Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 8 de maio de 2018 Páx. 23620

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de maio de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no sector do transporte en ambulancia de persoas enfermas e accidentadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolverá os días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga dirixida a todos os traballadores e traballadoras das empresas e centros de traballo afectados polo Convenio colectivo para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto entre as 0.00 horas e as 24.00 horas dos días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo de 2018.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga dirixida ao persoal das empresas e centros de traballo afectados polo Convenio colectivo de transporte de persoas enfermas e accidentadas en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá efecto desde as 0.00 horas ás 24.00 horas dos días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo de 2018, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSUG (rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) medicalizadas ou UVI´s móbiles, é dicir, ambulancias tipo C concertadas pola FPUSG-061, que se corresponden cun total de 11 unidades, situadas en 11 bases (unha delas en período estival –xullo e agosto–). O horario de servizo é de 24 horas.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancias tipo B concertadas pola FPUSG-061, que se corresponden cun total de 106 unidades. O número de bases por provincia é o seguinte: 36 bases na provincia da Coruña con 42 vehículos, 20 bases na provincia de Lugo con 22 vehículos, 15 bases na provincia de Ourense con 17 vehículos, e 27 bases na provincia de Pontevedra con 35 vehículos.

2. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias dos seguintes tipos: convencionais, asistenciais de soporte vital básico e asistenciais de soporte vital avanzado.

3. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde os centros e estruturas do Servizo Galego de Saúde e prestado con ambulancias dos tipos convencionais, asistenciais de soporte vital básico e vehículos de transporte sanitario colectivo.

4. Transporte sanitario prestado polas empresas que afecten enfermos/as ou accidentados/as na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.

A Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito á saúde de pacientes en situacións especiais, nos que calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poida desencadear un risco vital.

Os servizos mínimos que se propoñen resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Os citados servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidas, dadas as características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia, e diálise.

3. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo, como mínimo, un vehículo, determinarase o 50 % dos recursos por quendas ou franxas horarias establecidas, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o/a paciente necesite padiola.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) e bases e número de ambulancias de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB)
e de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga

– Provincia da Coruña:

A Coruña -3 bases (3 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 2 AA-SVA)

Arzúa

Arteixo

As Pontes de García Rodríguez

Betanzos

Boiro

Cambre

Carballo (2 AA-SVB)

Cariño

Cee

Cedeira

Cerceda

Curtis

Ferrol -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mazaricos

Melide

Muros

Narón (1 AA-SVB 12 horas)

Negreira

Noia

Oleiros

Ordes

Ortigueira

Padrón

Ponteceso

Pontedeume

Rianxo (1 AA-SVB 12 horas)

Ribeira

Sada

Santa Comba

Santiago de Compostela -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Vimianzo

Total provincia da Coruña: 36 bases/42 ambulancias.

– Provincia de Lugo:

A Fonsagrada

A Pontenova

Becerreá

Burela

Chantada

Foz -2 bases (1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

Guitiriz

Lugo -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Meira

Navia de Suarna

O Corgo

Palas de Rei

Quiroga

Ribadeo

Sarria

Vilalba

Viveiro

Total provincia de Lugo: 21 bases/22 ambulancias.

– Provincia de Ourense:

A Gudiña

Allariz

Bande

O Carballiño

Castro Caldelas

Celanova

Maceda

O Barco de Valdeorras

Ourense -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

A Pobra de Trives

Ribadavia

Verín

Viana do Bolo

Xinzo de Limia

Total provincia de Ourense: 15 bases/17 ambulancias.

– Provincia de Pontevedra:

A Cañiza

A Estrada

A Guarda

Arbo (1 AA-SVB 12 horas)

Baiona (1 AA-SVB 12 horas de luns a venres e 24 horas sábado e domingo –no mes de xullo–)

Bueu

Caldas de Reis

Cambados

Cangas

Lalín

Marín (1 AA-SVB 16 horas)

Moaña

Mos (1 AA-SVA)

Nigrán

O Grove

O Porriño

Ponteareas (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Pontevedra -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Portonovo

Redondela

Silleda

Sanxenxo (1 AA-SVA –no mes de xullo–)

Tomiño (1 AA-SVB 12 horas)

Tui

Vigo -2 bases (3 AA-SVB + 3 AA-SVB 14 horas + 1 AA-SVA)

Vilagarcía de Arousa (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Total provincia de Pontevedra: 28 bases/36 ambulancias.

Total Galicia: 99 bases/117 ambulancias.

Entre parénteses figura o número de recursos cando a base ten máis de un, así como a asignación horaria naqueles recursos cuxo tramo horario é inferior a 24 horas/día.