Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2018 Páx. 29401

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo

ANUNCIO do 28 de maio de 2018 sobre a convocatoria de axudas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo prevé, no seu obxecto social, as relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago. Neste sentido, o Xacobeo considera clave a colaboración a distintos niveis coas devanditas entidades, pois son, historicamente, o máis relevante factor de dinamización desde a sociedade civil do Camiño e as súas rutas, tanto en Galicia como no resto de España e outros países do mundo.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, sexa requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) para o que se habilita un enlace na Guía de procedementos e servizos co código PR990A.

No caso de asociacións ou entidades estranxeiras (asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación) co fin de proceder á solicitude e trámites por medios electrónicos designarán un representante con sinatura dixital en España.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

As bases poderanse consultar na sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, na web www.caminodesantiago.gal ou no teléfono 881 99 62 64/881 99 62 65.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Rafael Sánchez Bargiela
Director xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo