Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 11 de xullo de 2018 Páx. 33025

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2018 pola que se convocan a concurso público prazas de persoal docente e investigador contratado.

Esta reitoría, en cumprimento do acordado polo Consello de Goberno do 20 de marzo de 2018, resolveu convocar para a súa provisión mediante concurso público as prazas de profesor asociado de Prácticas Tuteladas da Facultade de Farmacia que figuran como anexo I a esta resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Aos concursos obxecto desta convocatoria seranlles de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada por acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos Consellos de Goberno do 10 de maio de 2007, do 22 de xullo de 2009 e do 2 de maio de 2013 (en diante, Normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio) así como no Convenio subscrito cos colexios de farmacéuticos da Comunidade Autónoma, a proposta da comisión mixta establecida no citado convenio e as bases desta convocatoria.

1.2. Cando os prazos aos que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados e domingos e os declarados festivos, segundo o disposto no artigo 30 de la LPACAP. Considéranse festivos a estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día no que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

Para o cómputo de prazos, o mes de agosto considérase inhábil para todos os efectos.

2. Prazas convocadas.

2.1. Convócanse catro prazas de profesor asociado para coordinar as prácticas tuteladas do alumnado da Facultade de Farmacia, nos ámbitos territoriais das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, nos termos establecidos no anexo I desta convocatoria.

3. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos que as persoas aspirantes deberán reunir para ser admitidas nestes concursos serán, uns de carácter xeral, e outros de carácter específico dado o carácter das prazas convocadas.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3.1. Requisitos de carácter xeral:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es nos termos en que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito, e os descendentes do cónxuxe non separado de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, ou de nacionais doutros estados cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España.

As/os nacionais de estados distintos dos indicados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratadas/os, sempre que se atopen en España en situación de legalidade e sexan titulares dun documento que as/os habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos dezaseis anos.

c) Non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública española, da Unión Europea ou do Estado do que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.

e) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

f) Estar en posesión do título universitario oficial ou do título concreto, que se especifica para cada praza no anexo I desta convocatoria, ou da certificación supletoria correspondente. Cando o título se obtivera no estranxeiro, deberá estar homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou ter declarada a equivalencia. No caso de candidatas/os con títulos da Unión Europea, deberá estar en posesión da homologación ou da credencial de recoñecemento dirixido ao exercicio da profesión de profesorado de universidade.

g) No caso de persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

3.2. Requisitos de carácter específico:

Unicamente poderán participar neste concurso as/os farmacéuticas/os titulares e adxuntos de oficinas de Farmacia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter desenvolvida actividade profesional como farmacéutica/o por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, computados por referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter impartidas prácticas tuteladas como titores con anterioridade, no ámbito territorial para o que se convoca a praza.

4. Solicitudes.

4.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar na instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Deberase presentar unha instancia por cada concurso no que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 6.3. desta convocatoria.

4.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

4.3. A presentación da solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta Universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avda. Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da LPACAP. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas antes de que procedan á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de terse presentada a solicitude a través dos últimos procedementos descritos, as persoas solicitantes deberán adiantar por correo electrónico ao enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

4.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboar á USC, por cada concurso no que soliciten participar, a cantidade de 41,56 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos, poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES07-2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exenta do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación do grao de discapacidade.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa, que deberá estar vixente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

5. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

5.1. Documentación xeral que debe acompañarse á solicitude (anexo II: instancia):

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

b) Fotocopia do título universitario oficial ou declarado equivalente, que se sinala para cada praza no anexo I desta convocatoria ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da Normativa.

c) Recibo de ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o resgardo acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancia non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento de dita taxa.

Non procederá reintegrar as persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

d) Presentarase un currículo por cada concurso ao que se solicite participar, consonte ao modelo anexo III, que para cada categoría se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas concursantes no dito currículo (anexo III), sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 4.2. desta convocatoria, e que dentro do dito prazo sexan acreditados conforme ao establecido na alínea seguinte.

A non presentación do modelo anexo III será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 6.3. desta convocatoria.

e) Certificación académica oficial en que consten as cualificacións obtidas en cada materia na súa titulación.

f) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo ao que se refire a letra d), consonte ao establecido no apartado seguinte da convocatoria e no anexo VI da convocatoria, o cal pode consultarse no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados, estruturados consonte ao modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas, numeración que debe coincidir coa indicada no currículo (anexo III) para cada mérito. Estes documentos presentaranse encadernados (espiral ou canutiño), ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. A tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde na que foi presentada.

Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome da persoa aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de curriculum (anexo III), indicando o número de orde do arquivador que os contén.

No caso de que se solicite concorrer a varios postos da mesma área, categoría e centro, que serán xulgados por unha mesma comisión, será suficiente con presentar un exemplar desta documentación acreditativa de méritos.

Toda a documentación acreditativa de méritos á que se refire esta alínea e) deberá aportarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos rematado o antedito prazo, nin sequera no prazo de emenda de documentación ao que se refire a base 6.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

A non presentación do modelo de currículo (anexo III) ao que se refire a alínea d) determinará a non valoración dos méritos da persoa aspirante. A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme ao establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5.2. Documentación específica que se debe presentar:

g) Certificación do Colexio Profesional de Farmacéuticos no que conste que está de alta e que a actividade profesional vén sendo desenvolvida nas condicións que se indican na base terceira desta convocatoria.

h) Certificación expedida polo Decanato da Facultade de Farmacia desta universidade, do período no que foron impartidas as prácticas tuteladas como titores.

A totalidade dos méritos alegados na solicitude deberán ser acreditados mediante documento orixinal ou fotocopia perfectamente lexible e deberán achegarse integramente coa solicitude para o seu exame pola comisión. A non presentación dos documentos indicados nos apartados a), b), c), g) e h) será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 6.3 desta convocatoria.

6. Admisión de aspirantes.

6.1. A Vicerreitoría de Profesorado, publicará unha resolución aprobando a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de quince días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado.

6.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de persoas aspirantes admitidas e excluídas poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión, senón serán excluídas definitivamente da realización das probas.

6.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de quince días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

6.5. Esta resolución, que será publicada nos mesmo taboleiros e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato na categoría docente de que se trate.

7. Documentación relativa ao proxecto de actividades docentes. Prazo de presentación.

7.1. As persoas concursantes a prazas de profesor asociado deberán presentar un proxecto de actividades docentes que deberá axustarse ao indicado para a guía docente na alínea B do artigo 23 da Normativa.

7.2. O proxecto de actividades docentes poderá presentarse xunto co formulario que figura como anexo VII no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, nun prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG. Estes documentos estarán numerados en cada unha das súas páxinas e encadernados, ou suxeitos de modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente, que impida a posterior inclusión ou perda de información. Cando non se presente en prazo o proxecto de actividades docentes, entenderase que a persoa aspirante desiste da súa solicitude de participación no concurso correspondente, e o seu expediente non será valorado e será arquivado sen mais trámite.

8. Comisión de selección.

8.1. Os méritos das persoas aspirantes serán xulgados por unha comisión de selección (anexo IV) composta por profesorado da Universidade entre as que deben figurar os membros da Comisión Mixta Delegada de seguimento do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e os colexios de Farmacéuticos. Presidirá a comisión a decana da Facultade de Farmacia, que disporá de voto de calidade en caso de empate nas votacións.

9. Baremo.

A comisión efectuará a súa avaliación de conformidade co seguinte baremo:

I. Rendemento académico: máximo 5 puntos.

• Expediente académico: licenciado/graduado (máximo 3 puntos).

• Grao licenciado/DEA: 0,25 puntos.

• Master: 0,25 puntos.

• Doutorado: 1,5 puntos.

II. Experiencia docente en prácticas tuteladas: máximo 10 puntos.

• Experiencia docente como asociado de prácticas tuteladas: 0,5 puntos/ano (máx. 6).

• Experiencia docente como titor de prácticas tuteladas: 0,2 puntos período (máx. 4).

III. Experiencia profesional como farmacéutico: máximo 4 puntos.

• Experiencia profesional como farmacéutico: 0,25 puntos/ano.

IV. Experiencia investigadora relacionada con farmacia comunitaria/hospitalaria: máximo 4 puntos.

• Publicacións: (máximo 2 puntos).

• Congresos: (máximo 1 punto).

• Dirección de teses, tesinas, TFG: (máximo 1 punto).

V. Outros méritos: máximo 2 puntos.

• Formación continua acreditada dos 10 últimos anos relacionados con farmacia comunitaria (máximo 1,5 puntos).

• Outros (máximo 0,5 puntos).

VI. Proxecto da actividade docente a desenvolver: máximo 10 puntos.

10. Desenvolvemento do concurso.

10.1. A comisión establecerá con anterioridade á avaliación dos méritos dos aspirantes, os criterios a empregar na avaliación dos distintos apartados, agás para o relativo ao apartado I.

10.2. A orde de actuación das persoas aspirantes a prazas con probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra «G», de conformidade co establecido na Resolución do 17 de xaneiro de 2018 da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

10.3. A selección de profesores asociados de prácticas tuteladas levarase a cabo en dúas fases.

I. Primeira fase.

A primeira fase consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador.

A comisión de selección valorará os currículos dos aspirantes consonte ao establecido no baremo.

Concluída a valoración dos currículos faranse públicos os resultados e convocarase aos candidatos para a realización da segunda fase, indicando a data, hora e lugar de realización desta.

II. Segunda fase.

A segunda fase constará dunha única proba, de carácter eliminatorio, que consistirá na exposición oral en sesión pública do proxecto de actividades docentes a desenvolver durante un tempo máximo de corenta e cinco minutos.

Seguidamente a comisión debaterá co candidato sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo dunha hora.

A puntuación final de cada concursante virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ámbalas dúas fases.

10.4. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de reclamacións e recursos, non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos previo aboamento das taxas correspondentes.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber reclamación ou recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

11. Proposta de provisión.

11.1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización das probas, o presidente da comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios do centro no que actúe a comisión e no taboleiro electrónico da USC, a proposta motivada sobre a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de puntuación. Sobre a forma e a motivación da proposta estarase ao disposto no artigo 28 da Normativa.

11.2. Contra a proposta de provisión destas prazas poderase interpoñer reclamación ante o reitor, nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC, que será instruída por unha comisión de revisión nos termos e consonte ao procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da Normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a contratación da persoa candidata proposta, salvo resolución motivada en contrario.

12. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

12.1. A resolución reitoral, que autorice, cando proceda, a contratación do/da candidato/a ou candidatos/as segundo a orde de puntuación, farase pública no taboleiro electrónico da USC, así como na páxina web da Universidade http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá á notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos que esta, segundo o previsto no artigo 59.6.b) da LRX-PAC.

12.2. As persoas candidatas ás que se atribúan as prazas obxecto de concurso deberán asinar o contrato nun prazo de dez días hábiles, segundo se indique na resolución pola que se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

12.3. Antes de proceder á sinatura, a persoa candidata deberá presentar copias compulsadas (ou simples acompañadas dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos de carácter xeral e específicos para cada tipo de praza exixidos nesta convocatoria, sempre que non os presentase xunto coa instancia. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal. Estes documentos deberán presentarse en:

• Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador-Colexio de San Xerome-Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Vicexerencia-Edificio Biblioteca Intercentros-Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

A acreditación do requisito exixido na base 3.1.d) farase mediante certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais. O dito certificado pode solicitarse ao Ministerio con competencias en materia de Xustiza.

A acreditación do requisito exixido na base 3.1.e) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

De non presentarse a documentación na forma e prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela se deriven desta convocatoria.

12.4. Se a persoa candidata non asinase o contrato dentro do prazo sinalado no punto 2 desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o que fose seleccionada e procederase a formalizar a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

12.5. Con carácter xeral os contratos que se deriven desta convocatoria producirán efectos desde a data en que se asinen, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que, en ningún caso, poidan ter efectos retroactivos. Tan só, unha vez formalizada a relación xurídica, terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

12.6. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria as normas contidas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica e demais normativa de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e as súas normas de desenvolvemento.

13. Duración dos contratos.

Estes contratos terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles, ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior, e a súa duración será a que corresponda segundo o establecido no artigo 35 da Normativa.

14. Réxime de dedicación e retributivo.

Os que corresponden a ASOC T3-P3, segundo establece o artigo 32.5 do Convenio colectivo para o PDI laboral.

15. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Profesor asociado.

Nº concurso: 2001/18-19.

Nº de prazas: 4.

Localización das prazas:

1 provincia da Coruña (ref. HX0451).

1 provincia de Lugo (ref. HX0448).

1 provincia de Ourense (ref. HX0449).

1 provincia de Pontevedra (ref. HX0450).

Perfil: estadías ou prácticas tuteladas (G2081524).

Titulación: graduado/a ou licenciado/a en Farmacia.