Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2018 Páx. 23928

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2018 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, do posto de xefe/a da Sección de Calidade.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e se aproban os seus estatutos (DOG nº 197, do 15 de outubro)

RESOLVE:

Convocar, para a súa cobertura polo procedemento de avaliación colexiada, a provisión do posto de xefe da Sección de Calidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, consonte as seguintes

Bases

Primeira. Obxecto, funcións e retribución do posto de traballo

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión do posto de xefe/a da Sección de Calidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, polo procedemento de avaliación colexiada.

As funcións do posto convocado serán as de organización e xestión da calidade, con carácter transversal, na axencia, e dar cumprimento á normativa de calidade aplicable aos centros de transfusión sanguínea, á marxe das que lle puidese ser especificamente encomendadas pola dirección.

As retribucións serán as que correspondan en aplicación das ordes anuais da Consellería de Facenda polas que se diten as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Segunda. Requisitos para participar na convocatoria

Poderán participar na presente convocatoria os interesados que na data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes, reúnan os seguintes requisitos, que, para o caso de resultar adxudicatario do posto convocado, se deberán manter ata o momento de toma de posesión:

1. Estar en posesión do título universitario oficial de grao ou de licenciado/a ou doutor/a en Medicina e Cirurxía e título de médico/a especialista expedido polo Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte, na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia.

2. Ter a condición de persoal estatutario fixo licenciado sanitario na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia, en situación de servizo activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde.

3. Tres anos de experiencia profesional na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde.

Terceira. Solicitudes e documentación

Os interesados en participar na convocatoria deberán presentar solicitude, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II, que estará á súa disposición nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)

Xunto á solicitude, deberán achegar a seguinte documentación acreditativa dos requisitos e méritos do interesado:

1. Documento de identificación: fotocopia do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade, debidamente compulsados.

2. Certificación expedida polo servizo de saúde correspondente, de que ten a condición de persoal estatutario fixo licenciado sanitario en situación de servizo activo, en categoría e especialidade que habilite para o acceso ás prazas básicas da correspondente unidade.

3. Certificación expedida polo/s servizo/s de saúde correspondente/s, acreditativo dos tres anos de experiencia profesional na categoría que ten de licenciado sanitario, na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia, nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde.

4. Currículo profesional. Atenderase á experiencia profesional e ás actividades, docentes e de investigación, indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño das correspondentes funcións e, de ser o caso, a implicación dos aspirantes na xestión mediante a xefatura e coordinación de unidades e equipos, as titorías e organización de formación, así como a participación en comités internos ou proxectos institucionais. A acreditación dos méritos alegados deberá facerse mediante a presentación de fotocopia compulsada.

So se terán en conta os méritos que o interesado reúna ata o día inmediatamente anterior á data de publicación da convocatoria e que sexan acreditados dentro de prazo de presentación de solicitudes.

5. Proxecto técnico relacionado coa xestión da sección de calidade, que conterá un programa de obxectivos deste, cuantitativos e cualitativos en relación cos obxectivos fixados polo órgano convocante, e que se recollen como anexo I da presente resolución. O proxecto orixinal presentarase en sobre pechado e en soporte dixital non modificable para a súa remisión aos membros da comisión de avaliación.

6. No caso de que o aspirante queira facer constar na solicitude de participación o compromiso de desempeño da xefatura convocada en réxime de dedicación exclusiva coa institución, deberá achegar solicitude de percepción de complemento específico formulada no modelo que figura como anexo III da presente resolución.

A documentación correspondente aos puntos 4) e 5) das presentes bases deberá ser achegada necesariamente xunto coa solicitude e non será, en ningún caso, susceptible de emenda nun momento posterior. No caso de insuficiente acreditación dos requisitos de admisibilidade exixidos na convocatoria, poderán ser emendados no prazo que estableza a lista provisoria de admitidos e excluídos, de conformidade co establecido na base sexta da convocatoria.

A documentación do punto 4), xunto coa documentación de posuír a titulación e especialidade requirida, deberán ser rexistrados despois do acceso ao expediente-e (expediente electrónico profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011, DOG nº 139, do 20 de xullo), e todos eles deberán ser validados no sistema informático expediente-e.

Cuarta. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación que se vai achegar sinalada na base terceira, preferentemente no Rexistro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na avenida Monte da Condesa, s/n, 15706 Santiago de Compostela, e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será causa de inadmisión no citado procedemento de provisión a presentación extemporánea da solicitude polo interesado.

Os aspirantes quedan vinculados aos datos que fixesen constar na súa solicitude. O domicilio que figure nesta considerarase como o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do candidato tanto os erros na consignación deste como a falta de comunicación de calquera cambio de domicilio.

Quinta. Sistema de selección

A selección do aspirante ao posto convocado levarase a cabo, segundo o disposto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatuario do Servizo Galego de Saúde, e da Orde do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, polo procedemento de avaliación colexiada, na que se tomará en conta, tanto o currículo profesional como o proxecto técnico.

Sexta. Admisión de aspirantes

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano convocante ditará resolución, que se publicará no xeito definido na base décimo segunda desta convocatoria, na cal se declarará aprobada a lista provisoria de admitidos e excluídos, e se indicará, neste último caso, a causa de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de (5) cinco días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión.

Para tal efecto, a estimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, contra a cal se poderá interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva.

Sétima. Comisión de avaliación

Para a selección dos aspirantes, constituirase unha comisión de avaliación, que terá como finalidade avaliar a competencia dos candidatos e os méritos acreditados; e elevar a correspondente proposta de adxudicación do posto á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

A comisión de avaliación estará integrada por cinco membros designados pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Terá a seguinte composición:

– Por proposta da directora de Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos, catro membros que terán a condición de persoal estatutario fixo, licenciado sanitario, en situación de activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, titular de praza docente asistencial do mesmo nivel ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, cando menos dous terán a condición de xefe/a de servizo e dous, cando menos, a condición de facultativo especialista de hematoloxía e hemoterapia.

– Por proposta da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, un membro, que terá a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, ou titular de praza docente-asistencial do mesmo nivel.

A comisión será asistida por un secretario de actas designado polo órgano convocante entre persoal funcionario do corpo superior ou estatuario fixo, de xestión e servizos, do grupo superior de clasificación.

O órgano convocante publicará, na forma establecida na base décimo segunda, a resolución pola que se nomean os membros da comisión de avaliación.

Os citados membros deberán absterse de intervir, notificándoo ao órgano que efectuou o seu nomeamento, cando concorran neles algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, os aspirantes poderán recusar aos membros da comisión cando concorran as circunstancias previstas no citado artigo.

No seu funcionamento, esta comisión rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Para efectos de comunicacións, a comisión terá a súa sede na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na avenida Monte da Condesa, s/n, 15706 Santiago de Compostela.

Corresponde á comisión de avaliación nos termos e cos límites establecidos no anexo IV da resolución de convocatoria o seguinte:

– Concretar na valoración do currículo dos aspirantes a puntuación a outorgar polos méritos baremables, así como baremar os méritos achegados polos solicitantes.

– Convocar os aspirantes para a celebración do acto público de defensa do currículo profesional e proxecto técnico.

Entre a citación indicada e a súa celebración deberá mediar un prazo mínimo de cinco días. A orde de actuación dos aspirantes perante a comisión de avaliación iniciarase alfabeticamente polo apelido a partir da letra que resulto dun sorteo, de conformidade co establecido na Resolución do 17 de xaneiro de 2018 (DOG nº 19, do 26 de xaneiro). Aqueles aspirantes que tendo sido convocados en tempo e forma non comparezan serán excluídos do citado procedemento de provisión.

– Valorar o compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura.

Tralo acto público referido, a comisión elaborará un informe razoado, axustado a criterios previamente establecidos, sobre a avaliación dos aspirantes, con asignación da puntuación desagregado nos puntos de currículo profesional, proxecto técnico e, se é o caso, compromiso de dedicación exclusiva.

Unha vez finalizada a valoración, procederase a publicar pola comisión de avaliación, na forma establecida na base décimo segunda, a listaxe provisional coas puntuacións, desagregadas por puntos, asignadas aos aspirantes, ou a proposta da comisión de que se declare deserta a convocatoria, con apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación, de ser o caso, de reclamacións.

Despois da valoración das reclamacións pola comisión de avaliación, publicarase a listaxe coas puntuacións definitivas ou ratificación da proposta de que se declare deserta a convocatoria. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma establecida na base décimo segunda.

A convocatoria quedará deserta cando no concorran aspirantes que reúnan os requisitos exixidos ou logo da proposta da comisión no suposto de que ningún dos aspirantes acade 15 puntos na avaliación do proxecto técnico de xestión da sección.

Oitava. Resolución

A resolución, co nomeamento do aspirante, de ser o caso, seleccionado, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Toma de posesión

O aspirante seleccionado deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e a petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente, que non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Décima. Avaliación do desempeño da xefatura de sección

Consonte o disposto no artigo 43 do Decreto 206/2005, de provisión de postos de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e o artigo 11 da Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, o aspirante nomeado será avaliado antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento aos efectos de prorrogar o desempeño da xefatura por idéntico período de tempo ou proceder á súa remoción do posto de traballo. Neste último caso, darase audiencia previamente ao interesado.

Undécima. Cesamento

Se prexuízo do disposto na base décima, os profesionais nomeados poderán ser cesados polo/a director/a por causas sobrevidas, derivadas tanto dunha reordenación da estrutura xerárquica da institución como da falta de capacidade para o desempeño do posto.

O incumprimento polo profesional nomeado do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o seu nomeamento.

Duodécima. Normas xerais

A publicación dos actos e resolución que se diten na tramitación deste procedemento realizarase no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)

No non previsto na presente convocatoria aplicaranse, supletoriamente, as disposicións contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Contra a presente resolución, poderá interpoñerse, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO I

Plan de obxectivos

Xefe/a da Sección de Calidade

O proxecto debe dar cumprimento á normativa de calidade aplicable aos centros de transfusión segundo o Real decreto 1343/2007, do 11 de outubro polo que se establecen as normas e especificacións relativas ao sistema de calidade dos centros e servizos de transfusión, e na Directiva europea 2016/1214 pola que se modifica a Directiva 2005/62/CE no que se refire ás normas e especificacións relativas a un sistema de calidade para os centros de transfusión sanguínea.

O proxecto debe ademais, como mínimo, definir e desenvolver aspectos de xestión da calidade nun centro de transfusión, segundo o recollido no Real decreto 1088/2005, do 16 de setembro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións mínimas da hemodoazón e dos centros e servizos de transfusión, nas áreas que se especifican a continuación:

1. Liderado, planificación e estratexia.

Obxectivo

Indicador

1. Deseño e implementación do Sistema de xestión da calidade na organización, que incorpore os principios de boas prácticas e a xestión de riscos, seguindo as directrices establecidas pola dirección na política de calidade da axencia.

Manual de calidade

2. Revisión dos indicadores de calidade e análise do grao de cumprimento en base aos resultados planificados.

Indicadores de calidade

3. Impulsar a implantación do control dos rexistros de calidade de forma telemática na organización.

Sistema telemático de xestión da calidade

4. Revisión do Sistema de xestión da calidade, a intervalos planificados que inclúa: resultados de auditorías, resultados de indicadores de calidade, estado das accións correctivas e preventivas.

Informe das revisións do Sistema de xestión da calidade

5. Convocar, por petición da dirección, o comité de calidade do centro e participar nos súas reunións e comisións.

Actas do Comité de Calidade

2. Planificación, xestión e mellora dos recursos humanos.

Obxectivo

Indicador

6. Desenvolver e presentar á Dirección da axencia, o Plan de formación continuada do persoal na área de calidade.

Plan anual de formación continuada en calidade

3. Planificación e avaliación de alianzas internas e externas con:

Obxectivo

Indicador

7. Establecer alianzas de mellora na área de calidade con outros centros de transfusión, a nivel nacional, cos servizos de transfusión hospitalarios, públicos e privados, a nivel autonómico, así como cos provedores.

Reunións de seguimento da actividade: protocolos establecidos

8. Participación naqueles foros de calidade, a nivel autonómico ou nacional, considerados estratéxicos pola dirección.

Actas, informes e/ou relatorios

4. Identificación, deseño, xestión e mellora de procesos:

Obxectivo

Indicador

9. Identificación dos riscos dos diferentes procesos para a súa mellora continua.

Revisión e análise das non conformidades

5. Resultados clave:

Obxectivo

Indicador

10. Certificacións de calidade: promoverá a obtención e mantemento das certificacións establecidas pola dirección.

Certificacións de calidade

11. Coordinación da elaboración do informe anual de calidade.

Informe anual de calidade

12. Elaboración e seguimento do calendario anual de auditorías internas e externas.

Plan anual de auditorías de calidade

13. Desenvolvemento de estratexias de investigación e docencia no ámbito de calidade.

Memoria

6. Resultados sobre os doadores, os pacientes, os profesionais e a sociedade:

Obxectivo

Indicador

14. Satisfacción dos clientes: promover e dirixir a realización de enquisas de satisfacción dos usuarios (internos e externos), que se enmarcarán nos requisitos de acreditación e certificación establecidos pola dirección.

Enquisa de satisfacción dos clientes internos e externos

15. Xestión de suxestións e reclamacións.

Informe de xestión de suxestións e reclamacións

ANEXO II
Solicitude de participación na convocatoria do posto
xefe/a da Sección de Calidade

Resolución da axencia:

Nº DOG:

Data DOG:

DATOS PERSOAIS

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Poboación:

Provincia:

Teléfonos:

Enderezo electrónico:

Data de nacemento:

Publicada a convocatoria indicada ao principio, pola que se convoca a provisión do posto de xefe/a da Sección de Calidade e reunindo os requisitos necesarios,

SOLICITA:

Sexa admitida a presente solicitude para participar na convocatoria para cobertura da praza convocada, e declara que son certos os datos que figuran na solicitude.

..., ... de ... de 2018

Sinatura

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Avenida Monte da Condesa, s/n

15706 Santiago de Compostela

Modelo de relación de documentos que se achegan

Documentos e declaración que xunta a esta solicitude:

� Copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade do solicitante.

� Certificación acreditativa de ter praza en propiedade como persoal estatutario en situación de servizo activo e con tres anos de experiencia na categoría que ostente.

Curriculum vitae.

� Proxecto técnico.

� Orixinais ou copias compulsadas da titulación e dos xustificantes dos méritos aportados.

� Manifesta expresamente o seu compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria xuntando, se é o caso, o anexo III debidamente cuberto.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2018

Asinado

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Avenida Monte da Condesa, s/n

15706 Santiago de Compostela

ANEXO III

Solicitude condicionada de percepción do complemento específico do posto de xefe/a de Sección de Calidade

DATOS PERSOAIS

Apelidos e nome:

Categoría estatuaria:

Centro sanitario:

EXPÓN:

Primeiro. Que, de acordo co establecido no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (DOG nº 17, do 25 de xaneiro) opta por desempeñar os seus servizos para o Servizo Galego de Saúde en réxime de dedicación exclusiva.

Segundo. Que non desempeña ningunha outra actividade pública ou privada pola que perciba retribución ningunha que, de acordo coa Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades, resulte incompatible coa percepción do complemento específico previsto no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.

Por todo lo anterior,

SOLICITA:

Lle sexa aceptada a opción de prestación dos seus servizos en réxime de dedicación exclusiva, coa conseguinte percepción do complemento específico que corresponda de acordo co sistema retributivo vixente.

Sen prexuízo do anterior, a validez e eficacia da presente solicitude queda condicionada á efectiva adxudicación do posto convocado de xefe/a da Sección de Calidade ao asinante. De non resultar adxudicatario do citado posto, considerarase a solicitude, como non presentada e sen validez.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2018

Asinado

ANEXO IV

Avaliación do currículo profesional, proxecto técnico e dedicación exclusiva:
xefe/a da Sección de Calidade

1. A puntuación total máxima do currículo profesional e do proxecto técnico será de 60 puntos coa seguinte ponderación:

1.1. Baremación do currículo profesional (máximo 30 puntos).

De conformidade coa base terceira da convocatoria os méritos do currículo profesional configúranse con carácter de méritos valorables obrigatoria e opcionalmente. O carácter, duns e doutros, especificase a continuación:

• De valoración obrigatoria.

– Experiencia profesional.

– Actividade formativa, docente e investigadora.

En todos os casos indicativos da actualización dos coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño da correspondente especialidade.

• De valoración opcional.

– Xefaturas e coordinación de unidades e equipos.

– Titorías.

– Organización de formación.

– Participación en comités internos.

– Participación en proxectos institucionais.

1.2. Baremación do proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo (máximo 30 puntos).

O proxecto será presentado e defendido ante a comisión de avaliación nun acto público pola orde resultante dun sorteo. No mesmo acto, o aspirante defenderá a adecuación do seu currículo profesional ás características do posto de traballo e o plan de obxectivos fixados no anexo I.

2. Dedicación exclusiva.

Asignarase ao compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura, unha puntuación adicional de 40 puntos.