Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 6 de abril de 2018 Páx. 18988

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2018 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos para reparar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017.

O 30 de outubro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 na que se estableceron as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017. O seu artigo 19 convoca as axudas para reparar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017, no eido competencial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

A base terceira do artigo 19 desta convocatoria dispón que as subvencións correspondentes aos exercicios 2018, 2019 e 2020 se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.9 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 1.000.000 euros para o ano 2018, 500.000 euros para o ano 2019 e 500.000 euros para o ano 2020.

O artigo 4 da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 establece que, sen prexuízo da contía máxima total dentro dos créditos dispoñibles, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 xaneiro.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes previsto na base quinta do artigo 19 da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, compróbase que o crédito destinado inicialmente a esta convocatoria resulta insuficiente para atender todas as solicitudes formuladas, polo que se considera oportuno ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións, existindo crédito dispoñible na correspondente aplicación orzamentaria.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coa disposición derradeira primeira do Decreto 102/2017, do 19 de outubro, e coa base décima do artigo 19 da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

Polo exposto,

RESOLVO:

Ampliar a dotación orzamentaria para a anualidade 2018 da convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos para reparar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017, realizada no artigo 19 da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017.

O incremento da dotación será de 1.900.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.9, do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2018, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo á citada anualidade será de 2.900.000 euros.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo