Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 27 de marzo de 2018 Páx. 17750

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2018, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito A Barcia-Roxos (punto quilométrico 1+800-4+150) no concello de Santiago de Compostela (clave AC/16/089.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 8 de xaneiro de 2018, apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito A Barcia-Roxos, punto quilométrico 1+800-4+150, de clave AC/16/089.06.

Con data do 25 de xaneiro de 2018 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito A Barcia-Roxos (punto quilométrico 1+800-4+150) no concello de Santiago de Compostela (clave AC/16/089.06), polo Decreto 12/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 13 de febreiro.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Santiago de Compostela, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Santiago de Compostela.

Lugar: local sociocultural de Villestro.

Data: 27 de abril de 2018, das dez ás doce horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no concello de Santiago de Compostela e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, podendo facerse acompañar a súa costa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), as alegacións que consideren pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o seu domicilio, ou ben a quen, intentada a súa notificación, non se puidese practicar.

A Coruña, 7 de marzo de 2018

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña