Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 8 de maio de 2018 Páx. 23588

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da súa Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes. Así mesmo, a dita subdirección é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia. Asumirá as funcións asistenciais que lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas, así como colaborar na implantación e seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na comunidade autónoma.

A actual rede de asistencia de drogodependencias que forma parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, segundo a Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde, colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social. Estas entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Na súa virtude, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento de drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa finalidade é apoiar ás persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA462B para este procedemento administrativo.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Normas de acceso das persoas usuarias aos programas

1. A entidade responsable do programa destinará este recurso a pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de especialización de drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre drogas, que estean en situación de estabilidade e que non conten cun contorno socioeconómico e familiar axeitado. A dita circunstancia será acreditada por estes/as a través dun informe de derivación a este recurso por parte da unidade asistencial na que reciben tratamento e seguimento. No dito informe de derivación constará o número de rexistro no Sistema de xestión centros asistenciais (Xeceas) do/da paciente.

2. Co obxecto de optimizar os recursos de apoio, as entidades poderán establecer unha achega económica por parte das persoas usuarias, priorizando o acceso daquelas con menos recursos, sen que ningunha persoa poida ser rexeitada por non dispoñer de recursos económicos. A achega económica por parte das persoas usuarias non superará o 75 % dos seus ingresos líquidos, quedando excluído do cómputo as gratificacións extraordinarias.

3. No suposto de establecer as achegas contempladas no número anterior, a entidade beneficiaria da subvención deberá comunicalo á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde e á unidade administrativa competente na autorización e inspección de servizos sociais dependente da Consellería de Política Social, facendo constar o seu importe. As ditas achegas en ningún caso se terán en conta para a concesión da subvención nin para determinar o seu importe.

Artigo 4. Actividades e gastos subvencionables

1. Teñen a consideración de actividades subvencionables todas aquelas necesarias para o desenvolvemento de programas destinados a proporcionar a incorporación social de persoas drogodependentes.

A prestación das ditas actividades será levada a cabo polos/as profesionais que integran o equipo técnico dos diversos dispositivos das entidades beneficiarias, que serán as responsables da xestión dos programas obxecto de subvención a nivel técnico e administrativo.

Só serán subvencionables, os gastos das prazas ocupadas polas persoas que sexan derivadas desde as unidades de especialización de drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre drogas, polo que é necesario que teñan informe de derivación a este recurso.

2. Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal necesario para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social. Terá a dita consideración o persoal que execute funcións inequivocamente relacionadas coa actividade subvencionada. Como máximo será subvencionable, como retribución económica, en cada categoría profesional, a cantidade equivalente segundo a Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, referidas ao persoal laboral. Imputarase de forma proporcional as horas que o/a profesional dedica ao dito programa.

b) Para os gastos correntes de mantemento da vivenda onde se desenvolva o programa, ata un máximo do 30 % da contía concedida. Os gastos subvencionados deberán adecuarse aos obxectivos e contidos do programa, e dispoñer de constancia documental da súa realización para que se poidan verificar.

Artigo 5. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades, contía e programas subvencionables

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 200.000 euros con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

2. O procedemento de aprobación de gasto axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Estas axudas están destinadas a sufragar soamente os gastos correntes, como máximo ata o 30 % da contía concedida, e de persoal necesarios para a realización dos programas de incorporación social subvencionados. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018.

4. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, coas limitacións establecidas no punto seguinte.

5. A axuda máxima a financiar por cada programa é de 40.000 euros. No caso de que a entidade percibise axudas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde polo mesmo concepto, soamente terá dereito a complementar a dita axuda ata o máximo referido.

Non obstante, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión, segundo o modelo recollido no anexo II.

6. Programas subvencionables:

a) Programas de apoio a procesos de rehabilitación de distintas drogodependencias non alcohólicas que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.

b) O programa e actividades, deberán ter un carácter integral e estar deseñadas como un proceso continuado, iniciándose cun diagnóstico global e establecendo un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis axeitadas.

c) Só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.

d) Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Documentación obrigatoria xurídico-administrativa da entidade solicitante (copia):

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

c) Documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante.

d) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2017.

e) No caso de que o posúan, certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados.

f) Anexo III debidamente cuberto e asinado.

2.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado.

Achegar un programa dun máximo de cinco páxinas, avaliado, supervisado e asinado pola persoa coordinadora ou responsable deste, a cal terá titulación universitaria. Para poder ser avaliado deberán constar os seguintes puntos:

a) Denominación do programa.

b) Obxectivos xerais e específicos que se pretenden acadar.

c) Metodoloxía de avaliación: indicadores de proceso e resultados.

d) Ámbito territorial da poboación a que vai dirixido, así como criterios de inclusión e exclusión.

e) Número de persoas usuarias de cada vivenda.

f) Actividades realizadas na vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

g) Actividades realizadas fóra da vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

h) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa específico de atención directa no centro de atención social de apoio a procesos terapéuticos. No caso dos recursos humanos indicarase o nome, a titulación, a categoría profesional e o horario dedicado ao programa.

i) Valoración económica do programa.

j) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante da entidade que solicita a subvención.

c) Titulación académica da persoa responsable do programa.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de débedas coa Axencia Tributaria do Estado.

f) Certificado de débedas coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes (anexo I e anexo III).

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Procedemento, instrución e comisión de valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase por escrito ás entidades interesadas os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días hábiles, considerarase que desistiron da súa solicitude, logo da resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 13 avaliará os proxectos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.

Esta comisión estará integrada polos/as seguintes membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que actuará como presidente/a. De ser o caso, será substituída pola persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa.

– A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias. No seu caso, será substituída pola persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

– Dous/dúas técnicos/as do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias, asumindo un/unha deles/ as a secretaría. De ser o caso, serán substituídos por técnicos/as do Servizo de Xestión Sociosanitaria

A comisión de valoración poderá solicitar a presenza dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social ou unidade administrativa competente nesta materia, así como dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, da Consellería de Política Social con rango mínimo de xefe/a de servizo, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento e integración social levados a cabo polas entidades solicitantes.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da comisión de valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Criterios de valoración das solicitudes

1. Primeira fase de valoración. Teranse en conta os criterios seguintes para a valoración da calidade dos programas:

a) Grao de adecuación do programa que se presenta, segundo o punto 6 do artigo 5, sobre actividades subvencionables desta orde. O mínimo exixido para este criterio será de 3 puntos, polo que as solicitudes que non acaden esta puntuación mínima, non pasarán á seguinte fase de valoración.

Para cuantificar a calidade do programa presentado valoraranse preferentemente os seguintes aspectos:

1º. Concreción e regulamentación do procedemento de acceso á vivenda. Máximo 1 punto.

– Precisión dos proxectos de incorporación social. 0,5 puntos.

– Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas. 0,5 puntos.

2º. Dedicación e cualificación dos/as profesionais implicados/as na atención directa en relación cos obxectivos propios destes programas. Máximo 1 punto.

3º. Desenvolvemento das actividades realizadas no programa para o fomento de adquisición de habilidades sociais e da utilización dos recursos normalizados e externos á entidade. Máximo 2 puntos.

4º. Dinamismo dos programas, primándose que se alcancen os obxectivos propostos nun tempo inferior a 6 meses. Máximo 1 punto.

b) Traxectoria da entidade solicitante en materia de incorporación social de persoas en situación de risco de exclusión relacionadas con condutas adictivas, en programas distintos ao obxecto desta orde:

Un punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas en materia de actuación en drogodependencias e que a dita axuda fose debidamente xustificada pola entidade perceptora, ata un máximo de 6 puntos. O mínimo exixido para este criterio será de 4 puntos.

Pasarán á segunda fase os que cumpran o mínimo establecido para cada un dos criterios, o que suporá obter un mínimo de puntuación nesta primeira fase de 7 puntos.

A puntuación obtida acumularase á que se obteña na segunda fase.

2. Segunda fase de valoración. Criterios a ter en conta:

a) Grao da consolidación na prestación do servizo: 3 puntos por cada ano en que a entidade obtivera axuda específica de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas, para o desenvolvemento de programas de incorporación social destas persoas en vivendas específicas. Un máximo de 15 puntos, sempre que xustificase as actividades realizadas e a consecución do programa.

b) Funcionamento da vivenda (máximo 4 puntos):

1º. Apertura da vivenda todos os fins de semana con presenza física de persoal da entidade (máximo 1 punto).

2º. Presenza física de persoal polas noites na vivenda (máximo 1 punto).

3º. As persoas usuarias dispoñerán dun informe de seguimento por parte da unidade asistencial de Drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre drogas (máximo 2 puntos).

c) Participación de institucións non públicas no financiamento das ditas vivendas no ano 2017 por importe igual ou superior a 1.000 euros, ata un máximo de 5 puntos. 1 punto por cada axuda de institución non pública debidamente acreditada.

d) Contribución da actividade á discriminación positiva da muller: 1 punto.

3. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada das solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada en cada unha das fases.

4. As axudas adxudicaranse aos 5 programas que obteñan as puntuacións máis altas, ordenados de maior a menor puntuación, cada un dos cales terá un importe de 40.000 euros.

5. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que xulgue adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

6. Se a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 5, quedan programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante da aplicación dos criterios recollidos neste artigo.

7. Se de acordo coa valoración realizada dúas ou máis entidades obteñen unha puntuación igual e, por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo de número de axudas recollido no artigo 5 non poden recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias, aquelas que:

1º. Utilicen a lingua galega na realización das actividades e/ou

2º. Conten no seu cadro de persoal con traballadores/as discapacitados/as. No caso de que esta epígrafe fose cumprida por máis dunha entidade, terá preferencia para a obtención da condición de beneficiaria aquela ou aquelas entidades que conten cunha maior porcentaxe de traballadores/as con discapacidade no seu cadro de persoal, sempre e cando esta circunstancia sexa debidamente acreditada.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e presidente/a do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución deberá serlle notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 9 da presente orde.

4. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 15. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou en calquera momento se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado, desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, do seguinte xeito:

a) Unha vez concedida a subvención, poderase efectuar un pagamento anticipado segundo o artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, presentado por parte da entidade:

1. Unha memoria coa descrición do programa de actividades que se van realizar.

2. Certificado de non atoparse incursa nas causas de exclusión reguladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Poderanse realizar pagamentos parciais ata un máximo do 80 % do importe total da subvención (incluíndo o anticipo), a conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa, achegando copias compulsadas dos xustificantes de gasto e pagamento ocasionados polo seu desenvolvemento, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

A data límite e improrrogable para presentación da documentación para os pagamentos parciais é o 5 de novembro de 2018.

c) A porcentaxe restante da subvención (20 %) non se fará efectiva ata que estea integramente xustificada a totalidade dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas incluíndo, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta.

d) Os pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía.

e) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do/da provedor/a para gastos inferiores a 1.000 euros.

f) A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no artigo 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, achegando a seguinte documentación:

1º. Copias dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

2º. Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

3º. Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

4º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas e non públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectada por el, segundo o anexo II.

5º. Documentación xustificativa de que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e/ou fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

6º. Informe emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, da Consellería de Política Social en relación aos criterios mencionados nos artigos 3 e 13.2.b). Para estes efectos considerarase o período desde o 1 de decembro do ano 2017 ata a data de inspección realizada no ano 2018.

2. Consideraranse gastos subvencionables, os recollidos no artigo 4 e realizados no desenvolvemento do obxecto desta subvención. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018.

Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada se son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

3. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

4. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, con data límite do 5 de decembro de 2018 que emitirá informe favorable de ser conforme.

De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para os efectos desta orde, considéranse gastos realizados os que fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación e aqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puideran ter pagado nese prazo. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento, remitirase á citada dirección xeral a certificación acreditativa da súa realidade.

5. Con anterioridade ao día 15 de xaneiro de 2019, presentarase unha memoria dos programas realizados e financiados coa presente subvención ao longo do ano 2018, en que constará:

5.1. Características básicas do dispositivo: data de inicio do funcionamento do centro, concellos de referencia, habitantes de referencia segundo os datos do INE a mes de xaneiro do ano en curso, organigrama, horario de funcionamento do centro, localización, número de despachos.

5.2. Cadro de persoal: especificar cada unha das persoas que traballen ou presten servizos coa asociación, indicando o nome, horas semanais traballadas (diferenciando entre horas asistenciais e de xestión se son clínicos), posto desempregado, titulación académica, salario mensual sen complementos, trienios, retribucións complementarias, tipo de contrato.

5.3. Actividades realizadas:

Persoas usuarias atendidas no ano natural. Especificando o número de homes e mulleres.

Número de reunións de coordinación coas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.

Programas de incorporación social: data, denominación, descrición, poboación diana, número de asistentes e beneficiarios.

5.4. Balance de ingresos e gastos:

Ingresos:

Informe que inclúa a contía de todas as axudas económicas recibidas e a súa orixe e data de percepción (subvencións, doazóns e legados).

Débedas con entidades de crédito.

Ingresos e superávit, se é o caso, de exercicios anteriores.

Ingresos por cotas de socios.

Outros ingresos: ingresos financeiros, por actividades de recadación.

Gastos:

Gastos de persoal: retribucións básicas e complementarias, cotas á Seguridade Social, gastos de formación ao persoal, gastos de viaxes.

Gastos de mantemento: arrendamento/aluguer, reparación e conservación, contratación de servizos, transportes, primas de seguros, subministracións, material de oficina, limpeza, traballos realizados por outras empresas.

Tributos.

Gastos e perdas de exercicios anteriores.

Especificar outros gastos: financeiros, amortización de débedas.

Calquera outro gasto que sexa xenerado polo desenvolvemento do programa.

5.5. Reclamacións presentadas polas persoas usuarias: xuntar copia de todas as reclamacións achegadas polas persoas usuarias no libro de reclamacións e as respostas ás ditas reclamacións.

5.6. Cumprimentación do cadro de indicadores remitido desde a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

6. As entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos/coas profesionais das unidades de atención aos trastornos adictivos correspondentes para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

7. Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

8. Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, a información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

9. Comunicar calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

10. Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

11. Coordinarse coas unidades asistenciais da rede do Plan de Galicia sobre drogas.

12. Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

13. Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vai poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa. Para tal fin a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

14. Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde puidese facer nesta materia.

15. Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde.

16. Remitir antes do día 5 de cada mes, as altas e baixas, na vivenda. No caso de alta deberase acompañar do respectivo documento de derivación da unidade asistencial de drogas da rede do Plan de Galicia sobre drogas, en que recibe tratamento e seguimento.

Artigo 18. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19. Infraccións e sancións

En canto ao réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento.

Artigo 20. Publicidade

Os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nos ficheiros denominados Relacións comerciais e económicas con terceiros e Xestión económica e orzamentaria co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar as entidades interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable destes ficheiros é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral@sergas.es

Para dar cumprimento ao presente procedemento, os ditos datos poden ser obxecto de comunicación aos seguintes organismos: Ministerio de Facenda e Función Pública como responsable da Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde, aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file