Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2018 Páx. 29400

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO relativo á suspensión de licenzas no ámbito da modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial.

A Xunta de Goberno Local da Cidade de Santiago, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 27 de abril de 2018, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar provisionalmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, segundo o documento reformado elaborado polos servizos técnicos municipais en abril de 2018.

b) En cumprimento do exixido polos artigos 75.1.e) da LSG e 186.1.e) do seu regulamento, remitir o expediente completo, debidamente dilixenciado, á consellería competente en materia de Urbanismo, para a emisión do informe preceptivo e vinculante, previo á resolución da aprobación definitiva que deberá outorgar o Pleno municipal.

c) Publicar no Diario Oficial de Galicia que o prazo da suspensión automática, derivada do acordo de aprobación inicial da presente modificación, se iniciou o día 25 de novembro de 2016, polo que os seus efectos se extinguirán o día 25 de novembro de 2018, agás que con anterioridade se aprobase definitivamente a presente modificación puntual.

En consecuencia, e de conformidade co disposto polos artigos 47.2 da LSG e 86.2 do seu regulamento, faise público que o prazo de suspension automática, derivada do acordo de aprobación inicial da antedita modificación, rematará o día 25 de novembro de 2018, e extinguirase, en calquera caso, coa aprobación definitiva da citada modificación.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2018

O alcalde
P.D. (DEC/4282/2017, do 28 de xuño de 2017)
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda,
Mobilidade e Relacións Veciñais