Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2018 Páx. 22604

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de marzo de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Canedo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 8 de marzo de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque eólico Canedo. Alfoz e Mondoñedo (Lugo), promovido por Galfor Eólica, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Alfoz e de Mondoñedo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Canedo.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan urbanístico vixente.

Os terreos en que se pretende implantar o parque eólico Canedo están localizados nos termos municipais de Alfoz e Mondoñedo, na provincia de Lugo; aínda que a infraestrutura do parque eólico se localiza integramente no concello de Mondoñedo, a súa incidencia territorial, pola cualificación do solo proposta neste proxecto sectorial, afectaría tamén o concello de Alfoz.

O municipio de Mondoñedo réxese polo Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 13.6.2016. Neste plan, os terreos afectados están clasificados como solo rústico de especial protección paisaxística. Trátase dun plan non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), pero si á Lei 9/2002, do 30 de novembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia (LOUG) polo que, en aplicación da disposición transitoria primeira, alínea 1.d) da LSG, aos terreos afectados pola instalación aplícaselles o réxime de solo rústico disposto na LSG, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contidas no plan.

O municipio de Alfoz, no cal só inciden as afeccións do parque eólico, non conta con plan xeral. De acordo coa disposición transitoria primeira, número 4, da LSG, corresponde aplicar o réxime de solo rústico da devandita lei. Así, polas características dos terreos afectados, pola infraestrutura, aplicaráselle o réxime de solo rústico de protección ordinaria.

Tendo en conta esta información, dispóñense os distintos aeroxeradores de maneira que se garde a distancia mínima (500 m) ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable sectorizado, definida no número 3.1 da modificación do Plan sectorial eólico de 2002.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016:

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados a infraestruturas e ás súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

Esta área represéntase no plano nº 5 (plan municipal modificado).

Por tanto, deberá incluírse no Plan xeral dos dous municipios afectados pola delimitación desta nova área de clasificación, complementariamente aos das outras categorías do solo rústico do plan vixente que concorran.

De acordo co establecido na sección 4ª da Lei 2/2016, subsección 1, réxime (artigos do 31 ao 34) e subsección 2, condicións de uso (artigos do 35 ao 37), nas categorías de solo rústico mencionadas resulta posible a implantación de usos establecidos a través dos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial.

O solo rústico de protección de infraestruturas aquí indicado aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a seguir:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano nº 5 do proxecto sectorial do parque eólico Canedo como solo rustico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, coa excepción de edificacións necesarias para o funcionamento do parque eólico.

3. Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 300 m2, computando exclusivamente as edificacións pechadas; a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 7 metros de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá exceder os 7 metros de altura cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, fixeren imprescindible excedelos nalgún dos seus puntos. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural.

Os cerramentos e valados realizaranse de malla metálica ou vexetais, sen que poidan superar os 3 m de altura e cun máximo de 1 m de altura de zona opaca no caso de que se realice de malla metálica.

Os edificios situaranse dentro da parcela, adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

Os edificios gardarán un recuamento de 5 m respecto aos lindes da parcela. En calquera caso, cumprirase cos recuamentos definidos pola normativa sectorial correspondente.

4. Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. A carpintaría exterior das edificacións será de aluminio lacado. As cubertas terán unha pendente nunca superior a 40º, e estará formada por planos continuos.

5. Condicións de servizo.

De acordo co previsto no artigo 39.a) de Lei 2/2016 do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcadoiros.

2.2. Eficacia.

De acordo coa modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, o planeamento dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais redactados no seu desenvolvemento e non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas nos proxectos sectoriais que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24 establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que deberán adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».

No mesmo sentido o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o municipio en que se asente a dotación obxecto do proxecto xectorial deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Cando se revise o plan municipal dos municipios afectados e se adapten á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, deberanse incluír as delimitacións sinaladas nos planos deste documento, clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, que se rexerá pola normativa desenvolvida no punto anterior.

2.3. Prazo.

A adecuación do plan xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– A adaptación, se for o caso, do plan á Lei 2/2016 do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ou normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan Sectorial Eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.