Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24183

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de abril de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 14-01 do Plan xeral de ordenación municipal do Barco de Valdeorras (Ourense).

O Concello do Barco de Valdeorras remite o expediente de modificación puntual nº 14-01 para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.2 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizado o expediente remitido polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Barco de Valdeorras dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 27.6.2003, con trece modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

• O 21.10.2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación, decisión publicada no DOG do 10.11.2014.

• Consta informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 9.10.2014, en relación coa protección da paisaxe, solicitando un estudo de integración paisaxística.

• Constan informes municipais técnico, do 2.6.2015 e xurídico, do 29.6.2015.

• O 4.5.2015 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, cunha serie de consideracións.

• Constan novos informes municipais técnico, do 15.2.2015, e xurídico, do 2.3.2015.

• O Concello Pleno do 9.7.2015 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e La Región, do 20.8.2015, e no DOG do 10.9.2015. Presentouse unha alegación. Déuse audiencia aos municipios limítrofes de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e Rubiá, sen contestación.

• Consta informe favorable, do 7.10.2015 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.

• Consta informe favorable, do 13.11.2015 do Instituto de Estudos do Territorio.

• Constan informes desfavorables, do 16.11.2015, e favorable, do 28.3.2016, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

• Consta novo informe técnico municipal, do 7.4.2016.

• Procedeuse a un novo trámite de información pública de dous meses mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e La Región, do 29.8.2016, e no DOG do 15.9.2016, por considerarse que había modificacións de carácter substancial.

Durante o novo período de exposición non se presentou ningunha alegación. Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e Rubiá, sen que conste contestación ningunha.

• Novo trámite de información pública de dous meses mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e La Región, do 31.8.2017, e no DOG do 15.9.2017. Non se presentou ningunha alegación. Audiencia aos municipios limítrofes de Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras, sen contestación.

• Informe favorable, do 4.10.2017 da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.

• Consta novo informe xurídico municipal, do 21.11.2017.

• O Pleno do Concello, en sesión do 14.12.2017, acordou desestimar a alegación presentada e aprobar provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise da modificación puntual.

II.1 O ámbito de actuación correspóndese coas parcelas 22 e 23 do cuarteirón 64876, de titularidade de Urbanización La Cerámica, S.L., clasificadas como solo urbano consolidado dentro da ordenanza O-3 de residencial entre medianeiras.

II.2. O obxecto da modificación puntual do PXOM afecta a:

1. Cambio de 350 m2 da parcela 23, de espazo libre privado en solo urbano consolidado con ordenanza O-3 a dotación pública de infraestrutura.

2. Reordenación dos volumes edificables da parcela 23 para separar a edificabilidade do muro posterior.

3. Creación de novos artigos na normativa, o 96.3 de edificabilidade e o 154.5.d) de espazo libre privado.

II.3. En relación coa documentación, no punto 8 da memoria –normas urbanísticas– recóllense os novos artigos complementarios da normativa do PXOM, e na nova documentación gráfica identifícase o ámbito de actuación da modificación puntual e o perímetro das parcelas afectadas 22 e 23, coas súas inscricións.

II.4. A proposta da modificación xustifica o seu interese xeral na mellora substancial da ordenación urbanística e da redacción de novos puntos da normativa urbanística.

II.5. A nova proposta aprobada provisionalmente afecta unicamente a parcela 23 e mantén a altura máxima permitida, así como a actual aliñación do PXOM na estrada autonómica OU-623. A reordenación de volumes proposta reduce nun tramo o fondo edificable de 16 m a 14 m e traslada o resto da edificabilidade ao fondo das plantas baixas como prolongación de baixos comerciais.

II.6. Na memoria corrixida xúntase unha ficha comparativa en que se xustifica que non se producen variacións da edificabilidade máxima nin nas superficies das vías nin das zonas verdes, mantendo as actuais 4 plantas (B+3+BC), polo que non se produce incremento na intensidade de uso.

II.7. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 2 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación segundo o teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á Lei 2/2016. Dado que a aprobación provisional da modificación puntual é posterior á entrada en vigor da citada lei, a modificación puntual debe adaptar as determinacións da memoria á Lei 2/2016.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 14-01 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Barco de Valdeorras, coa condición de que se actualicen as referencias da memoria á lexislación urbanística vixente.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio