Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29581

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 0,4 bar para subministración a Vila de Cruces, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/1-0).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, Local 31- HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 7.9.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2014/76-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia do 20.10.2016.

Segundo. O 23.3.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para a súa aprobación, o proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 400 mbar en Vila de Cruces (Pontevedra). Neste proxecto de execución situouse a instalación da planta de GNL nunha parcela diferente á prevista no que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

Segundo o disposto no proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COIIM), de xeito resumido, as actuacións que se van realizar son as seguintes:

– A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral 36059A040004210000ML (polígono 40, parcela 421, Camballón, termo municipal de Vila de Cruces), e disporá das seguintes características xerais: capacidade de almacenamento de GNL de 10 m3 (cun depósito horizontal); capacidade de regasificación de 173 m3(N)/h; e presión de subministración de gas natural de 400 mbar.

– A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Vila de Cruces, realizarase no rango de presión MOP = 400 mbar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6 / SDR 17, e estará constituída por unha rede principal que partirá da citada planta de GNL (en diámetro de 160 mm) e unha rede secundaria que partirá da rede principal e ramificarase polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 110, 90 e 63 mm). A lonxitude total da rede de distribución será de 2.844 m.

Terceiro. O 15.5.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a planta satélite de almacenamento e a rede de distribución de GNL a Vila de Cruces (Pontevedra) (expediente IN627A 2017/1-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2.10.2017, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 7.11.2017 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 15.9.2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vila de Cruces desde o 31 de maio ata o 27 de xuño do 2017.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 28.8.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Vila de Cruces, Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, S.A., Vodafone-ONO, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e a Deputación de Pontevedra, pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionamento técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, que presentou a súa conformidade.

Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, S.A., Vodafone-ONO e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) non contestaron a petición de informe nin á súa reiteración, e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto, sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lle corresponda outorgar.

Quinto. O 30.1.2018 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cambio de denominación social a Nedgia Galicia, S.A.

Sexto. O 9.3.2018 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Nedgia Galicia, S.A., no cal se emite informe favorable ao proxecto e se considera que non existen inconvenientes para a súa autorización.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

– Outorgar a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para a instalación da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 0,4 bar para subministración a Vila de Cruces (Pontevedra).

– Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 400 mbar en Vila de Cruces (Pontevedra), de xaneiro 2017, asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COIIM), coa referencia GDO415161200114601; e no que figura un orzamento de 232.276,55 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os desenvolven, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Una vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas