Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2018 Páx. 24028

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía, para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 14 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2018 (PR925A).

Mediante a Resolución do 14 de marzo de 2018 (DOG núm. 61, do 27 de marzo) reguláronse e convocáronse as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2018.

No artigo 13 da dita resolución establécese un prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 14 de maio.

As especiais circunstancias sociais e políticas concorrentes actualmente en Venezuela están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A situación sociopolítica do país está a agravar a situación de escaseza de recursos para a subsistencia, máis en sectores da poboación especialmente sensibles a estes episodios de desgoberno como o formado polas persoas maiores.

En Venezuela residen máis de 40.000 persoas que teñen a condición política de galegos, dos cales máis de 15.000 teñen 65 ou máis anos e unha boa parte deles, debido aos procesos inflacionarios que recorrentemente sofre este país, non dispoñen de rendas suficientes para poder conseguir produtos de primeira necesidade ou farmacolóxicos para poder subsistir, polo que as axudas do programa de axudas económicas individuais resultan imprescindibles para a súa subsistencia.

En atención a estas circunstancias, resulta preciso ampliar, para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas económicas individuais para o ano 2018.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar, unicamente para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 13 da Resolución do 14 de marzo de 2018 pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2018 (DOG núm. 61, do 27 de marzo), ata o 5 de xuño de 2018, inclusive.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración