Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2018 Páx. 20131

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, como monumento, do inmoble sito no número 7 da rúa de Gómez Ulla do concello de Santiago de Compostela.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

No artigo 8.1 da LPCG establécese que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e a seguir, no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que, polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 10 da LPCG manifesta que os bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados integraranse nalgunha das categorías que enumera, entre as cales define a de monumento como a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.

O 13 de outubro de 2017 a sociedade Hotel Barrameda 2008, S.L., presentou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un escrito no que solicitaba a inclusión dun edificio de vivendas da súa propiedade situado no núm. 7 da rúa de Gómez Ulla, esquina Pérez Costanti, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, especificando que se outorgase o nivel de protección ambiental. A solicitude vai acompañada dun documento técnico xustificativo.

Segundo o indicado no documento xustificativo, a sociedade propietaria do edificio solicitou do Concello de Santiago unha licenza de obras de rehabilitación do edificio referido para dedicalo a uso hoteleiro e, no desenvolvemento deste trámite, chegouse á conclusión de que a fachada do edificio tiña un notable valor cultural e que debería ser incluída no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia para protexela.

O edificio ocupa unha parcela rectangular con fronte en esquina á rúa de Gómez Ulla e á rúa de Pérez Costanti cunha superficie aproximada de 239 m2, está construído entre medianeiras e presenta un rotundo volume paralelepipédico, sen máis corpos voados ou saíntes que os balcóns en esquina e a cornixa de cuberta. Está constituído por unha planta semisoto; unha planta baixa; unha entreplanta; tres plantas altas que acollen unha única e ampla vivenda por planta e un volume baixo cuberta. As fachadas do edificio compóñense dunha forma académica, respectando as regras da simetría e da proporción. A composición xeral das dúas fachadas ordénase en tres banda verticais, onde as estremas son iguais, agás pola introdución do balcón en esquina.

Desde o punto de vista da relevancia cultural deste ben, cómpre ter en conta o establecido no artigo 87 da LPCG, que manifesta que integran o patrimonio arquitectónico «os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela». Ademais, o artigo 88.1 establece que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos «edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos».

Segundo o informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o edificio obxecto desta catalogación é un testemuño representativo da arquitectura da época da Autarquía en Santiago de Compostela. O estilo do inmoble é singular, xa que ten influencias da arquitectura do Movemento Moderno e do Academicismo. A técnica construtiva tamén é singular e característica desta época de penuria económica, combinando materiais modernos como o formigón armado con formas expresivas máis propias do século anterior. A calidade do proxecto está avalada polo feito de que o seu autor, José María Banet y Díaz Varela sexa un dos arquitectos composteláns máis prolíficos e recoñecidos do segundo terzo do século XX, pertencendo este edificio á época en que construíu varias das súas obras máis representativas e que moitas delas están incluídas no Catálogo de protección dos bens con valor cultural do vixente PXOM de Santiago de Compostela.

Por tanto, en virtude do manifestado e á vista da memoria descritiva elaborada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de monumento, o edificio sito no número 7 da rúa Gómez Ulla do concello de Santiago de Compostela (A Coruña), segundo a descrición e a delimitación gráfica que consta nos anexos I e II desta resolución.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados en canto se tramite o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución, e de transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela), despois da correspondente petición de cita.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Edificio de vivendas entre medianeiras en esquina no número 7 da rúa de Gómez Ulla, esquina coa rúa de Pérez Costanti, tamén coñecido coma o edificio do Teatro Galán.

2. Localización.

– Provincia: A Coruña.

– Concello: Santiago de Compostela.

– Parroquia: Santiago de Compostela.

– Lugar: cidade de Santiago de Compostela.

– Enderezo: rúa Gómez Ulla, núm. 7, esquina Pérez Constanti.

– Referencia catastral da parcela ocupada polo ben: 7573074NH3477D.

– Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): 537306, 4747044.

3. Descrición.

O edificio ocupa unha parcela rectangular con fronte en esquina á rúa de Gómez Ulla e á rúa de Pérez Costanti cunha superficie aproximada de 239 m2, presenta un rotundo volume paralelepipédico, sen máis corpos voados ou saíntes que os balcóns en esquina e a cornixa de cuberta. Está constituído por unha planta semisoto, dedicada a garaxe e almacenaxe; unha planta baixa destinada inicialmente a uso comercial e desde a década de 1990 a uso de espectáculos; unha entreplanta parcial vinculada á planta baixa e construída na década de 1990; tres plantas altas que acollen unha única e ampla vivenda por planta e un volume baixo cuberta, ás cales se accede por unha escaleira acaroada á medianeira co núm. 5 da rúa de Gómez Ulla. Son vivendas, todas iguais, distribuídas aproveitando ao máximo a ampla fachada do edificio, onde se sitúan as estancias principais da vivenda. A área de servizo concéntrase en torno ao patio e entre ambas áreas sitúanse os espazos de circulación.

A estrutura portante do edifico está formada por muros de carga, piares, vigas, forxados unidireccionais e zancas de escaleiras de formigón armado. As vertentes da cuberta do edificio fórmanse cunha estrutura de madeira e resólvense con tella cerámica. A porta do edificio dá acceso a un recibidor, cuxo pavimento e parte das paredes está rematado con mármore e a escaleira do edificio está pavimentado cun aglomerado de pedra e cemento e está protexida por un peto rematado cun pasamáns de madeira.

As divisións interiores son de fábrica de tixolo, a carpintaría interior é de madeira e os chans son de aglomerado de pedra e cemento, tarima de madeira e baldosa hidráulica nas vivendas. Os muros da fachada teñen diversos elementos decorativos construídos con morteiro de cemento: a cornixa voada, a imposta que marca o forxado da planta primeira e que se repite nos balcóns, o zócalo da planta semisoto (sen ningunha ornamentación) e as acanaladuras horizontais que decoran a planta baixa e os extremos de ambas as fachadas.

Todos os ocos, agás o central da planta baixa e os da planta semisoto, están realzados por unhas sinxelas molduras perimetrais nas cales se resalta o antepeito. Nos ocos estremeiros da fachada á rúa de Gómez Ulla as molduras son de maior dimensión e complexidade formal, marcando as entradas ao edificio e ao local. Asemade, estes ocos e os da fachada á rúa de Pérez Costanti teñen un falso lintel na parte alta. A protección dos balcóns está constituída por unha elegante varanda metálica e balaústres rematados con bolas. A carpintaría exterior é de madeira pintada, de dúas follas con vidros partidos na parte alta e complementada con contraventás interiores de madeira pintada.

As fachadas do edificio compóñense dunha forma académica, respectando as regras da simetría e da proporción. A composición xeral das dúas fachadas ordénase en tres banda verticais, onde as estremas son iguais, agás pola introdución do balcón en esquina.

Trátase dun edificio de vivendas burguesas típicos dos ensanches, cunha distribución moi compartimentada e racional. O sistema estrutural incorpora as novas técnicas construtivas do formigón armado pero cunha solución ancorada na tradición, onde a fachada conserva a función portante, resolvéndose cun muro de formigón que, desde o punto de vista estético, imita as formas e detalles dos muros pétreos. O edificio do núm. 7 da rúa de Gómez Ulla mantense practicamente íntegro, tal e como foi construído, e son pouco significativas as modificacións introducidas na década de 1990 co cambio de uso da planta baixa e pouco relevantes as deficiencias construtivas.

4. Outros datos.

Datación cronolóxica do ben: o proxecto e a licenza de construción do edificio son do ano 1952 e consta que no ano 1954 xa estaba rematado.

Autoría do ben: o autor do proxecto e director das obras de construción do edificio de vivendas foi o arquitecto José María Banet y Díaz Varela.

Adscrición cultural, período histórico ou estilo artístico: arquitectura da Autarquía.

Referencia ás persoas ou organizacións asociadas coa historia do ben: a compañía Matarile Teatro, creada no ano 1986 por Ana Vallés e Baltasar Patiño, impulsou e xestionou a sala Teatro Galán que estivo aberta na planta baixa deste edificio entre os anos 1993 e 2005. Foi un espazo dedicado á programación e difusión do teatro e da danza contemporáneos. Tanto a compañía coma o espazo do teatro obtiveron numerosos recoñecementos e premios ao longo da súa historia e son un referente das artes escénicas de Galicia

5. Uso.

Función actual: desocupado, sen uso.

Uso orixinal: vivenda nas plantas altas, garaxe na planta semisoto e posiblemente na planta baixa.

Cambios no uso: a planta baixa acolleu usos comerciais e, nos anos 90, un local de espectáculos públicos. As plantas altas acolleron, nos últimos anos de actividade, usos da Administración autonómica.

O uso orixinal de vivendas na planta alta e comercial na planta baixa semellan os máis adecuados para garantir a conservación das características tipolóxicas. Porén, o edificio está desocupado na actualidade, o que incide negativamente no seu mantemento. Así mesmo, considérase que o cambio de actividade da planta baixa na década dos 90 non menoscabou a súa integridade.

Polo tanto, considérase posible mudar o uso do edificio, pero o dito cambio deberá ser compatible co mantemento das características tipolóxicas do edificio e cos valores orixinais do ben, o que deberá ser valorado, se é o caso, no momento oportuno.

6. Estado de conservación.

Estado de conservación: o estado de conservación xeral é aceptable, sen deficiencias visibles nin na estrutura nin nos elementos construtivos máis significativos porén, a desocupación, a falta de uso e a falta de intervencións de mantemento están deteriorando algún dos elementos do edificio, así obsérvanse humidades e sucidade nas paredes exteriores que requirirían ser pintadas. Así mesmo, os elementos de madeira das carpintarías requiren labores de conservación.

Riscos e ameazas: os principais riscos para a conservación do edificio son a falta de uso e a ausencia de labores de mantemento. A principal ameaza é a falta de protección legal, xa que pode determinar a substitución do edificio, como xa ten sucedido nalgúns outros bens de similares características nesta zona da cidade de Santiago de Compostela.

Intervencións prioritarias: non se considera oportuno adoptar intervencións prioritarias ou urxentes para salvagardar o ben, porén considérase necesario, cando menos, pintar a fachada do edificio.

7. Réxime de protección.

* Natureza: ben material inmoble.

* Clasificación: catalogado.

* Categoría: monumento.

* Ben interese específico: patrimonio arquitectónico.

* Nivel de protección.

Nivel de protección estrutural que garanta a conservación dos elementos máis significativos e relevantes, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural, segundo se establece no artigo 40 e seguintes da LPCG (coas peculiaridades descritas no seguinte número 2.5), é o que máis se asemella ao réxime aplicable aos «elementos de interese cultural da arquitectura urbana» do catálogo do PXOM de Santiago de Compostela.

As características unitarias do inmoble aconsellan evitar a ampliación volumétrica da edificación que afecte a súa percepción desde o exterior, sen que esta impida a reestruturación da cuberta ou o uso do patio interior ao non ser este visible.

7.1. Réxime de protección específico.

Determinación detallada dos elementos construtivos que hai que protexer: consideraranse protexidos os elementos estruturais orixinais, tanto os verticais coma os horizontais (muros de carga, piares, vigas e forxados); os elementos volumétricos singulares, coma a cornixa e os balcóns (incluíndo as reixas e os balaústres); os ocos das fachadas que dan á rúa, incluíndo a carpintaría exterior orixinal (fiestras, portas e contraventás); os acabamentos exteriores (impostas e revestimentos decorativos) e a escaleira (posición, estrutura e materiais de acabamento).

Condicións para o tratamento dos elementos de fachada do ben (artigo 196 do RLSG): considérase admisible a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar na planta baixa, que deberán axustarse a unhas determinadas condicións e serán obxecto de valoración no momento oportuno. Tamén se consideran admisibles as obras de reforma parcial para eliminar as barreiras arquitectónicas que permitan un acceso adecuado á planta baixa e ás plantas altas do edificio, mesmo intervindo puntualmente nos elementos estruturais do edificio.

Demolición ou retirada de elementos que resulten incompatibles coa posta en valor do ben: de acordo co establecido no artigo 139 do PXOM de Santiago de Compostela, que regula a ordenanza aplicable a este edificio, «non se autorizarán entreplantas», polo que se debería demoler a pequena existente construída na década dos 90. Asemade, cómpre substituír a carpintaría metálica dos dous ocos da planta baixa por outra máis acorde coas características da do resto do edificio.

7.2. Réxime de protección xeral.

O réxime de protección será o que garanta a conservación dos seus valores artísticos, históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnolóxicos, antropolóxicos e científico-técnico e corresponderá co que definen os títulos II e IV da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. As intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e en especial o contido da instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5.12.2017). Así mesmo, a consideración como ben catalogado implica unha serie de dereitos e obrigas que, en concreto, pode resumirse en:

– Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na lei. A utilización do ben catalogado quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

– Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, a catalogación obrigará o concello a incorporalo ao seu planeamento e establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

8. Fotografías.

missing image file

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

1. Delimitacións.

A delimitación do ben axústase á parcela física en que se sitúa, que coincide coa parcela catastral. A superficie da parcela do ben delimitado é de 236 m2. Non se considera necesario establecer un contorno de protección ao estar incluído no ámbito de perímetro azul de protección do conxunto histórico da cidade de Santiago de Compostela.

Plano de delimitación do ben e do seu contorno de protección
sobre a cartografía catastral

missing image file