Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24335

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2018 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, no concello de Laxe, promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (expediente IN661A 2010/3-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. en relación coa declaración de utilidade pública do parque eólico Pena Forcada-Catasol II (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010 pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010 pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 7,35 MW.

Segundo. O 26.7.2010, Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 10.1.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. (en diante, a promotora) na posición de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. no expediente relativo ao parque eólico.

Cuarto. O 22.10.2015, a promotora presentou unha nova solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico, e achegou, así mesmo, o correspondente estudo de impacto ambiental. Esta nova solicitude veu motivada por unha optimización do parque eólico e polo cambio na solución de evacuación prevista inicialmente, para o que é necesario introducir modificacións no proxecto de execución do parque eólico.

Quinto. Mediante a Resolución do 17 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A citada resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.12.2015, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 27.11.2015 e no xornal La Voz de Galicia do 1.12.2015. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e do concello afectado (Laxe).

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións indicadas no punto 1 do anexo desta resolución. A seguir resúmese o seu contido:

– Erros na titularidade dos predios afectados e solicitude de información sobre as compensacións económicas que se recibirán pola expropiación.

– Poñen de manifesto unha ampla relación de valores naturais da zona incluídos na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Protexidos, entre eles: ZEPVN Costa da Morte, ZEPVN Costa da Morte (Norte), Paisaxe Protexida Penedos de Pasarela e Traba, ZEC Costa da Morte, ZEPA Costa da Morte (Norte), e as zonas húmidas Rego de Soesto, Trasadunas de Soesto, Lagoa de Traba, Mórdomo, Redondelo e Brañas Mouras. Expoñen que os aeroxeradores afectan algúns destes espazos.

– Solicitan que emita informe a Consellería do Medio Rural sobre os valores forestais e silvícolas da zona afectada e as súas repercusións; Turismo, en relación co impacto no turismo verde ou interior do concello de Laxe e a súa área de afección; Paisaxe, en relación cos impactos na paisaxe da área afectada; o Igape, sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto eólico, e Natureza, en relación coa conectividade ecolóxica.

– Solicitan que se baralle a posibilidade da situación deste proxecto noutros concellos en que xa existen outros parques eólicos ou se opte por repotenciar outros existentes.

– Solicitan que se emita o informe da Administración sobre as medidas de seguridade e o risco de incendios forestais.

– Solicitan que se rexeite o proxecto pola súa incompatibilidade coa paisaxe, ambiente, turismo e montes.

– Solicitan que a empresa analice os impactos directos e indirectos sobre a poboación e as distancias ás poboacións máis próximas.

– Solicitan medidas para compensar os efectos adversos sobre o ambiente.

– Presentan queixas sobre a limitación de acceso ao expediente en fase de información pública ao non poder facelo mediante a web institucional.

– Solicitan mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves no parque proxectado e determinación dos obxectivos de conservación da biodiversidade.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Solicitan que o Concello de Laxe emita informe sobre o impacto do parque no turismo, xa que é un concello que oferta turismo nunha paisaxe libre de eólicos.

– Manifestan a ausencia do trámite de aceptación social do proxecto e que falta a análise das posibles afeccións á veciñanza afectada.

– Solicitan que se revise a normativa sectorial para evitar unha desmesurada ocupación do territorio polos eólicos en detrimento dos valores paisaxísticos, turísticos, ambientais e forestais.

– Solicitan que se establezan medidas compensatorias para a veciñanza afectada.

– Solicitan que a consellería competente exixa a promotora os avais e garantías necesarias para facer fronte ás responsabilidades ambientais e dos danos derivados da execución e funcionamento do parque eólico.

– Solicitan que se opte por situar o parque eólico noutro concello ou apostar por outros parques xa en funcionamento.

– Solicitan que se exixa á empresa un mellor estudo dos ruídos, fumigacións e fertilizantes que se van utilizar e o estudo do patrimonio inmaterial da área afectada.

– Manifestan a ausencia de visado do proxecto e ausencia de indicación da capacidade técnica e profesional dos redactores do proxecto e estudo de impacto ambiental.

– Solicitan que non se autorice o parque eólico, por ser inviable ambientalmente, polo impacto negativo sobre a economía das familias da zona, sobre o aproveitamento forestal e o turismo.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que non houbo intento de acordo cos afectados para evitar a expropiación, que o lugar elixido non é o apropiado, xa que vulnera distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, que é inxustificable a construción de novos parques se se poden repotenciar os xa existentes ou colocar estes tres aeroxeradores noutros parques eólicos da zona, perigo para a seguridade das persoas, impacto negativo para as aves locais e migratorias, sinerxías negativas sobre a paisaxe e a afección á avifauna, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, continuando coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda, ausencia de aceptación social do proxecto, e cómpre buscar unha mellor alternativa co ambiente para este parque eólico.

– Solicitan que se pospoña a aprobación deste proxecto ata a publicación do POL (Plan de ordenación do litoral).

– Alegan que o monte Chan (onde está prevista a instalación dos tres aeroxeradores) forma parte dun conxunto paisaxístico dos Penedos de Pasarela e Traba, que é paisaxe protexida e que o proxecto afectaría permanentemente o lugar, e que o Concello de Laxe e os seus habitantes non obterían ningún beneficio deste proxecto e que é preciso protexer o monte Chan por estar catalogado no Plan de ordenación do litoral.

– Solicitan que a empresa reconsidere o proxecto e que o Concello de Laxe defenda os seus intereses.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do parque eólico.

– Manifestan que afecta a Rede Natura 2000 pola conectividade ecolóxica observada, e que se deberá incluír unha epígrafe para a avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do espazo.

– Solicitan que se paralice o proceso de autorización mentres non se aprobe o catálogo de protección da paisaxe da Costa da Morte e as súas directrices, e que se rexeite a solicitude por non ser autosuficiente e non revestir un carácter global ao non ter en conta todos os aspectos e infraestruturas necesarias para a posta en funcionamento do parque eólico.

Sexto. O 18.11.2015, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou sobre a existencia dos dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147, afectados pola poligonal do parque eólico.

Sétimo. O 2.3.2016, a xefatura territorial iniciou o trámite de compatibilidade de utilidades públicas concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico.

Oitavo. O 29.4.2016, a xefatura territorial emitiu o informe sobre a compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147.

Noveno. O 6.7.2016, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. O 30.9.2016, a promotora achegou nova documentación en que se describe a adecuación do proxecto á nova solución de evacuación. Esta adecuación consiste basicamente na substitución da subestación eléctrica inicialmente proxectada por un centro de seccionamento.

Décimo primeiro. O 3.5.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto, e procedeuse a publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado o Anuncio do 18 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se notifica a varios interesados a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Pena Forcada-Catasol II (expediente IN661A 2010/3-1).

Décimo segundo. O 18.7.2017, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais informou sobre o trámite de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Décimo terceiro. O 4.8.2017, a promotora achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental da modificación do modelo de aeroxerador. Esta modificación implica a eliminación do aeroxerador 3 e aumenta a potencia nominal dos outros dous ata os 3.600 kW, fronte aos 2.500 kW do modelo inicial.

Décimo cuarto. O 22.8.2017, a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, a Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns e a Asociación Cova Crea presentaron unha alegación relativa aos proxectos eólicos Pena Forcada-Catasol II e Mouriños. Neste escrito, solicitouse o rexeitamento dos proxectos dos parques eólicos Pena Forcada-Catasol II e Mouriños, e as súas infraestruturas de evacuación asociadas. O 3.11.2017, a promotora deu resposta as alegacións contidas no citado escrito do 22.8.2017.

Décimo quinto. O 28.8.2017, a Comunidade de Augas Fonte do Rechabo de Corcoesto presentou unha alegación relativa aos proxectos eólicos Pena Forcada-Catasol II e Mouriños. Neste escrito solicitouse o rexeitamento dos proxectos dos parques eólicos Pena Forcada-Catasol II e Mouriños, e as súas infraestruturas de evacuación asociadas. O 3.11.2017, a promotora deu resposta as alegacións contidas no citado escrito do 28.8.2017.

Décimo sexto. O 26.9.2017, a xefatura territorial informou de que as modificacións introducidas no proxecto non alteran as condicións analizadas no informe do 29.4.2016 sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147.

Décimo sétimo. O 29.9.2017, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitiu informe favorable sobre a compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147.

Décimo oitavo. O 26.10.2017, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, introducida pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora solicitou a declaración de proxecto de interese especial para o parque eólico.

Décimo noveno. O 13.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, a promotora solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Vixésimo. O 21.11.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto, e procedeuse a publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado o Anuncio do 15 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se notifica a varios interesados da solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Pena Forcada-Catasol II (expediente IN661A 2010/3-1).

Vixésimo primeiro. O 5.12.2017 e o 26.1.2018, Lourdes Vázquez Pérez solicitou información relativa ao valor económico e á entrada a predios afectados polo parque eólico.

Vixésimo segundo. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Vixésimo terceiro. Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico Pena Forcada-Catasol II, situado no concello de Laxe, promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (DOG núm. 41, do 27 de febreiro de 2018).

Vixésimo cuarto. O 19.1.2018, o Concello de Laxe achegou un certificado do Pleno do 14.7.2017 en que se adoptou, entre outros, o acordo relativo á moción da Asociación Ambiental Contramínate sobre o rexeitamento do proxecto do parque eólico.

Vixésimo quinto. O 18.4.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou, no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de que non existen aproveitamentos de especial interese forestal que poidan resultar incompatibles coa declaración de utilidade pública do parque eólico.

Vixésimo sexto. O 24.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas propuxo a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cos dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147, do proxecto do parque eólico.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución e resumidas no antecedente de feito quinto, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. No caso de que non se chegue a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

2. Co obxecto de aclarar as alegacións presentadas en relación cos procedementos realizados durante a tramitación do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental, con cuxo resultado a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático formulou o 8.6.2017 a declaración de impacto ambiental, tal e como se indicou na Resolución do 22 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 41, do 27 de febreiro de 2018).

3. Con respecto á necesidade de visado, débese indicar que o artigo 36.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, tan só recolle a necesidade de que o proxecto de execución sexa subscrito por técnico competente, tal e como se indicou na Resolución do 22 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 41, do 27 de febreiro de 2018).

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros Pasarela, nº 7010, e Don Sebastián, nº 7147.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10.6.2016, DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraíz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

Alba Vázquez Lema, o 11.1.2016; Xulia Mira Suárez, en representación do BNG de Laxe, o 15.1.2016; María José Ajuria Peón, o 9.1.2016; Ignacio Ajuria Peón, o 8.1.2016; Santiago Ajuria Peón, o 8.1.2016; Asociación Galega e Ambiental Cova Crea, o 7.1.2016 e o 10.8.2017; Asociación Medioambiental Contramínate, o 11.1.2016; Asociación Galega e Ambiental Cova Crea e a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, o 7.2.2016; Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, o 30.11.2015, o 22.12.2015, o 12.1.2016 e o 9.8.2017; Ana Martina Varela Velo, o 12.1.2016; Josefa Pose Lema, o 21.12.2016; Iñaki Varela Pérez, en representación da Asociación Ecoloxista Verdegaia, o 23.12.2016; Francisco García Trigo, o 20.12.2016; Braulio Amaro Caamaño, o 20.12.2016; Ramón Varela Rivera, en representación da Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, o 16.8.2017; Carmen Lema Vázquez, o 12.1.2016; Mari Carmen Lema Fuentes, o 29.12.2015; María Josefa Porteiro Mouzo, en nome propio e en representación de herdeiros de María Mouzo Musi, o 22.12.2015; Lourdes Vázquez Pérez, o 15.12.2015; Perfecto García García, o 21.12.2015; Mª Carmen Lema Vázquez, o 4.12.2015; Jesús Vázquez Lavandeira, o 14.12.2015.