Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2018 Páx. 21337

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta do 17 de marzo de 2016 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Carracedo, nos concellos da Pastoriza e Mondoñedo (Lugo), promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/126-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de marzo de 2016, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Carracedo, nos concellos da Pastoriza e Mondoñedo (Lugo), promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/126-EOL).

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de marzo de 2016, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Carracedo, nos concellos da Pastoriza e Mondoñedo (Lugo), promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/126-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L. (en diante a promotora) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Carracedo (en diante o parque eólico), constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 9 MW e promovido por Norvento, S.L.

Segundo. O 22.1.2011 Norvento, S.L., solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico. Posteriormente, o 27.6.2011, a promotora solicitou a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

Terceiro. O 30.9.2011 a promotora presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Cuarto. O 2.12.2011 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en diante a Xefatura Territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Quinto. O 23.4.2012 e o 3.7.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico. No primeiro dos informes inclúese unha solicitude de concesión de explotación e no segundo infórmase de que non existe ningún dereito mineiro afectado, pois que a dita solicitude foi cancelada.

Sexto. O 27.4.2012 a Xefatura Territorial solicitou os condicionados técnicos e remitiu as correspondentes separatas do proxecto ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza, Retegal e Retevisión I, S.A.

Sétimo. Por Resolución do 27 de abril de 2012, da Xefatura Territorial, sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 30.5.2012 e no xornal El Progreso do 16.5.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial e dos concellos afectados (A Pastoriza e Mondoñedo).

Durante o período de información pública presentáronse, nas datas que se indican, as seguintes alegacións: Gloria Yáñez Díaz, en representación de Hergaya Cantera y Construcciones, o 11.6.2012; a Sociedade Galega de Historia Natural, o 12.6.2012; a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o 25.6.2012; e Emeterio Vega Rodríguez, o 13.7.2012.

Oitavo. O 5.3.2012 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu, así mesmo, o correspondente condicionado.

Noveno. O 5.5.2012 Retegal emitiu o correspondente condicionado técnico, o cal se trasladou á promotora, que achegou a súa resposta o 6.7.2012. O 17.10.2012 Retegal, á vista das alegacións efectuadas pola promotora, modifica o condicionado establecido inicialmente, o cal se trasladou aá promotora, que non contestou.

Décimo. O 1.6.2012 Retevisión I, S.A. achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou á promotora, que manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 2.7.2012.

Décimo primeiro. O 29.6.2012 a Xefatura Territorial reiterou a solicitude do condicionado técnicos aos concellos da Pastoriza e de Mondoñedo.

Décimo segundo. O 28.1.2013 o Concello da Pastoriza comunicou que non ía establecer ningún condicionado, o cal se trasladou á promotora, que achegou a súa conformidade o 21.8.2012.

Décimo terceiro. O 15.3.2013 a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 17.6.2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións de proxecto do parque eólico. Estas modificacións consisten, de forma xeral, no cambio da posición de dous dos tres aeroxeradores, motivado polas consideracións efectuadas polo Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas durante a tramitación ambiental.

Décimo quinto. O 8.4.2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 8 de maio de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 176, do 15 de setembro de 2015).

Décimo sexto. O 30.6.2015 para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, a promotora presentou a addenda ao proxecto de execución e a relación de bens e dereitos afectados actualizada, nas cales se recollen as modificacións autorizadas o 17.6.2013 pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Posteriormente, o 16.7.2015 a promotora presentou o proxecto sectorial actualizado.

Décimo sétimo. Mediante escritos individuais do 25.8.2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto sen que se recibisen alegacións ao respecto.

Décimo oitavo. O 28.9.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Décimo noveno. O 18.1.2016 o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo. O 11.3.2016 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación coa Addenda Proxecto de Execución Parque Eólico Carracedo. Maio 2015.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas de Lugo do 3.7.2012 indícase que a solicitude de concesión de explotación Mondoñedo Fracción Terceira nº 5530.3, recollida no informe do mesmo servizo do 23.4.2012, foi cancelada, polo que non existe ningún dereito mineiro que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico.

Cuarto. Durante a tramitación do expediente presentáronse as alegacións indicadas no antecedente de feito sétimo. A seguir resúmese o seu contido:

1. Gloria Yáñez Díaz, en representación de Hergaya Canteras y Construcciones, manifesta que a parcela que na relación de bens e dereitos afectados se atribúe á sociedade que representa non lles pertence.

2. A Sociedade Galega de Historia Natural, na súa alegación, solicita que:

a) Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, non se autorice a afección de aeroxeradores e vías de acceso sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, especies incluídas no anexo II da citada lei, e se avalíen as posibles afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia e, consecuentemente, se adapte o proxecto para evitalos totalmente.

b) Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e que se introduza a adopción de medidas mitigadoras.

c) Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

d) O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiras, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

3. A Cámara Mineira de Galicia manifesta que, segundo a información contida no Censo Catastral Mineiro de Galicia, a autorización de aproveitamento da sección A) Cruz da Cancela (nº de rexistro LU/A/00321), estaría afectada polo parque eólico.

4. Emeterio Vega Rodríguez, como titular da solicitude da concesión de explotación Mondoñedo Fracción Terceira, presentou escrito alegando o seguinte:

a) A poligonal do parque eólico abrangue 6 das 9 cuadrículas mineiras para as cales solicitou a concesión, o que evidencia, a xuízo do alegante, que á hora de planificar e proxectar a iniciativa eólica non se tivo en conta a existencia da solicitude da concesión de explotación.

b) A poligonal do parque eólico afecta directamente dúas frontes de explotación e a unha entulleira.

c) Tendo en conta a relación de bens e dereitos afectados, as instalacións do parque eólico tamén afectarían de forma directa aos frontes de explotación e a entulleira definidos no proxecto de explotación.

d) Estas afeccións impedirían o correcto desenvolvemento das actividades mineiras.

e) A relación de bens e dereitos afectados presenta indefinicións nas afeccións, pois que estas non se reflicten graficamente de forma axeitada.

f) As afeccións derivadas da recualificación urbanística dos terreos a través do proxecto sectorial non se valoran axeitadamente, toda vez que esta recualificación implicaría de forma directa a imposibilidade de levar a cabo actividades mineiras sobre os ditos terreos.

g) O alegante manifesta que non ten constancia de comunicación ou contacto ningún por parte da promotora eólica para tentar chegar a un acordo.

h) Mostra a súa oposición á iniciativa eólica, pois que a eventual declaración de utilidade pública e a consecuente ocupación dos terreos comprometería a viabilidade técnica e económica da concesión de explotación solicitada.

i) Por todo o anterior, solicita que se inicie o trámite de compatibilidade entre o parque eólico e a concesión de explotación solicitada, que se paralice a tramitación administrativa do parque eólico mentres non se corrixan as indefinicións detectadas na relación de bens e dereitos afectados e que se lle remita copia do expediente completo correspondente á tramitación administrativa do parque eólico.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación co escrito da sociedade Hergaya, tomouse razón do seu contido para os efectos de actualizar a relación de bens e dereitos afectados.

2. No que se refire ás alegacións de carácter ambiental presentadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, enténdese que o seu contido se tivo en consideración na elaboración da declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8.4.2014.

3. En relación coa alegación da Cámara Mineira de Galicia, cómpre remitirse ao establecido nos informes do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial do 23.4.2012 e do 3.7.2012, nos cales non se inclúe o aproveitamento da sección A) Cruz da Cancela (LU/A/00321) como afectado polo proxecto do parque eólico. Ademais, non consta no expediente ningunha outra alegación relacionada con este dereito mineiro.

4. En relación coa alegación de Emeterio Vega Rodríguez, enténdese que, unha vez cancelada a solicitude correspondente á concesión de explotación Mondoñedo Fracción Terceira, non procede analizar a súa compatibilidade co parque eólico nin a magnitude das afeccións deste sobre a dita concesión.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Carracedo, nos concellos da Pastoriza e Mondoñedo (Lugo), promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 9 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Carracedo, composto polos documentos Proxecto de Execución Parque Eólico Carracedo. Xaneiro 2011 e Addenda Proxecto de Execución Parque Eólico Carracedo. Maio 2015, asinados polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ribadeo, 2, entresollado, 27002 Lugo.

Denominación: parque eólico Carracedo.

Potencia instalada: 9 MW.

Concellos afectados: A Pastoriza e Mondoñedo (Lugo).

Produción neta anual estimada: 33.726 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 9.005.617,96 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico (UTM ED50, fuso 29):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

636.300

4.804.050

2

635.460

4.802.890

3

637.190

4.802.630

4

636.550

4.803.190

Coordenadas de localización dos aeroxeradores (UTM ED50, fuso 29):

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

CR01

635.925

4.803.173

CR02

636.138

4.803.073

CR03

636.452

4.802.965

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de ata 119 m de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 3 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal, en canalización entubada, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,65/20 kV e subestación transformadora 20/132 kV.

– Camiños ou vías, con plataforma de 5 m de largura mínima en saburra natural da zona para o acceso a aeroxeradores, torres anemométricas, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora híbrida cun transformador principal intemperie 20/132 kV, YNd11, de 37,5/50 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, e outro transformador de servizos auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA, Yzn11, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Norvento, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 180.112,36 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que se aproba por esta resolución.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 92.054 euros.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba por esta resolución.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses e medio contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 8.4.2014 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.