Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2018 Páx. 24031

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 47/2018, do 26 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da rotonda de acceso á EDAR de Guillarei (PO-404), de clave PO/16/198.06, no concello de Tui.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 26 de febreiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 40 o Anuncio do 8 de febreiro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da rotonda de acceso á EDAR de Guillarei (PO-404), de clave PO/16/198.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Após a análise dos certificados presentados, o 18 de abril de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da rotonda de acceso á EDAR de Guillarei (PO-404), de clave PO/16/198.06.

Este proxecto de construción na actualidade ten unha intersección en T coa vía de acceso á EDAR de Guillarei, sen carrís de espera e incorporación, nun treito con visibilidade reducida.

Este proxecto ten por obxecto evitar os xiros á esquerda actuais sen carril central de incorporación e reordenar o tráfico mediante unha rotonda que mellorará a seguranza viaria do treito.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da rotonda de acceso á EDAR de Guillarei (PO-404), de clave PO/16/198.06.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda