Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 6 de abril de 2018 Páx. 18983

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen os prazos para a declaración de existencias e de superficie de pataca sementada en zona infestada e en zona tampón, segundo a Resolución do 23 de marzo de 2018 pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia Solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca.

Antecedentes:

Con data do 26 de marzo de 2018 publicouse a Resolución do 23 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia Solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca.

Na dita resolución establécese ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia Solanivora Povolny, couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, engadindo, á parte das indicadas no punto 1.a) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o concello de Muxía na provincia da Coruña.

Por outra banda, o punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia Solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas no Real decreto 197/2017, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) Solanivora Povolny (DOG núm. 49, do 10 de marzo), se establece a zona tampón como os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas.

Na mesma resolución establécese que os agricultores das zonas tampón definidas no punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017 deberán seguir comunicando, inmediatamente logo da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

Considérase que é necesario actualizar o referido modelo de comunicación de sementeira da pataca e establecer o prazo tanto para a comunicación da pataca almacenada de semente como de consumo, como para a comunicación da superficie sementada antes da publicación da Resolución do 23 de marzo de 2018. Establécese tamén o modelo e prazo da declaración de cultivo de pataca na zona tampón.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Publicar no anexo I o modelo de declaración de cultivo de pataca que substitúe o o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017.

2. Publicar no anexo II o modelo de declaración de existencias de pataca, tanto de semente como de consumo almacenada nos almacéns paticulares da zona infestada.

3. O período para a presentación da declaración de existencias de pataca de semente e de consumo da campaña anterior e a superficie cultivada na zona infestada será de 10 días a partir do día seguinte da publicación desta resolución.

4. O período para a presentación da declaración de parcelas de cultivo situadas na zona tampón comeza o día seguinte ao da publicación da presente resolución e remata o día 31 de maio de 2018.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

missing image file
missing image file
missing image file