Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2018 Páx. 24637

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Rabilonga, parroquia de Noche, do concello de Vilalba (expediente PTU-LU-16/121).

O 16.1.2018 tivo entrada o proxecto técnico datado en xuño de 2017, redactado por Jacobo Fernández Malde, e a tramitación administrativa correspondente ao expediente de referencia, remitido polo Concello de Vilalba para os efectos da súa aprobación definitiva. Consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), os plans aprobados inicialmente antes da entrada en vigor desta lei poderán adaptarse integramente a esta; ou continuar a súa tramitación a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente a esta lei.

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilalba réxese polas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 13.3.1984, que non delimitan o núcleo de Rabilonga.

I.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

– Informe xurídico (28.7.2015) e técnico municipal (29.9.2015).

– Exposición pública, con anuncios en El Progreso (5.8.2015), La Voz de Galicia (7.8.2015) e Diario Oficial de Galicia (24.8.2015).

– Aprobación inicial da delimitación (Acordo plenario do 28.1.2016).

– Emisión de informes sectoriais:

a) Dirección Xeral de Telecomunicacións (16.3.2016, favorable).

b) Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (2.6.2016, favorable condicionado).

c) Estradas de Galicia (28.7.2016, favorable condicionado).

d) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (26.7.2016), favorable respecto aos usos permitidos, sen se pronunciar en canto a existencia dos recursos hídricos necesarios nin o destino das augas residuais.

– Certificado de secretaria de non presentación de alegacións (28.7.2016).

– Informe técnico municipal (28.7.2016).

– Primeira aprobación provisional (Acordo plenario do 28.7.2016).

– Informe do técnico municipal (29.9.2016).

– Segunda aprobación provisional (Acordo plenario do 29.9.2016).

– Informe técnico municipal (14.11.2017).

– Terceira aprobación provisional (Acordo plenario do 30.11.2017).

II. Aspectos xerais. Contido.

Delimítase o núcleo rural de Rabilonga nun ámbito de 3,75 ha, diferenciando unha parte histórico-tradicional de 0,86 ha, e outra común de 2,89 ha. O promotor do expediente é o Concello de Vilalba.

O proxecto define o trazado da rede viaria existente e as zonas edificables do núcleo, regulando as condicións de uso, volume, estéticas... aplicables. Non achega catálogo, xa que non existen elementos merecentes dunha protección especial.

O núcleo conta con dotacións públicas compostas por un centro social, unha pista polideportiva e un campo de fútbol.

III. Análise e observacións.

III.1. En canto ao requirimento desta DXOTU do 6.6.2017, observouse a emenda das deficiencias sinaladas: o promotor pasa a ser o concello; incorporouse na normativa o indicado no informe de estradas; elimináronse as referencias á LOUG; corrixíronse os erros no cálculo da consolidación e sinaláronse as aliñacións dos viais interiores do núcleo; e incorporouse na normativa a regulación de usos e das edificacións auxiliares.

III.2. En canto ao requirimento da DXOTU do 20.10.2017, achégase o proxecto de delimitación aprobado provisionalmente coas dilixencias do pleno do 30.11.2017.

III.3. O asentamento cumpre o artigo 23 da LSG para núcleos rurais; conta cun topónimo oficial, Rabilonga, recoñecido no nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000); e acada o requisito de consolidación mínima exixida do 50 % para NRT e dun terzo para NRC establecidos no artigo 23.3 da LSG.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural de Rabilonga, parroquia de Noche, no concello de Vilalba.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file