Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2018 Páx. 25314

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2018, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o Proxecto de orde pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia.

A Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, regula no seu artigo 60 que o pagamento en efectivo das débedas tributarias poderá realizarse polos medios e na forma que regulamentariamente se establezan.

O Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, entre outras materias, regula as liñas básicas de actuación das entidades de crédito que actúan como colaboradoras na xestión recadatoria da Facenda pública e os medios susceptibles de seren utilizados para a realización do pagamento das débedas tributarias e non tributarias, concretamente o artigo 38 especifica a domiciliación bancaria como un deses posibles medios de pagamento.

Doutra banda, o artigo 96 da mencionada Lei 58/2003 establece que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a Constitución e as leis establezan.

Así mesmo, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, fai fincapé na necesidade de fomentar as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte.

A Administración tributaria de Galicia trata de impulsar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns o cumprimento das súas obrigas. Con este obxecto aprobouse a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras, cuxa disposición adicional segunda establece a posibilidade de solicitar a domiciliación do pagamento das débedas aprazadas ou fraccionadas e regula os requisitos e o procedemento para a solicitude de domiciliación.

Continuando nesta liña e considerando a domiciliación bancaria como un medio idóneo para o pagamento das débedas tributarias, sendo o desexo da propia Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento das súas obrigas de pagamento, e dada a necesidade de establecer criterios de actuación en certos supostos en que poderían producirse incidencias no proceso de domiciliación, faise imprescindible a aprobación dunha orde que regule esta materia.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública. O prazo para presentar alegacións será de quince días hábiles, tal e como prevé o citado artigo.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o Proxecto de orde pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia.

O proxecto de orde poderase consultar no Portal de transparencia e Goberno aberto, na páxina web da Xunta de Galicia: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado a través do citado portal de transparencia e Goberno aberto.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda