Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2018 Páx. 28994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2018 pola que se procede á retirada do recoñecemento como organización de produtores á Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69).

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 8 de febreiro de 2018 remitiuse proposta de resolución de retirada de recoñecemento como OPP á Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69) polo incumprimento das obrigas previstas con respecto á elaboración dos plans de produción e comercialización aprobados por esta consellería, por parte desa organización de produtores.

Segundo. O Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece o procedemento para o recoñecemento e para a retirada das organizacións de produtores.

Terceiro. O recoñecemento da Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69), tivo lugar ao abeiro do Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura, derrogado polo vixente Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Esta última norma establece no seu artigo 14.1 as obrigas das organizacións de produtores e, entre outras, que as organizacións de produtores presentarán á Administración competente un plan de produción e comercialización anual ou plurianual antes do 31 de outubro do ano en que remate a vixencia do seu plan aprobado. O artigo 15.1, pola súa parte, establece que presentarán á Administración competente un informe anual sobre a aplicación dos plans de produción e comercialización aprobados, antes do 28 de febreiro de cada ano.

Cuarto. O artigo 28.5 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 e a Recomendación 2014/117/UE da Comisión, do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do citado regulamento, indican que as organizacións de produtores deberán presentar o informe anual despois da finalización dos plans de produción e comercialización.

Quinto. Por Resolución do 23 de xaneiro de 2017, a Consellería do Mar aprobou o plan de produción e comercialización presentado pola Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69), para o ano 2017.

Sexto. De conformidade co disposto no artigo 28.7 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, a constatación do incumprimento das obrigas previstas no dito artigo por parte desa organización de produtores con respecto á elaboración dos plans de produción e comercialización e do informe anual aprobados por esta consellería, pode levar consigo a retirada do recoñecemento como organización de produtores. Por tanto, da análise da normativa comunitaria e estatal de desenvolvemento establécese claramente que as organizacións de produtores deberán axustarse ao disposto nestas normas para poder manter o recoñecemento que viñan tendo ata ese momento.

Sétimo. No artigo 3.6 do Real decreto 277/2016 establécese que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas no caso de ámbito autonómico. Así, o recoñecemento será retirado polo mesmo organismo que o outorgou cando as organizacións de produtores deixen de cumprir os requisitos que determinaron o seu recoñecemento ou incumpran o establecido canto ao seu funcionamento.

Oitavo. Á data, a citada organización no presentou o plan de produción e comercialización para o ano 2018, nin tampouco o informe anual de actividades do exercicio 2017 para a súa aprobación. Incumpriu deste xeito a normativa de aplicación.

Noveno. Na súa consecuencia ditouse proposta de resolución de retirada de recoñecemento con data do 6 de febreiro de 2018. No trámite de audiencia concedido na citada proposta, a Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69), non presentou alegacións.

Fundamentos de dereito.

– Regulamento (CE) núm. 2406/1996 do Consello, do 26 de novembro, polo que se establecen normas comúns de comercialización para determinados produtos pesqueiros.

– Regulamento (CE) núm. 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común.

– Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Recomendación da Comisión, do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2913 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado (BOE núm. 75, do 28 de marzo), modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro.

– Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia (DOG núm. 243, do 16 de decembro) modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro.

– Demais normativa de aplicación.

Esta consellería, en cumprimento do artigo 55.1.a) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do establecido nos artigos 3.6 e 15.4 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, por incumprimento de obrigas,

RESOLVE:

Retirar o recoñecemento como organización de produtores á Organización de Produtores Artesanais de Galicia, Opaga (OPP-69), outorgada por Orde do 30 de xuño de 2010 da Consellería do Mar, por incumprimento das obrigas establecidas para as organizacións de produtores na lexislación vixente e, particularmente, por non presentar o informe anual de actividades do exercicio 2017 nin o plan de produción e comercialización para o ano 2018, para a súa aprobación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo máximo dun (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente desta orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os casos desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar