Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2018 Páx. 23971

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Ourol, no concello de Ourol, promovido pola sociedade Enebro Ourol, S.L.U. (LU-11/145-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Ourol, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola sociedade Enebro Ourol, S.L.U. (LU-11/145-EOL), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Anexo

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Ourol, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola sociedade Enebro Ourol, S.L.U. (LU-11/145-EOL)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enebro Ourol, S.L.U. (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Ourol (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 24 MW.

Segundo. O 28.6.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 9.3.2012 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Cuarto. O 31.5.2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en diante a xefatura territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Quinto. O 1.6.2012 e o 6.8.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico.

Sexto. O 13.6.2012 a xefatura territorial solicitou os condicionados técnicos sobre as correspondentes separatas do proxecto aos seguintes organismos: Concello de Ourol, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., Agencia Estatal de Seguridad Aérea e Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Sétimo. O 29.6.2012, Retevisión I, S.A., achegou o condicionado técnico solicitado, recollido no documento Informe preliminar de afectación sobre os servizos de Abertis Telecom pola instalación do parque eólico Ourol.

Oitavo. O 29.6.2012 Retegal, S.A. emitiu o correspondente condicionado técnico, en que se establecía que o promotor se comprometería á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno e, que se se detectaren perda ou degradación desta, proporcionaría os medios necesarios ou acometería algunha actuación de extensión da cobertura que permitise o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Noveno. Por Resolución do 11 de xuño de 2012 da xefatura territorial sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.7.2012 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 25.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e do concello afectado (Ourol).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións: o 12.7.2012 Josefa Orosa Gómez e Ana María Díaz Vázquez e Hortensia Vázquez Pérez; o 16.7.2012 Serafín González Prieto, en nome e representación da Sociedade Galega de Historia Natural; o 18.7.2012 Rogelio Lagar Chao; o 19.7.2012 Juan José Chao Fernández; o 20.7.2012 a Deputación Provincial de Lugo; o 23.7.2012 Pedro Alejandro López Suárez; o 24.7.2012 Francisca Vivero Geada; o 26.7.2012 Tomás López Gómez e María Leonilde Prieto Pita; o 30.7.2012 Pablo Campo Fernández; o 27.7.2012 Ventura Insua Fernández; o 14.8.2012 Francisco José Gómez e Avelino Gómez García; o 17.8.2012 Jesús García Vázquez, en representación de Andrés García Carballido, Georgina Vázquez Cao, Dulce María Franco Castelo, Cándido Eugenio Rúa Picos, Filomena Otero Cabana, María Norma Pardo Guerrero e Julián Otero Cabana, en escritos independentes; o 28.8.2012 Jesús García Vázquez en representación de Francisco Cuba Gómez, Olga Sánchez Ferreiro e José Cuba Sánchez; o 10.9.2012 Marta Isabel Díaz Fernández e José Antonio Díaz Vázquez; o 12.9.2012 Jesús García Vázquez, en representación, por un lado, de Francisco Cuba Gómez, Olga Sánchez Ferreiro e José Cuba Sánchez, e por outro, de María Norma Pardo Guerreiro; o 22.10.2012 José Gómez Balseiro; o 29.10.2012 José Ramón Vila Vázquez; o 26.11.2012 Jesús García Vázquez, en representación de Ramón Evelio Guerreiro Fernández e María Norma Pardo Guerreiro, en escritos independentes; o 7.12.2012 Jesús García Vázquez, en representación de, por un lado, Rogelio Lagar Chao, e por outro, Francisco Cuba Gómez, Olga Sánchez Ferreiro e José Cuba Sánchez; o 19.12.2012, Jesús García Vázquez, en representación de Cándido Eugenio Rúa Picos, Andrés García Carballido e de Georgina Vázquez Cao, en escritos independentes; o 4.2.2013 o Concello de Ourol.

Décimo. O 13.7.2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., o promotor comprometeuse a realizar, no caso de se produciren afectacións negativas, perda ou degradación da cobertura TDT, na zona de influencia do parque eólico e como consecuencia da posta en marcha deste, unha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno e, segundo os datos que se obtivesen, a poñer os medios necesarios que permitisen restablecer a correcta recepción dos sinais de TDT á situación previa á instalación do parque eólico.

Décimo primeiro. O 20.7.2012 Unión Fenosa Distribución, S.A. respondeu á solicitude de condicionado técnico manifestando que non é titular de ningunha liña de media tensión existente nas coordenadas do parque eólico.

Décimo segundo. O 23.7.2012 o Concello de Ourol emitiu o condicionado técnico sobre a separata do proxecto do parque eólico.

Décimo terceiro. O 1.8.2012 o promotor achegou resposta ao condicionado emitido por Retevisión I, S.A.

Décimo cuarto. O 3.8.2012 a xefatura territorial reiterou as solicitudes de condicionado ao Concello de Ourol e a Gas Natural Fenosa Renovables.

Décimo quinto. O 17.8.2012 Unión Fenosa Distribución, S.A. reiterou a súa resposta do 20.7.2012.

Décimo sexto. O 5.9.2012 a xefatura territorial solicitou a Begasa o correspondente condicionado sobre o proxecto de execución do parque eólico.

Décimo sétimo. O 27.8.2012 o promotor presentou a súa resposta ao condicionado emitido polo concello de Ourol.

Décimo oitavo. O 27.12.2012 Begasa estableceu o correspondente condicionado técnico sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo noveno. O 16.1.2013 o promotor presentou a súa resposta ao condicionado emitido por Begasa.

Vixésimo. O 25.1.2013 Begasa manifestou a súa conformidade coa solución proposta na contestación do promotor ao seu condicionado inicial.

Vixésimo primeiro. O 1.2.2013 a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Vixésimo segundo. O 21.3.2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo terceiro. O 9.4.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 6 de maio de 2013 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Vixésimo cuarto. O 14.6.2013 a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou a instalación do parque eólico, e estableceu, asemade, o correspondente condicionado.

Vixésimo quinto. O 21.6.2013 o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe a, que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Canto aos dereitos mineiros afectados, no informe do Servizo de Enerxía e Minas de Lugo do 1.6.2012 incluíase unicamente o permiso de investigación Begoña nº 5391, outorgado a favor de Pablo Campo Fernández.

Posteriormente, o 6.8.2012, a dita unidade administrativa emitiu un informe complementario en que comunica que o antedito permiso de investigación está caducado en virtude de sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 23.12.2005, polo que non se pode considerar como dereito afectado.

Cuarto. Durante a tramitación do expediente presentáronse as alegacións indicadas no antecedente de feito noveno. A seguir resúmese o seu contido:

1. A Sociedade Galega de Historia Natural, na súa alegación, solicita que:

– Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, non se autorice a afección dos aeroxeradores e pistas de acceso sobre as especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, presentes na zona, nin sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia.

– Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se prevexa a adopción de medidas mitigadoras.

– Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas elaborados, ou en elaboración, pola Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

– O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas pistas de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

2. Pola súa parte, Jesús García Vázquez presentou alegacións en representación das seguintes persoas: Rogelio Lagar Chao, Andrés García Carballido, Georgina Vázquez Cao, Dulce María Franco Castelo, Cándido Eugenio Rúa Picos, Filomena Otero Cabana, María Norma Pardo Guerreiro, Julián Otero Cabana, Francisco Cuba Gómez e Outros e Ramón Evelio Guerreiro Fernández. O contido destas alegacións é similar, baseando todas elas nos seguintes argumentos:

– Os seus representados son propietarios dunha ou varias parcelas situadas na zona do parque eólico. Achega documentación acreditativa desta titularidade.

– Manifesta a súa desconformidade coa relación de bens e dereitos afectados posto que a pesar de que estas parcelas se atopan afectadas, segundo o caso, por afección eólica, pistas novas, pistas existentes con pavimento, gabias, zapatas e/ou plataformas, estas afeccións non lle foron notificadas, ou fórono erroneamente, aos seus titulares.

– Existen discrepancias entre a cartografía catastral, a empregada no proxecto e a realidade do terreo. En todos os casos, achega informe técnico, incluíndo planos de levantamento topográfico con encaixe na cartografía catastral e do proxecto do parque eólico, e copia das correspondentes solicitudes presentadas no catastro para a emenda de discrepancias.

– Estas parcelas están afectadas pola zona de solo rústico de protección de infraestruturas, cun raio de afección de 200 m desde o centro de cada aeroxerador. Na maior parte dos casos o uso destas parcelas afectadas é unicamente forestal, con explotación intensiva de eucalipto, de modo que quedarían inservibles para o seu uso, o que debe terse en conta á hora de fixar o xusto prezo no proceso expropiador.

– Solicita que se especifique cal é a superficie de protección eólica para coñecer as afeccións reais sobre as parcelas.

– Finalmente, solicita en todos os casos que se revisen e corrixan os datos de superficies e bens afectados para que se axusten á realidade dos predios afectados.

3. A Deputación Provincial de Lugo comunica que unha parcela da cal se lle atribúe a titularidade catastral non pertence á dita deputación.

4. Juan José Chao Fernández, na súa alegación, solicita que se lle informe sobre o xusto prezo que lle corresponderá polas afeccións sobre os seus predios e que se proceda á expropiación total destes, posto que tales afeccións fan antieconómica a conservación da parte non afectada.

5. Francisca Vivero Geada comunica unha nova dirección para os efectos de futuras notificacións.

6. Pedro Alejandro López Suárez manifesta que é o actual titular da parcela atribuída a María Dolores Suárez Bahamonde, polo que solicita que se lle remitan no sucesivo as comunicacións relativas a este expediente. Ademais, solicita unha maior información en relación coas afeccións sobre a dita parcela.

7. Pablo Campo Fernández expón que é titular do permiso de investigación Begoña nº 5391 e solicita que se requira o promotor para que se poña en contacto con el a fin de dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que exixe, entre outros requisitos, xustificar os motivos polos que non foi posible acadar un acordo cos titulares de bens e dereitos afectados para evitar a súa expropiación. Solicita, ademais, que se suspenda a tramitación da declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución mentres a empresa non teña intentado acadar un acordo con el.

8. Ventura Insua Fernández, como herdeiro, xunto con José Franco Insua, de José Bouza Insua, solicita que se lles fagan chegar a ambos as notificacións relativas a este expediente. Achega documentación xustificativa da súa condición de herdeiros.

9. Tomás López Gómez manifesta que, por herdanza da súa nai, Celsa Gómez Gómez, é o titular da parcela nº 237 do proxecto, a cal se notificou a Cándida Hermida Gómez.

10. María Leonilde Prieto Pita manifesta o seguinte:

– É a actual titular de varias parcelas afectadas polo parque eólico, en virtude de herdanza recibida da súa avoa María Antonia Pita Chao, e solicita, por tanto, ser tida como parte interesada no expediente.

– O parque eólico produce impacto visual, sonoro, ambiental, electromagnético e paisaxístico que afecta o conxunto en que se sitúa e devalúa a zona de competencia para plantación, cultivo, turismo, etc.

– Ademais das parcelas comunicadas como afectadas polo parque eólico, figuran outras e unha antiga vivenda, formando todo o conxunto unha explotación agraria, que se verá afectada pola instalación, polo que debe ser indemnizada no seu conxunto no caso de expropiación forzosa.

– Estase realizando un levantamento topográfico para determinar a situación real das parcelas, posto que o plano parcelario catastral presenta manifestos erros.

11. Josefa Orosa Gómez comunica que posúe o 50 % de varias parcelas afectadas polo parque eólico que lle foron notificadas soamente á súa nai; xunta documentación acreditativa da dita titularidade e solicita, por tanto, ser tida como parte interesada no expediente.

12. Ana María Díaz Vázquez e Hortensia Vázquez Pérez, en calidade de herdeira e usufrutuaria da herdanza de Flora Ramudo Gómez, manifestan a súa conformidade coa afección do parque eólico aos seus predios e que cando se formalicen os trámites administrativos correspondentes achegarán toda a documentación acreditativa necesaria. Asemade, indican un novo enderezo para os efectos de notificacións.

13. Marta Isabel Díaz Fernández e José Antonio Díaz Vázquez comunican que son os herdeiros de Flora Ramudo Gómez, a cal figura como titular de diversas parcelas afectadas polo parque eólico, e solicitan ser tidos por comparecidos no expediente, por comunicados os enderezos e teléfonos que indican no seu escrito, que se lle notifiquen estes ao promotor e que se lles de traslado das comunicacións, información e demais datos de interese contidos no expediente.

14. Francisco José Gómez García comunica que está autorizado como interlocutor dos herdeiros de Elvira García Otero (xunta copia da autorización), indicando o seu enderezo electrónico e o seu domicilio para os efectos de notificacións. Ademais, solicita que se lle facilite, preferentemente de forma electrónica, a documentación relativa ao expediente, co fin de determinar exactamente o alcance do proxecto, as súas condicións e as afeccións sobre as súas parcelas.

15. José Gómez Balseiro comunica que o enderezo e a persoa de contacto para a parcela nº 26 do proxecto son erróneas e que el é o herdeiro legal e actual titular desta (xunta documentación acreditativa desta circunstancia). Así mesmo, indica os datos e o enderezo para os efectos de futuras notificacións.

16. José Ramón Vila Vázquez comunica que existe un erro na titularidade da parcela nº 76 do proxecto, que figura como de titular descoñecido, posto que lle pertence en virtude de compra por disolución de comunidade (xunta documentación acreditativa). Solicita que se efectúen os cambios oportunos co fin de que se lle remitan as notificacións relativas á dita parcela.

17. O Concello de Ourol manifesta que é o titular da parcela nº 260 do proxecto, que non pertence á Deputación Provincial de Lugo como figura no catastro. Solicita que se realicen os cambios oportunos para que no sucesivo figure como titular o Concello e se lles remitan as notificacións relativas ao dito predio.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. Por unha parte, considérase que a declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 9.4.2013 deu resposta ás alegacións de contido ambiental, especialmente á presentada pola Sociedade Galega de Historia Natural.

2. En relación coa alegación de Pablo Campo Fernández, cómpre manifestar que o permiso de investigación do que di ser titular está caducado por sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 23.12.2005, polo que non se pode considerar como dereito afectado.

3. No que respecta ás demais alegacións, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de cultivo,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Ourol, situado no concello de Ourol (Lugo), e promovido por Enebro Ourol, S.L.U., cunha potencia de 24 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Ourol asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Enebro Ourol, S.L.U.

Domicilio social: polígono industrial Lalín 2000-parcela C-26, 36500 Lalín (Pontevedra).

Denominación: parque eólico Ourol.

Potencia instalada: 24 MW.

Concello afectado: Ourol (Lugo).

Produción anual: 92.235 MWh/ano.

Orzamento total: 26.785.864,92 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

A

611.819,00

4.824.455,00

B

611.385,00

4.824.568,00

C

610.768,00

4.823.858,00

D

610.612,00

4.823.239,00

E

609.712,00

4.821.826,00

F

609.188,00

4.821.803,00

G

608.529,00

4.821.244,00

H

608.774,00

4.820.743,00

I

610.396,00

4.821.259,00

J

611.733,00

4.823.759,00

Coordenadas dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

OU-01

611.512,00

4.824.282,00

OU-02

611.339,00

4.823.782,00

OU-03

610.888,00

4.822.975,00

OU-04

610.599,00

4.822.582,00

OU-05

610.206,00

4.821.913,00

OU-06

610.009,00

4.821.545,00

OU-07

609.562,00

4.821.402,00

OU-08

609.415,00

4.821.560,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 8 aeroxeradores Vestas-112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de 94 m de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 8 centros de transformación de 3.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, Dyn11, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 100 m de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura e de presión e rexistrador de datos.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal normalmente en condutor directamente enterrado en gabia e en canalización entubada baixo vías para a evacuación da enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,69/30 kV e subestación transformadora 30/132 kV.

– Camiños ou vías, con plataforma de 6 m de largo e camadas de saburra compactada para o acceso a aeroxeradores, torre anemométrica, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora tipo PASS M0 cun transformador principal 30/132 kV intemperie, YNdn11, de 25/30 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, e outro de servizos auxiliares a 30/0,42 kV de 100 kVA, YZn11, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Enebro Ourol, S.L.U. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 450.182,60 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enebro Ourol, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 200.894 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir a obriga de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Enebro Ourol, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. No que respecta á proximidade do aeroxerador OU-08 á liña aérea de media tensión titularidade de Begasa, o promotor deberá facerse cargo do soterramento do tramo da liña que sexa necesario para cumprir coas distancias mínimas exixidas na ITC-LAT 07.

8. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dez meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 9.4.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, especialmente as establecidas no número 7 da dita declaración.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

10. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.