Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17836

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Campo Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Campo Galego, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Manuel Iglesias Pérez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación do Campo Galego foi constituída en escritura pública outorgada en Silleda, o 15 de marzo de 2018, ante o notario Manuel Barros Gallego, co número 306 do seu protocolo, pola Fundación Jorge Jove e Abanca Corporación Bancaria, S.A., representadas para este acto por Ángel Antonio Jove González e José Antonio Seoane Gómez, respectivamente.

3. A Fundación do Campo Galego, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

– Dignificar o campo galego.

– Fomentar o campo galego como unha opción de traballo.

– Constituír, desenvolver e xestionar o Museo do Campo e a Mecanización Agraria.

– Promover e desenvolver o estudo e a investigación histórica da mecanización agraria, na súa faceta científica, técnica, industrial, comercial e turística, así como das consecuencias que a súa implantación tivo no ámbito histórico, cultural, sociolóxico e económico.

– Fomentar a recuperación, restauración, conservación, exhibición e uso de todo tipo de mecanización agraria de carácter histórico, así como mostrar a historia do campo galego e a súa evolución nas súas diferentes facetas actuais ou as que no futuro se institúan.

– Fomentar a formación de profesionais implicados nestes sectores, así como a difusión pública de estudos e iniciativas que contribúan ao coñecemento pola opinión pública destas actividades.

– Fomentar o desenvolvemento, en Galicia, de actividades museísticas, culturais e sociais relacionadas co mundo do campo e a mecanización agraria.

– A cooperación ao desenvolvemento do progreso económico e social.

– Fomentar a autoestima do traballador do campo, así como proxectar cara á sociedade en xeral o recoñecemento do labor que realiza calquera persoa que traballa en, por ou para o campo.

– Contribuír coas súas actividades de forma decidida a reducir o despoboamento do campo, como seria ameaza á perda de cultura, patrimonio material e inmaterial, biodiversidade e capacidade produtiva.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Iglesias Pérez como presidente, José Ramón Iglesias Canda como secretario, Fundación Jorge Jove representada por Ángel Antonio Jove González, Abanca Corporación Bancaria, S.A. representada por Jesús Combarro Pereira, Concello de Silleda representado por Manuel Cuíña Fernández pola súa condición de alcalde, Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica representada por Marcos Vázquez Marey, Ángel Antonio Jove González e Luis Seoane Labandeira como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación do Campo Galego, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 23 de marzo) clasificouse de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación do Campo Galego, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, corresponde a esta Consellería do Medio Rural a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación do Campo Galego, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

RESOLVO:

1º. Declarar de interese galego a Fundación do Campo Galego.

2º. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

3º. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural