Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 7 de maio de 2018 Páx. 23478

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión dun posto do Concello de Santiago de Compostela polo procedemento de libre designación.

Mediante o Decreto da Alcaldía, do 14 de febreiro de 2018, o Concello de Santiago de Compostela aprobou a convocatoria e as bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de secretaría de clase 1ª denominado secretario/a xeral do Pleno, reservado ao persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, que, tras a tramitación do oportuno expediente, a remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Hacienda e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

Con base no informe proposta do xefe do Servizo de Réxime Xurídico e Xestión de Funcionarios con Habilitación Nacional, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 20 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a xeral do Pleno, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional cuxas bases se xuntan a este anuncio:

Corporación: Concello Santiago de Compostela.

Posto: secretario/a xeral do Pleno.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 35.079,96 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento de lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2018

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO
Bases que rexerán a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a xeral do Pleno

Obxecto:

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación, establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, o posto de secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de secretaría, categoría superior.

Corporación:

Concello de Santiago de Compostela.

Denominación e clase do posto:

Secretaría xeral do Pleno, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter estatal pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

Características do posto:

4.1. O posto que se vai prover está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno Local e publicada no BOP da Coruña do 27 de maio de 2011.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión é o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2018, é de 35.079,96 euros brutos.

Requisitos para o seu desempeño:

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado/a:

Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren nas circunstancias establecidas nas alíneas a) e b) do artigo 28.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Acreditar o coñecemento da lingua galega mediante a presentación do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Na súa falta, o/a interesado/a deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

Solicitudes:

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Deberanse indicar nestas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se atope o/a solicitante e o seu destino, e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que xulguen oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

Nomeamento:

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía Presidencia ditará no prazo dun mes, de ser o caso e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, á observancia do procedemento, á competencia para o nomeamento, aos concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento e ás condicións persoais e profesionais tidos en conta para apreciar a maior idoneidade do funcionario nomeado, e da cal dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia para anotación e publicación no Boletín Oficial del Estado.

Tomas de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009; en consecuencia, será de tres días hábiles de se tratar de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Impugnación:

Contra esta resolución e cantos actos administrativos deriven dela os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, nos termos e prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación), ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).

Segundo. Remitir esta convocatoria á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a súa publicación e realización dos trámites posteriores previstos no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.