Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17832

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 20 de marzo de 2018 pola que se aproba o Plan da inspección de servizos sanitarios para o período 2018-2021.

No artigo 4.2 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, indícase que lle corresponde á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade exercer a inspección sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias e farmacéuticas de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 53/2014, do 16 de abril, de ordenación da Inspección de Servizos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 23.1 que a Inspección de Servizos Sanitarios planificará o desenvolvemento das súas actividades mediante a elaboración de plans e programas de inspección elaborados cunha periodicidade mínima de tres anos, de acordo cos obxectivos establecidos pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade. O plan será aprobado pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade, por proposta do centro directivo que teña atribuída a competencia en materia de inspección.

A Inspección de Servizos Sanitarios contribúe, a través das funcións inspectoras, á mellora continua do sistema sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia para cumprir coas expectativas e necesidades da cidadanía respecto á calidade e seguridade da asistencia sanitaria, implantándose con esta finalidade un sistema de xestión de calidade na Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios.

O Plan da Inspección de Servizos Sanitarios recolle as liñas básicas de actuación dos efectivos da Inspección e establece os obxectivos que se deben desenvolver en cumprimento das funcións que ten encomendadas en relación coa tutela das garantías e dereitos da cidadanía, o seguimento e control das prestacións sanitarias e o control dos centros, servizos e establecementos sanitarios.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Aprobar o Plan da Inspección de Servizos Sanitarios para o período 2018-2021.

Santiago de Compostela, 20 de marzo 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Plan da Inspección de Servizos Sanitarios para o período 2018-2021

1. Programas de control e avaliación das prestacións sanitarias:

1.1. Programa de seguimento da prestación farmacéutica:

– Actuacións sobre as desviacións na prescrición de medicamentos e produtos sanitarios.

– Control e seguimento da dispensa e facturación de receitas polas oficinas de farmacia.

1.2. Programa de inspección da prestación ortoprotésica: control da xestión da prestación ortoprotésica e avaliación das prescricións e da adecuación do produto dispensado á prescrición.

1.3. Programa de inspección de terapias respiratorias a domicilio: a avaliación das prescricións, a calidade da prestación e o control e o cumprimento de obrigas pola empresa subministradora.

1.4. Programa de control de reintegro de gastos derivados de asistencia sanitaria: seguimento e avaliación da tramitación dos expedientes de reintegro de gastos.

1.5. Programa de control da facturación a terceiros dos gastos derivados da asistencia sanitaria.

1.6. Programa de avaliación do transporte sanitario.

2. Programas de tutela e garantía dos dereitos sanitarios dos/as pacientes e persoas usuarias:

2.1. Programa de auditoría de centros sanitarios propios do Servizo Galego de Saúde: a acreditación hospitalaria, a avaliación das reclamacións das persoas usuarias, a avaliación da compatibilidade profesional en relación co sistema sanitario público, as listas de espera, os tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, o control dos accesos á historia clínica, o consentimento informado e a inspección dos servizos de transfusión.

2.2. Programa de auditoría de centros sanitarios privados e centros sanitarios privados concertados co Servizo Galego de Saúde: a acreditación hospitalaria, a avaliación das reclamacións das persoas usuarias, a avaliación da actividade de consultas externas, a avaliación da actividade cirúrxica e das probas diagnósticas, a inspección dos centros de medicina estética e a inspección dos servizos de transfusión.

2.3. Programa de inspeccións de centros, servizos e establecementos sanitarios: os requisitos para a súa autorización, o control das unidades de reprodución humana asistida e a avaliación dos centros de transplantes de tecidos.

3. Programas de inspección das prestacións do Sistema de Seguridade Social:

3.1. Programa de control da incapacidade temporal (IT): a realización de actividades incluídas no convenio co Instituto Nacional da Seguridade Social, o seguimento do absentismo de persoal propio, de persoal da Xunta de Galicia e da poboación xeral, a colaboración coas entidades xestoras da Seguridade Social.

3.2. Programa de auditoría e inspección dos centros sanitarios dos servizos de prevención.

4. Programa en materia de responsabilidade patrimonial: tramitación dos expedientes de responsabilidade patrimonial derivada da asistencia sanitaria.

5. Programa en materia disciplinaria e sancionadora: a tramitación das informacións previas e os expedientes disciplinarios ao persoal estatutario ou funcionario con funcións asistenciais no Servizo Galego de Saúde. Informacións previas e expedientes sancionadores aos centros, servizos e establecementos sanitarios.

6. Programas de inspección en materia de medicamentos e produtos sanitarios:

6.1. Programa de inspección de tráfico ilícito de medicamentos para a detección de desvío de medicamentos a canles ilegais de comercialización.

6.2. Programa de verificación do cumprimento das normas de correcta fabricación de medicamentos en laboratorios fabricantes e/ou importadores de medicamentos.

6.3. Programa de verificación da correcta fabricación de radiofármacos en unidades de radiofarmacia.

6.4. Programa de verificación do cumprimento das boas prácticas de distribución en entidades de distribución de medicamentos.

6.5. Programa de seguimento da venda a distancia por oficinas de farmacia de medicamentos non suxeitos a prescrición médica a través de sitios web.

6.6. Programa de control de calidade de medicamentos e produtos sanitarios no mercado coordinado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

6.7. Programa de verificación do cumprimento de normas de correcta elaboración de fórmulas maxistrais e preparados oficinais.

6.8. Programa de verificación de boas prácticas clínicas en ensaios clínicos.

6.9. Programa de inspección a fabricantes e/ou distribuidores de produtos sanitarios.