Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2018 Páx. 21575

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 9 de abril de 2018 polo que se fai pública a Resolución do 3 de abril de 2018 pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161 Landrove (LU-540)-Ferreira do Valadouro (LU-160) no treito situado entre os puntos quilométricos 2+430 a 2+690.

Con data do 3 de abril de 2018, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161 Landrove (LU-540)-Ferreira do Valadouro (LU-160) no treito situado entre os p.q. 2+430 a 2+690, co seguinte contido:

«Antecedentes:

1. O 29 de maio de 2017 Vestas Manufacturin Spain solicitou iniciar a tramitación do expediente de redución da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161, na marxe esquerda no contorno do p.q. 2+600, ao seu paso polo parque empresarial de Chavín, en aplicación da excepcionalidade recollida no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. O 25 de setembro de 2017 o Concello de Viveiro emite un informe técnico do arquitecto municipal para a tramitación extraordinaria de redución da liña límite de edificación.

3. O 11 de outubro de 2017 asínase o informe da Área de Planificación e Proxectos para iniciar a tramitación do expediente de redución extraordinaria da liña límite de edificación, a que se fai referencia no encabezamento deste informe, segundo o previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

4. Mediante Resolución do 20 de novembro de 2017, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional, a delimitación anterior, e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 103 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio.

5. A delimitación provisional foi sometida a información pública, polo prazo de trinta días hábiles, mediante Anuncio do 22 de novembro de 2017, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 233, do luns 11 de decembro, a fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que estimase pertinentes.

6. Mediante informe do 2 de febreiro de 2018, a Área de Planificación e Proxectos indicou que non se presentaron alegacións durante o período de información pública da delimitación provisional e que tampouco foron emitidos novos informes ao respecto por parte das entidades locais consultadas.

7. Mediante proposta de resolución do 5 de febreiro de 2018, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, proponse a aprobación, con carácter definitivo, da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161 Landrove (LU-540)-Ferreira do Valadouro (LU-160), no treito situado entre os p.q. 2+430 a 2+690.

Consideracións legais:

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, en relación co punto 2 da súa disposición adicional segunda.

Visto todo o que antecede e, en particular, a proposta de resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica LU-161 Landrove (LU-540)-Ferreira do Valadouro (LU-160), no treito situado entre os p.q. 2+430 a 2+690, segundo o plano que se xunta, que supón as seguintes reducións, con respecto á establecida con carácter xeral na antedita lei:

– Pola marxe esquerda situándoa a 9,5 m desde a liña exterior da delimitación da calzada, entre os p.q. 2+430 e 2+480 e entre os p.q. 2+560 e 2+650.

– Pola marxe esquerda situándoa a 4 m desde a liña exterior da delimitación da calzada, entre os p.q. 2+510 e 2+560 e entre os p.q. 2+650 e 2+690.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que o ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa. Para tal efecto, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña recurso de reposición, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Plano

mapa.pdf