Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2018 Páx. 22355

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2018 pola que se delegan competencias nas persoas titulares da Dirección Xeral e das xefaturas territoriais deste organismo, así como na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece no seu artigo 4.b).2 que queda adscrito á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS). Pola súa parte, o parágrafo primeiro da disposición adicional novena do citado decreto determina que as delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

A actividade administrativa do IGVS implica unha concentración de funcións na persoa titular da Presidencia do organismo que aconsella recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer os principios que informan a actividade administrativa, recollidos no artigo 103.1 da Constitución e dentro do rigoroso respecto ás garantías xurídicas.

Con esta delegación de competencias preténdese definir un marco claro de actuación que favoreza a celeridade, a eficacia e a eficiencia no desempeño das tarefas que o IGVS ten encomendadas.

Por todo isto, ao abeiro do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; nos artigos 6 e 7.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral do IGVS

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral do IGVS o exercicio das seguintes competencias:

a) As competencias que para contratar ten atribuídas a persoa titular da Presidencia do IGVS.

b) A cesión de vivendas de promoción pública a aqueles concellos que cedesen gratuitamente o solo preciso para a súa promoción, así como o alleamento de vivendas de promoción pública aos concellos onde estean situadas.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS en virtude desta delegación.

Segundo. Delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais do IGVS

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais do IGVS as competencias seguintes:

a) A resolución dos expedientes relativos ás subrogacións, na posición da persoa arrendataria, nos contratos de arrendamento das vivendas de promoción pública ou das vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade.

b) As resolucións dos contratos, así como das adxudicacións, que realice o IGVS respecto dos seus locais.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais do IGVS en virtude desta delegación.

Terceiro. Delegación de competencias na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra as resolucións e os actos administrativos ditados polas persoas titulares da Dirección Xeral do IGVS e das xefaturas territoriais do IGVS.

Cuarto. Réxime da delegación de competencias

a) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

b) En calquera momento, a persoa titular da Presidencia do IGVS poderá avocar para si o exercicio das competencias delegadas por esta resolución.

Quinto. Revogación de delegacións anteriores

Queda revogada a Resolución do 23 de xuño de 2010 pola que se delegan competencias en materia de vivenda e solo no director xeral do IGVS e nos xefes territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta resolución.

Sexto. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo