Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 8 de maio de 2018 Páx. 23617

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 16 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

BDNS (Identif.): 396631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento de drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa finalidade é apoiar ás persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 16 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Contía

O crédito inicial da convocatoria é de douscentos mil euros (200.000,00 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA462B.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade