Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24179

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de maio de 2018 pola que se regula a realización das vacinacións no sistema sanitario público de Galicia e se actualiza o calendario de vacinación de persoas adultas do Programa galego de vacinación.

O artigo 43 da Constitución española de 1978 establece o dereito á protección da saúde, e sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. A Lei xeral de sanidade de 1986 establece no artigo 3.1 que os medios e actuacións do sistema sanitario estarán orientados prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades.

A Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, sinala na súa exposición de motivos que os poderes públicos teñen que asegurar e mellorar a saúde da poboación, a actual e a futura, entendendo o investimento en saúde como unha contribución decisiva ao benestar social, tanto polo efecto neto de ganancia en saúde como pola contribución á sustentabilidade dos servizos sanitarios e sociais. Engade que acadar as maiores ganancias de saúde require que a sociedade se organice de forma que se fomente, protexa e promova a saúde das persoas, tanto na esfera individual como colectiva, e que se realice desde un rigoroso coñecemento científico e coa anticipación necesaria. Esta organización de sociedade require un sistema de saúde pública que xunte e coordine os seguintes ámbitos de acción: o propio dos dispositivos de saúde pública; as accións de prevención e promoción da saúde nos servizos sanitarios e aquelas accións e programas que, sen seren sanitarios, teñen efecto sobre a saúde. Os dispositivos sanitarios que atenden a saúde da colectividade responden ás ameazas sobre a saúde da poboación na área de prevención da enfermidade mediante as vacinacións e outras intervencións poboacionais.

As vacinas veñen sendo consideradas, tanto polos organismos internacionais como polas autoridades nacionais, como unha ferramenta fundamental da saúde para obter beneficios tanto individuais como colectivos, e a vacinación está considerada como a mellor relación custo-efectividade na prevención primaria da enfermidade.

A Organización Mundial da Saúde-OMS é a organización internacional que se encarga, entre outras actividades, de establecer as recomendacións necesarias para o establecemento de vacinas e de controlar a súa seguridade, que son logo adaptadas polas autoridades nacionais responsables dos programas de inmunizacións.

A Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde, seguindo as recomendacións da OMS e doutras organizacións internacionais, aprobou un documento en que indica que a vacinación, en xeral, e da gripe, en particular, se realiza como resultado da decisión da autoridade sanitaria en prol de preservar a saúde pública e en atención ao risco epidemiolóxico, tratando de preservar como obxectivo final a saúde colectiva e, en particular, a das persoas con maior risco de presentar complicacións. Por esta razón e tendo en conta o carácter colectivo da vacinación non se require do diagnóstico nin da prescrición médica previa, xa que a cobertura esténdese, como queda indicado, a cubrir as necesidades preventivas de determinados colectivos, sexan definidos pola súa idade (poboación infantil e adolescentes, a maiores de 60 anos), ou por outras características (mulleres embarazadas, persoas con risco de complicacións ou con enfermidades de base, persoas que lles poden transmitir a gripe a persoas con alto risco de complicacións, etc.) e de traballadores sanitarios que, por traballar nos servizos de asistencia sanitaria, poden evitar que se propague a pacientes vulnerables.

A Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, establece no seu artigo 6.4 no ámbito das actuacións de saúde pública o establecemento dun calendario de vacinacións e sinala que a Administración sanitaria adoptará as accións preventivas que sexan necesarias para a realización da anterior función, incluíndo a realización de vacinacións.

A Consellería de Sanidade ten publicada unha Nota informativa do 1 de marzo de 2016 en que se facilitan as instrucións necesarias para a realización da vacinación precisando que, cando se vacina á poboación, no marco dunha campaña, se actúa como consecuencia dunha decisión da autoridade sanitaria en materia de saúde pública, ante un risco epidemiolóxico detectado e para preservar a saúde pública e a dos individuos máis expostos. O obxectivo da referida nota informativa era o de garantir a maior seguridade dos pacientes e da calidade do servizo sanitario, promovendo o mellor exercicio protocolizado da competencia profesional, a seguridade de todos os procesos e a efectividade dos tratamentos instaurados.

Neste momento cómpre establecer un marco xurídico que proporcione seguridade na realización dos procesos e actividades que comporta o exercicio das vacinacións e, por ese motivo, se elabora a presente orde.

A aprobación desta orde realízase cumprindo os principios da boa regulación a que se refire o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e, especialmente, os referidos ao cumprimento do interese xeral, a transparencia e a seguridade xurídica.

Por outra parte, as enfermidades previbles mediante vacinación son unha causa importante de morbimortalidade na idade adulta.

A vacinación infantil sistemática é unha estratexia relativamente recente, polo que algunhas cohortes de poboación adulta non se beneficiaron dela e tampouco chegaron a crear inmunidade natural fronte a algunhas das enfermidades transmisibles, creándose así bolsas con porcentaxes variables de persoas susceptibles de padecer as ditas enfermidades. Ademais, algunhas das vacinas administradas na infancia non inducen inmunidade para toda a vida, polo que é necesario reforzala con doses posteriores.

Dado que toda a poboación non é inmune, existe sempre un risco real de que se produzan brotes de enfermidades inmunoprevibles polo que é necesario estender as políticas e recomendacións de vacinación aos adultos co fin de reforzar o impacto dos programas de vacinación infantil e o control das infeccións inmunoprevibles ao longo de toda a vida, programa regulado pola Resolución do 5 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación (DOG nº 234, do 9 de decembro).

A Comisión asesora de enfermidades inmunoprevibles de Galicia analizou esta situación e propuxo a instauración formal dun calendario de vacinación do adulto en Galicia. Polo que, baseándose nas recomendacións técnicas ao respecto e nos informes favorables emitidos, a Consellería de Sanidade definiu e difundiu un calendario de vacinación de adultos a partir de xuño de 2017. Transcorrido un tempo, considérase conveniente a publicación oficial destas recomendacións xerais de vacinación para a poboación adulta.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Que a vacinación, en xeral, e fronte a gripe, en particular, se desenvolva atendendo ás recomendacións da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde. Corresponderá ao centro directivo desta consellería con competencias en materia de saúde pública o establecemento dos períodos en que se realizarán as campañas, así como a elaboración das instrucións necesarias para o seu desenvolvemento, e poñerá á disposición toda a información técnica e complementaria que se xulgue necesaria para o bo fin do obxectivo indicado, dando publicidade de todo isto a través do portal de saúde www.sergas.es, sen prexuízo de que se realice noutros portais para xeral coñecemento da poboación.

Segundo. O centro directivo do Servizo Galego de Saúde con competencias en asistencia sanitaria ditará as instrucións necesarias para que as vacinas sexan administradas polo persoal de enfermaría, conforme os sistemas e protocolos utilizados ata o momento e seguindo as instrucións técnicas e complementarias que se indiquen.

Terceiro. Os responsables dos centros de vacinación e o seu persoal sanitario deberán colaborar na promoción das distintas campañas e contribuír, facilitando toda a información necesaria, a que a poboación albo atenda as recomendacións de vacinación.

Cuarto. Actualizar o calendario de vacinación de persoas adultas do Programa galego de vacinación, da seguinte forma:

Calendario de vacinación de adultos

Vacinas/idade

Ata 35 anos

36-49 anos

50-59 anos

60 ou máis anos

Td (tétano - difteria)

Completar ou iniciar pauta de vacinación (5 doses)

Se ten calendario infantil completo: 1 dose de recordo ao redor dos 65 anos

dTpa (difteria, tétano e tose ferina)

Embarazadas (semana 28-36, preferiblemente 32): 1 dose en cada embarazo

Gripe

Se existe factor de risco: 1 dose anual

1 dose anual

Pneumocócica conxugada 13v

Se existe factor de risco: 1 dose

1 dose ao facer 65 anos

Pneumocócica de polisacáridos 23v

Se existe factor de risco: 1 dose (intervalo mínimo 1 ano despois de PnC13)

1 dose aos 66 anos

Hepatite B

Se non foron vacinados previamente: 3 doses

Nados antes de 1982, se existe factor de risco: 3 doses

Triple vírica (sarampelo, rubéola e parotidite)

Se non foron vacinados previamente e naceron despois de1981: 2 doses.

Se non cumpren criterios de inmunidade e naceron entre 1968 e 1981: 1 dose.

Varicela

Se non cumpren criterios de inmunidade: 2 doses

Meningococo C

Se non foron vacinados previamente: 1 dose

Se existe factor de risco: 1 dose

Virus do papiloma humano: VPH

Mulleres, nadas a partir de 1994, se non foron vacinadas previamente: 3 doses

Se existe factor de risco: 3 doses

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade