste do ámbito ata a igrexa parroquial. Esta actuación, externa ao solo urbanizable, realízase exclusivamente sobre terreos do propietario do sector, polo que se considera totalmente viable e é unha das obrigas asumidas polo promotor do desenvolvemento.

• Ciclo hídrico.

O abastecemento de auga tal e como se indica, tanto no PXOM como no plan parcial, considérase suficiente. Non obstante, a empresa municipal concesionaria do servizo emitirá informe vinculante ao respecto.

Polo que respecto ao saneamento este xa se está a resolver con normalidade e contando con todas as autorizacións pertinentes hoxe en día, para a industria xa implantada. Tendo en conta a ampliación que se fai do ámbito, proponse unha parcela de cesión municipal para a execución dunha nova depuradora con cargo ao desenvolvemento do solo urbanizable, que recollerá, ademais dos novos efluentes, os xa depurados da infraestrutura existente. A vertedura da nova depuradora deberá contar coa autorización pertinente de Augas de Galicia, para o cal se considera que non existirá inconveniente posto que xa existe unha concesión de vertedura para a EDAR existente, a cal será substituída pola de nova creación.

As augas pluviais serán recollidas e conducidas ao río Amenal, para o cal tamén será necesario contar coa oportuna autorización de vertedura.

Polo que respecta ás escorrentías naturais, as obras de urbanización, debido á súa mínima intervención, non as modifican. Ademais, imporase na normativa a obriga de que o proxecto de urbanización non modifique as escorrentías naturais do terreo.

A zona que se vai urbanizar está constituída pola rede viaria, o aparcadoiro e as zonas verdes.

A sección viaria de 12,5 m de ancho conta cunha franxa axardinada de 3 m de ancho total, o que supón un 25 % do total da superficie totalmente drenante polo que con esta solución se dá cumprimento á necesidade de colocación de pavimentos drenantes a que se facía referencia no estudo ambiental estratéxico.

Na zona verde conservarase a naturalidade e as zonas pavimentadas serán as mínimas para xerar unha rede de sendeiros. Esta opción incluirase na epígrafe correspondente da normativa garantindo a escorrentía natural dos terreos.

A superficie de aparcadoiros será executada en formigón desactivado con marcación de prazas en lastros. Imponse a obriga de realizar as xuntas de formigonado abertas para facilitar a drenaxe natural dos terreos.

Respecto da rede fluvial incorpórase a codificación do río Amenal aos planos de información, marcando nos planos de ordenación as zonas de servidume e policía de augas.

Logo de realizado o preceptivo traballo de campo na zona non se observou ningunha corrente de auga a maiores ademais do indicado río Amenal.

Polo que respecta ás posibles afeccións de zonas inundables do río Amenal cómpre indicar que, do levantamento topográfico realizado, se deprende que a actuación se desenvolve na súa cota máis baixa, arredor dos 200 m de altitude mentres que o río discorre a unha cota de 191 m. É dicir, existe unha diferenza de cota de 9 m, co que non se considera factible que un río que nace a tan só 5 km do ámbito poida alcanzar cunha enchente a cota indicada. Esta consideración fai que non sexa pertinente a realización de estudos hidrolóxico-hidráulicos.

• Sociedade e economía.

O plan parcial efectúa as reservas de solo para dotacións urbanísticas nos lugares máis axeitados para satisfacer as necesidades da poboación, de cara a asegurar a súa accesibilidade universal, funcionalidade e integración na estrutura urbanística.

No estudo económico do plan parcial inclúese unha partida para as medidas de aplicación e o plan de seguimento.

• Ciclo de materiais.

Tendo en conta que se leva a cabo unha urbanización mínima, cunha mínima alteración topográfica, constituída por unha vía de dimensións estritas e unha zona de aparcadoiro para dar cumprimento á lexislación vixente, enténdese que o plan parcial fomenta a redución do consumo de materiais e de produción de residuos.

• Variable atmosfera e cambio climático.

A zona que se vai urbanizar está constituída pola rede viaria, o aparcadoiro e as zonas verdes.

A elección do formigón desactivado para as pavimentacións, polo seu baixo mantemento, resulta coherente coa redución das emisións contaminantes.

O mantemento do estado dos terreos e a vexetación nas zonas verdes tamén contribúe á mellora das condicións atmosféricas e á redución de emisións contaminantes e gases efecto invernadoiro. Na zona verde conservarase a naturalidade e as zonas pavimentadas serán as mínimas para xerar unha rede de sendeiros. O ámbito conta cunha dotación de árbores elevadísima con respecto ás dotacións requiridas polo RLSG.

A obriga de executar o pechamentos con materiais tradicionais mellora a eficiencia no uso dos recursos.

Os residuos producidos na empresa xa implantada e que seguirán a producirse son de dous tipos: residuos non perigosos procedentes fundamentalmente de embalaxes e residuos producidos pola transformación do leite. Os primeiros son levados a un xestor autorizado e os segundos, aínda que hoxe en día están a ser tratados na planta, estase a levar a cabo un proxecto de I+D+i para a súa valorarización, esperando que, nun prazo breve de tempo, o resultado da transformación do leite dea residuo “0”. Un dos obxectivos deste desenvolvemento é o de habilitar a execución das estruturas necesarias para seguir desenvolvendo este proxecto de I+D+i.

Por outra banda, a industria xa implantada prevé medidas de aforro enerxético coa colocación dun importante número de paneis solares na cuberta para produción de auga quente.

Por último e no que afecta esta variable, o plan parcial incorpora un plano de zonificación acústica de acordo cos usos previstos neste.

Na normativa establécense os obxectivos de calidade acústica para cada unha das zonas.

Ademais estúdase a transición entre áreas acústicas lindeiras cando a diferenza entre os obxectivos de calidade aplicables a cada unha delas superen os 5 dBA, en concreto, cóidase que no cemiterio non se superan os obxectivos de calidade acústica, para o cal resulta de especial importancia a posición da zona verde, e parcela de equipamento e a conservación da masa forestal.

Na normativa promóvese a redución da contaminación lumínica tanto nas zonas que se van urbanizar como na zona industrial.

• Enerxía.

O plan parcial, na epígrafe correspondente, cuantifica as necesidades de enerxía eléctrica que serán necesarias no ámbito a teito de edificabilidade concluíndo que os transformadores e acometida existentes na actualidade son suficientes para o desenvolvemento previsto. Non obstante, será preceptivo o informe da compañía subministradora.

Na normativa, para o uso industrial promoverase o aforro enerxético e o emprego de enerxías renovables.

Por outra banda, a industria xa implantada prevé medidas de aforro enerxético coa colocación dun importante número de paneis solares na cuberta para produción de auga quente, e é previsible que se continúe con esta política de aforro de enerxía.

Tamén se imporá na normativa, no referente aos proxectos de urbanización o emprego de sistema de iluminación exterior de maior eficiencia, menor consumo e menor contaminación lumínica.

2. Xustificación de como se consideraron no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica.

O plan parcial do solo urbanizable S-04 de Touro foi aprobado inicialmente polo pleno municipal do 6 de xullo de 2017.

A aprobación inicial foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 6 de setembro de 2017 e no xornal El Correo Gallego do 16 de agosto de 2017.

2.1. Interesados.

Foron notificados individualizadamente os propietarios catastrais presentes no ámbito: María Araceli Suárez Sanda, Queizuar, S.L. e Queixerías Bama, S.L.

Así mesmo, realizáronse consultas individualizadas á Asociación de Veciños San Vicente de Bama e Asociación de Veciños Campanario.

Non se recibiu ningunha alegación nin proposta ou suxestión de ningún destes interesados.

2.2. Concellos limítrofes.

Notificouse ao concellos limítrofes de Boqueixón, Vila de Cruces, O Pino e Arzúa, e recibiuse resposta dos dous primeiros. Ambos os dous manifestan que o plan parcial non ten incidencia sobre os seus respectivos concellos.

2.3. Compañías subministradoras.

Solicitáronse informes de Espina y Delfín, compañía prestadora do servizo de abastecemento de auga, Udesa, compañía subministradora da enerxía eléctrica e Movistar, compañía prestadora do servizo de telefonía fixa e por cable.

Movistar non chegou a emitir o correspondente informe no prazo correspondente.

Udesa presta conformidade ao recollido nos documentos que integran o plan parcial. A análise das necesidades da rede de abastecemento de enerxía eléctrica e da capacidade desta aparecen recollidas no número 2.3.2.7 da memoria, concluíndo que os dous centros de transformación existentes teñen capacidade suficiente para satisfacer os 876 kVA previstos no ámbito.

Espina y Delfín informa de que a rede existente na actualidade é suficiente para subministrar o caudal de auga diario da hipótese de dimensionamento de 0,76 l/sg para abastecemento. Porén, tamén informa que a rede existente non é suficiente para abastecer o caudal de auga para as bocas de rega e hidrantes da dotación contra incendios.

A este respecto, cómpre indicar que se tiveron en conta os seguintes criterios:

Non existe normativa específica que recolla a necesidade e dimensionamento e necesidade de hidrantes en solos urbanizables industriais. O código técnico CTE no DB-SI, seguridade en caso de incendio, na sección SI-4, sobre instalacións de protección contra incendios, prevé a necesidade de hidrantes exteriores para uso residencial de vivenda, administrativo, residencial público, hospitalario, docente, comercial, pública concorrencia e aparcadoiro. O Real decreto 2267/2004, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais prevé a necesidade de hidrantes de seguridade contra incendios no caso de establecementos industrias pero non hidrantes no espazo urbanizado.

O Plan parcial do sector S-04 desenvólvese para a ampliación e mellora dunha industria de fabricación de queixo existente. Tendo en conta que non van existir máis empresas no ámbito, enténdese que os elementos de seguridade contra incendios deberán garantirse desde o proxecto de execución da ampliación da mencionada empresa e non desde o espazo público.

Segundo o anterior elimínase o hidrante previsto no plan parcial e imponse na normativa a necesidade de que a empresa instalada dentro do ámbito conte co seu propio sistema de abastecemento de auga para os hidrantes necesarios en función da lexislación vixente, hoxe en día o Real decreto 2267/2004.

Para tal efecto, a empresa iniciou xa hoxe en día os trámites para executar unha traída privada que garanta o abastecemento dos hidrantes necesarios.

Engádese un novo número ao artigo 8.1, que queda redactado como segue:

8.1.8. Condicións de seguridade.

Garantirase o cumprimento do disposto na lexislación sobre seguridade contra incendios nos establecementos industriais. O abastecemento de auga para hidrantes, en condicións de presión e caudal suficientes, realizarase por medios propios debidamente autorizados (captacións, pozos, etc.), non podendo conectarse, para este fin, á rede municipal.

Dentro da parcela executarse un depósito con esta finalidade exclusiva e garantirase con medios mecánicos, se for preciso, as condicións de caudal e presión suficientes.

A concesión das licenzas necesarias condiciónase ao cumprimento deste aspecto con carácter previo ao seu outorgamento.

2.4. Informes sectoriais.

Solicitáronse os seguintes informes sectoriais, que non foron emitidos en tempo e prazo: Augas de Galicia.

Solicitáronse os seguintes informes sectoriais, que foron emitidos en tempo e forma:

• Delegación do Goberno en Galicia.

Data e emisión do informe: 24 de outubro de 2017.

Informa que non existe ningún ben ou dereito afectado.

• Instituto de Estudos do Territorio.

Data de emisión do informe: 6 de novembro de 2017.

Informa que non se formulan obxeccións ao plan parcial.

• Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Data de emisión do informe: 14 de novembro de 2017.

Informa da lexislación e dos instrumentos de planificación dos sectores de electricidade e gas e das redes de transporte de enerxía eléctrica. Tamén informa de que as empresas subministradoras existentes nas proximidades do sector son Unión Fenosa Distribución, S.A. e Unión Distribuidores Electricidad, S.A. debendo coordinar con eles as actuacións previstas.

Ao respecto deste informe cómpre indicar que a empresa subministradora na parroquia de Bama é Unión Distribuidores Electricidad, S.A., UDESA, á que se lle solicitou informe no proceso de tramitación do plan parcial, resultado que esta presta conformidade ó recollido nos documentos en tramitación.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Data de emisión do informe: 29 de novembro de 2017.

Informa do seguinte:

– Deberá recollerse na normativa, como obriga para o proxecto de urbanización, que se inclúan as TDU (técnicas de drenaxe urbana sustentable) precisas para garantir dun xeito cualitativo e cuantitativo a volta da auga pluvial ao medio receptor, reducindo ao mínimo posible a selaxe do solo, mediante a utilización de pavimentos filtrantes, espazos verdes ou sen pavimentar, gabias filtrantes, reutilización das augas, etc.

– O reaxuste do sector require informe favorable de Augas de Galicia, así como audiencia aos propietarios afectados.

– O plan parcial non analiza a situación dos terreos lindeiros desde o punto de vista forestal nin fai as previsións oportunas tendo en conta a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

– Cómpre incorporar ao planos as rasantes das vías.

– As vías principais do sector deben incorporar un carril-bici.

– Debe resolverse o encontro entre as vías VR-01 e VR-02.

– Incluirase no plan parcial as características e trazado da rede de gas.

– Incluirase a xustificación do cumprimento da totalidade da Orde VIV/561/2010 que lle sexa de aplicación ao plan parcial.

Consonte o informe introdúcense as seguintes modificacións no documento:

Modifícase o artigo 6.1, que queda redactado como segue:

– As solucións da rede viaria faranse do xeito máis permeable posible desde o punto de vista construtivo, deixando as solucións de pavimento impermeable estritamente para aquelas zonas rodadas en que esta solución é imprescindible.

– O proxecto de urbanización preverá especificamente a xustificación do emprego das TDU (técnicas de drenaxe urbana sustentable) precisas para garantir dun xeito cualitativo e cuantitativo a volta da auga pluvial ao medio receptor, reducindo ao mínimo posible a selaxe do solo, mediante a utilización de pavimentos filtrantes, espazos verdes ou sen pavimentar, gabias filtrantes, reutilización das augas, etc.

A respecto do reaxuste do sector cómpre indicar que foi solicitado informe de augas de Galicia, o cal non foi emitido. Tamén foron notificados os propietarios afectados, que son os mesmos do resto do sector.

A respecto da existencia de terreos forestais, cómpre indicar o seguinte:

– O plan parcial realiza unha análise dos terreos circundantes, incluídos os forestais, nos números 1.7.3. 1.8, 2.3.5 da memoria.

– O plan parcial realiza as previsións oportunas de acordo coa Lei 3/2007, incorporándoas ao artigo 7.7 da normativa e fixando as faixas de xestión da biomasa no plano O-04. A este respecto, cómpre sinalar que foi solicitado o informe correspondente ao órgano autonómico competente en materia forestal, que eimitiu con resolución favorable.

A respecto das rasantes, estas incorpóranse ao plano O-05 definición xeométrica, aliñacións e rasantes.

A respecto do carril-bici, cómpre indicar que a falta de continuidade fóra do sector, así como a escasa superficie deste, que leva a prever unha única nova vía de tan só 158 m, fai que a previsión deste elemento careza de coherencia. Non obstante, e de cara á xustificación do disposto no punto 74.2 do RLSG, estudouse, no número 2.3.2.1 da memoria, a sección da rede viaria con referencia expresa á vía peonil e ciclista, concluíndo que a senda peonil pode cumprir esta función, posto que, co largo de 2,50 m considerado permite facilmente o cruzamento ocasional entre dúas bicicletas ou entre un peón e unha bicicleta.

Aínda así, procede modificar o ancho da senda peonil ata tres metros para que poida acoller con maior facilidade o mencionado carril-bici.

A respecto das vías VR-01 e VR-02, modifícase lixeiramente o seu trazado para realizar unha conexión máis axeitada.

Inclúese no plan parcial a rede de gas.

Inclúese a xustificación da totalidade das disposicións da Orde VIV/561/2010.

• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tercnolóxica.

Data de emisión do informe: 23 de novembro de 2017.

Informa do seguinte:

As actuacións comprendidas no plan parcial non é previsible que teñan impacto nas actividades de acuicultura mariña ou continental.

• Dirección Xeral Patrimonio Cultural.

Data de emisión do informe: 15 de decembro de 2017.

Informa do seguinte:

– Deberán adaptarse e regularizarse os límites da zona verde posto que aparentemente responden a un simple cómputo de superficies.

– Deberá preverse unha barreira vexetal que oculte as novas instalacións nos bordos leste e oeste.

– Deberá modificarse a ordenanza 1 procurando o fraccionamento das naves, facendo referencia á autorización previa da Consellería de Cultura, indicando o recuamento das edificación con respecto á totalidade dos límites do ámbito e á plantación nestes espazos de barreiras vexetais, reducindo a lonxitude máxima das naves, limitando o número de plantas, limitando a altura máxima e regulando os materiais da fachada tipo.

– Deberá modificarse a ordenanza de equipamento relativa ás condicións estéticas.

– Deberá modificarse a ordenanza da zona libre privada eliminando a posibilidade de que este espazo sexa utilizado como espazo para almacenamento ou aparcadoiro provisionais.

A respecto desta cuestión, realízanse as modificacións normativas indicadas no informe.

• Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

Data de emisión do informe: 18 de decembro de 2017.

Emite informe favorable do plan parcial presentado.

• Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento.

Data de emisión do informe: 21 de decembro de 2017.

Emite informe favorable do plan parcial presentado.

• Ministerio de Defensa.

Data de emisión do informe: 9 de xaneiro de 2018.

Emite informe favorable do plan parcial presentado.

2.5. Alegacións e informes con temática ambiental.

Como se indicou en parágrafos anteriores, non se presentaron alegacións e os únicos informes que conteñen cuestións de índole ambiental son os remitidos pola Dirección Xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio e pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A respecto do primeiro, introduciuse na normativa a obriga de emprego das TDU (técnicas de drenaxe urbana sustentable) así como o trazado do carril-bici en paralelo á senda peonil.

A respecto do segundo, leváronse a cabo as modificacións na normativa referentes a unha mellor integración das edificación no contorno protexido, impoñendo o fraccionamento de naves, obrigando á plantación de pantallas vexetais nas zonas de recuadamento, reducindo a lonxitude e altura das naves, limitando o número de plantas e regulando os materiais de fachada.

2.6. Resultado da declaración ambiental estratéxica.

Indica a necesidade de incorporación na normativa do establecido no artigo 21.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Polo tanto, na franxa de 50 metros das zonas verdes do ámbito, segundo a disposición adicional terceira non poderá haber as seguintes árbores:

Especie

Nome común

Pinus pinaster

Piñeiro galego

Pino do país

Pinus sylvestris

Piñeiro silvestre

Pinus radiata

Piñeiro de Monterrey

Pseudotsuga menziesii

Piñeiro de Oregón

Acacai dealbata

Mimosa

Acacia melanoxylum

Acacia negra

Eucalyptus spp.

Eucalipto

Calluna vulgaris

Queiroga común

Chamaespartium tridentatum

Carqueixa

Cytisus spp.

Xesta

Erica spp.

Urce

Genista spp.

Piorno

Pteridium aquilinum

Fieito

Rubus spp.

Silva

Ulex europaeus

Toxo

Con base nisto, restrínxese nas zonas verdes do ámbito ditas especies modificando os artigos 8.4.3 e 8.5.3 sobre condicións de uso destas zonas verdes.

3. Razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

Tal e como se indicou no estudo ambiental estratéxico considéranse catro alternativas.

A alternativa 0, ou non desenvolvemento do ámbito non urbanisticamente resulta viable, pois o desenvolvemento proposto é unha determinación do PXOM. Por outra banda, o PXOM conta con estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico no cal se avalía a escasa incidencia da actuación nas variables ambientais.

O desenvolvemento que consideran as alternativas 1, 2 e 3, intenta viabilizar a execución do ámbito, polo que se xulgan máis axeitadas que a alternativa 0. Tamén se prevé a toma de medidas de integración ambiental no referente aos sistemas de saneamento, abastecemento, iluminación ou pavimentación de maneira que minimicen a posibles afeccións do desenvolvemento.

• Paisaxe: a alternativa 3 resulta máis coherente cos obxectivos referentes á variable paisaxe fixados no punto anterior ao axustarse máis á ampliación das instalacións existentes e minimizar o impacto da urbanización. A alternativa 2 resulta máis axeitada que a 1 por conservar parte da vexetación existente na zona verde, creando pantalla vexetais.

• Patrimonio cultural: a alternativa 3 presenta unha ordenación máis compatible coa conservación dos valores patrimoniais do contorno ao reducir o impacto da urbanización e prevé unha reordenación dos accesos á igrexa parroquial que mellora a súa posta en valor. A alternativa 2 presenta unha zona de aparcadoiro entre a zona verde e a igrexa de elevado impacto sobre o ben patrimonial protexido.

• Patrimonio natural: as alternativas 2 e 3 prevén a conservación das masas arbóreas existentes. A alternativa 1 sitúa as zonas verdes nas parcelas de cultivos dedicando a parcela edificable a masa forestal de especies autóctonas existentes. A alternativa 3 tamén supón unha mellor opción por reducir a superficie que se vai urbanizar.

• Ocupación do territorio: como no caso anterior, a conservación das masas forestais existentes son valores cos cales contan as alternativas 2 e 3.

• Mobilidade: as tres alternativas presentan os mesmos criterios de valor respecto desta variable.

• Enerxía: as tres alternativas presentan os mesmos criterios de valor respecto desta variable.

• Atmosfera e cambio climático: a alternativa 3 presenta criterios de valor respecto das outras dúas ao limitar as empresas que se poden instalar no ámbito, que nesta opción se circunscribe á ampliación das actividades de fabricación de queixo xa existentes. Nas outras dúas alternativas ábrese a posibilidade de implantar novos usos.

• Ciclo hídrico: as tres alternativas presentan os mesmos criterios de valor respecto desta variable.

• Ciclo de materiais: as tres alternativas presentan os mesmos criterios de valor respecto desta variable.

Analizadas as alternativas, desde o punto de vista das necesidades de ampliación das instalacións existentes resultan ser as tres válidas.

Tendo en conta todos os obxectivos ambientais tratados, considérase máis axeitada a alternativa 3.

4. Resumo das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente de aplicación do plan.

O documento de alcance para a avaliación ambiental estratéxica ordinaria do Plan parcial do S-04 de Touro sinalou a necesidade de que os órganos promotores leven a cabo un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución do plan parcial, así como para identificar con presteza os efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas axeitadas para evitalos.

O seguimento e control dos impactos producidos na nova área industrial proposta no plan parcial será responsabilidade do órgano xestor destas áreas, e informará o concello como órgano promotor, mentres que o control do resto dos indicadores que figuran no plan de seguimento corresponderá ao órgano promotor do plan, informando ao órgano ambiental de calquera desviación que se produza.

A periodicidade para a emisión destes informes será a seguinte:

• Anualmente o órgano xestor da área industrial elevará un informe ao concello.

• Quinquenalmente o Concello de Touro elevará un informe sobre o cumprimento do plan de seguimento ao órgano ambiental competente. No informe do plan de seguimento elaborado polo Concello de Touro teranse en conta os informes do plan de seguimento elaborados polo órgano xestor mencionados no parágrafo anterior.

Os criterios ambientais estratéxicos e os indicadores dos obxectivos ambientais están expostos e desenvolvidos nas epígrafes correspondentes do presente estudo ambiental estratéxico. Seguindo a batería de indicadores que figura no punto anterior e os impactos identificados e/ou previstos nas diferentes fases da implantación do plan parcial, elabórase o seguinte plan de seguimento, de acordo co indicado documento de alcance para a AAE do plan parcial:

Programa de seguimiento

Variable

Impacto potencial

Método de control

Duración e frecuencia

Consum de solo

Edificación fóra das áreas delimitadas polo Plan

Seguimento de licenzas: a edificación total non superará o 70 % do ámbito

Cada vez que se emita licenza municipal

Ciclo hídrico

Alteracións da calidade das augas superficiais.

Vertidos potenciais cara o río do ámbito

Vixilancia directa e análise de parámetros físico-químicos da auga

Mensual (órgano xestor)

Velarase pola calidade da auga da ETAP e pola inocuidade das verteduras da EDAR

Manter limpos os colectores para augas pluviais para evitar inundacións e/ou contaminación das augas e os leitos fluviais

Cando proceda

Enerxía

Consumo enerxético na iluminación pública.

Contaminación lumínica

Vixiarase que a dotación e substitución das lámpadas se realicen con dispositivos de baixo consumo

Cando sexa necesario

Vixiarase que as pantallas sexan conformes coa normativa sobre contaminación lumínica e, cando proceda, serán substituídas por outras iguais

Xestión de

residuos

Xeración de residuos industriais e urbanos

Establecemento de pautas de separación dos refugallos e de reciclaxe

Cando o requira o plan de residuos

Vixiar que non se depositen refugallos de calquera tipo fóra dos puntos destinados a ese fin (punto limpo)

Establecemento dun plan de residuos

Medio natural

Alteración da naturalidade do medio

Vixiarase calquera acción que poida afectar o medio natural en calquera das súas formas

Mensual (órgano xestor)

Medio socioeconómico

Incremento de emisións derivado da actividade industrial.

Infraestruturas, equipamentos e dotacións para o polígono

Vixiarase que non se produzan emisións perigosas para a saúde humana segundo o disposto na normativa vixente

Semanal (órgano xestor)

Vixiarase o adecuado mantemento das zonas verdes, tendo en conta que, ademais do desfrute da poboación, se preverán como áreas de transición entre as áreas naturais do contorno e o polígono

Máis concretamente, vixiaranse os seguintes parámetros:

• Calidade do aire (fase de obras): impactos provocados pola maquinaria de obra e o tráfico de vehículos pesados.

• Ruído e vibracións (fase de obras): procedente do tráfico pesado.

• Calidade da auga: escorrentía superficial.

• Paisaxe: verificación do estado de implantación das medidas de corrección da paisaxe e do seu mantemento.

• Residuos: orixe, volume, caracterización e destino dos distintos tipos de residuos producidos nas fases de obras e de funcionamento.

• Contaminación de solos: verificación do estado de implantación das medidas de prevención da contaminación dos solos e do seu estado de mantemento.

• Integración social: verificación do estado da integración social do proxecto fronte a persoas discapacitadas.

Variables que deben ser medidas:

• Calidade do aire (fase de obras): niveis de inmisión e emisión para as seguintes variables: CO e CO2.

• Ruído e vibracións (fase de obras e explotación): procedente do tráfico pesado e da actividade industrial.

• Calidade da auga: escorrentía superficial. Condutividade eléctrica dos ríos augas arriba e abaixo do ámbito.

• Paisaxe: verificación do estado de implantación das medidas de corrección da paisaxe e do seu mantemento. As variables que hai que considerar son: superficie revexetada e número de árbores introducidos nas zonas verdes.

• Residuos: orixe, volume, caracterización e destino dos distintos tipos de residuos producidos nas fases de obras. As variables que hai que considerar son: volume de residuos urbanos e industriais, e o seu destino. Residuos de envases e embalaxes, residuos inertes, residuos perigosos. Polo que respecta aos residuos industriais, será a empresa instalada na área industrial a que, segundo a súa licenza de actividade, controle este parámetro, e será verificado o seu cumprimento polo órgano xestor.

• Contaminación de solos: verificación do estado de implantación das medidas de prevención da contaminación dos solos e do seu estado de mantemento.

• Integración social: as variables que se seguirán son: número de prazas de aparcadoiro dedicadas a persoas discapacitadas, a súa localización estratéxica e o seu uso; e detección e eliminación de barreiras arquitectónicas na urbanización, na edificación para uso industrial e na accesibilidade ás áreas públicas.

• Cando se soliciten novas licenzas de construción exixirase o cumprimento do especificado no CTE (tratamento dos RCD, medidas preventivas fronte á acumulación de radon, así como o establecemento das frecuencias de medición deste gas), e informarase o órgano ambiental das desviacións rexistradas.

Control dos vertidos á rede de saneamento:

Analizaranse as vertiduras que, desde a área industrial se dirixen á rede de saneamento. A análise será semestral, e farase a partir dunha mostra integral representativa de funcionamento en 24 horas, e sobre ela determinaranse os parámetros que establece a normativa do plan parcial.

A seguir, relaciónanse os niveis máximos indicativos que hai que respectar:

• Temperatura: 30º C.

• PH: 5,5 - 8,5.

• Materias en suspensión: 250 mg/l.

• DBO5: 500 mg/l.

• DBQ: 500 mg/l.

• N (Kjeldahl): 10 mg/l.

• Fluoruros (en F): 10 mg/l.

• Sulfuros (en SO2): 1 mg/l.

• Sulfatos (en SO3): 400 mg/l.

• Cianuros: 0,5 mg/l.

• Arsénicos (As): 0,2 mg/l.

• Cádmio (Cd): 0,1 mg/l.

• Cromo (Cr3+): 2 mg/l.

• Cromo (Cr8+): 0,5 mg/l.

• Ferro (Fe): 10 mg/l.

• Mercurio (Hg): 0,01 mg/l.

• Chumbo (Pb): 0,5 mg/l.

• Niquel (Ni): 2 mg/l.

• Cobre (Cu): 1 mg/l.

• Zinc (Zn): 2 mg.

• Aceites e graxas: 100 mg/l.

• Hidrocarburos: 20 mg/l.

• Fenois: 1 mg/l.

• Cloro activo: 3 mg/l».

Touro, 7 de xuño de 2018

Ignacio Codesido Barreiro
Alcalde