Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 3 de maio de 2018 Páx. 22953

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 43/2018, do 12 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade de todo o dominio público, coa excepción da calzada e das beiravías do treito da estrada PO-308, situado entre os puntos quilométricos 16+050 e 17+320 (intersección en glorieta coa PO-504), a prol do Concello de Sanxenxo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada PO-308 percorre o concello de Sanxenxo entre os p.q. 11+870 e 28+420. Entre os p.q. 15+360 e 17+320 (intersección en glorieta coa PO-504), esta estrada discorre por solo clasificado como urbano polo vixente Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo. Este treito está integrado no tecido urbano do núcleo de Sanxenxo. As marxes da vía están acoutadas polas edificacións e contan con múltiples accesos a rueiros municipais e o tráfico existente é principalmente local con desprazamentos de curto percorrido.

O treito da estrada PO-308 comprendido entre os p.k. 15+360 e 17+320 non conta cunha alternativa viaria, polo que non cumpre os condicionantes que estipula o número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia. O cambio de titularidade proposto soamente debería afectar todo o dominio público deste treito da estrada, coa excepción da calzada e das beiravías.

O Concello de Sanxenxo e a Axencia Galega de Infraestruturas, o día 22 de marzo de 2018, asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a urbanización da rúa Progreso PO-308. Entre os compromisos do Concello está aceptar a transferencia de todo o dominio público do treito da estrada PO-308 afectado pola execución das obras (p.q. 16+050 a 17+330), salvo a calzada e as beiravías resultantes da execución das obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade de todo o dominio público, coa excepción da calzada e das beiravías, correspondente ao treito da estrada PO-308 situado entre o p.q. 16+050 e o p.q. 17+320 (intersección en glorieta coa PO-504), a prol do Concello de Sanxenxo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Sanxenxo, de:

– Todo o dominio público, coa excepción da calzada e das beiravías, do treito da estrada PO-308 situado entre o p.q. 16+050 e o p.q. 17+320 (intersección en glorieta coa PO-504).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sanxenxo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Sanxenxo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda