Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2018 Páx. 27896

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 5 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional e de reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, con carácter plurianual (axudas de aloxamento provisional).

BDNS (Identif.): 402463.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional derivados da sinatura dun contrato de alugamento dunha vivenda polas persoas cuxas vivendas resultaron danadas (código de procedemento VI101A) as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter a súa residencia permanente e habitual nunha vivenda danada como consecuencia da citada explosión.

2. Ser titular ou estar en condicións de asinar, en condición de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda. A persoa arrendadora non poderá ter vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendataria. Tampouco poderá ter vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendataria. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios e partícipes.

De conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, as persoas beneficiarias destas axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás o requisito sinalado na letra a) deste artigo.

Segundo. Finalidade

A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional derivados da sinatura dun contrato de alugamento dunha vivenda polas persoas cuxas vivendas resultaron danadas pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018 (código de procedemento VI101A), así como a súa renovación (código de procedemento VI101C).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas son as contidas na orde da convocatoria.

Cuarto. Crédito orzamentario

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 150.000,00 euros para o ano 2018, 200.000,00 euros para o ano 2019 e 85.000,00 euros para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contado a partir do mesmo día da data de publicación desta orde no DOG, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda