Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2018 Páx. 17143

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 5 de marzo de 2018 pola que se aproba o deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Viloalle cos montes lindeiros de Estelo, Braña e Toxiza, e Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro, no termo municipal de Mondoñedo.

Antecedentes:

Primeiro. O día 26.11.1979 o Xurado Provincial de MVMC de Lugo chegou ao acordo de incoación dos expedientes de clasificación 15/79 (MVMC de Viloalle), 13/79 (MVMC de Estelo, Braña e Toxiza) e 17/79 (MVMC de Toxiza e Braña, Pena do Boi e Pombeiro).

Segundo. O día 20.6.1991 comeza o procedemento de deslindamento e marcaxe do MVMC de Viloalle nº 31/91 do Xurado de Primeira Instancia nº 1 de Mondoñedo, procedemento sobresido o 9 de decembro de 1994 polo mesmo xurado.

Terceiro. O día 19.11.1997 formúlase declarativo de menor contía nº 58/1996 no Xurado de Primeira Instancia nº 3 de Lugo. O 1 de setembro de 1999 dítase a Sentenza nº 111 polo mesmo xulgado, na cal, estimando a excepción de incompetencia de xurisdición, desestímase a demanda interposta pola CMVMC de Viloalle ás CMVMC de Estelo, Troceda e Figueiras.

Cuarto. O día 9.4.2007 a CMVMC de Viloalle formula demanda no xuízo ordinario (procedemento ordinario 125/2007) no Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Mondoñedo, contra as CMVMC de Estelo, Tronceda e Figueiras, que formulan contestación á demanda o 25 de xuño de 2007.

Quinto. O día 16.5.2008 o Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Mondoñedo pronuncia sentenza (Sentenza 42/2008) estimando parcialmente a demanda interposta pola CMVMC de Viloalle ás CMVMC de Estelo, Tronceda e Figueiras. O procedemento 125/2007 é apelado ante a Audiencia Provincial de Lugo (sección 1), que na Sentenza nº 934 (28 de novembro de 2008) incluíu na súa falla o mandato expreso de remitir ás partes ao deslindamento administrativo.

Sexto. O día 14.7.2014 o Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo dita a Sentenza 184/2014 no recurso contencioso-administrativo nº 144/2012-F interposto contra a desestimación por silencio administrativo por parte da Consellería do Medio Rural de Galicia (Servizo de Montes) da solicitude de deslindamento administrativo parcial do MVMC de Viloalle cos montes lindeiros das CMVMC de Estelo, Tronceda e Figueiras. A sentenza é estimatorio contra a desestimación por silencio administrativo por parte da Consellería do Medio Rural de Galicia da solicitude de deslindamento parcial do MVMC de Viloalle.

Sétimo. O día 16.4.2015 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dita a sentenza (nº 239/2015) desestimando o recurso de apelación nº 4012/2015 interposto pola Consellería do Medio Rural contra a sentenza nº 144/2012 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo.

Oitavo. O día 13.9.2016 a Consellería do Medio Rural acorda aprobar a proposta de deslindamento de acordo co artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xuño).

Noveno. O día 22.9.2016 publícase no DOG (DOG núm. 193) o anuncio da Xefatura Territorial de Lugo polo que se fai público o inicio de deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Viloalle, pertencente á comunidade de Viloalle (exp. 15/79), cos montes colindantes de Estelo, Braña e Toxiza, pertencente á comunidade de Estelo e Tronceda (exp. 13/79), e o monte de Toxiza, Braña, Pena do Rei e Pombeiro, pertencente á comunidade de Figueiras (exp. 17/79), todos eles situados no concello de Mondoñedo.

Décimo. O día 14.11.2016 ás 9.30 horas, reunidas as partes no lugar Campo dos Paxariños, na avenida San Lucas (Mondoñedo), comezan as operacións de apeo levadas a cabo polo enxeñeiro de montes Santiago Fraga Sáenz, como instrutor deste procedemento. Ás 18.18 horas, unha vez analizados os puntos de deslindamento acordados, danse por terminadas as actuacións de apeo.

Durante as operacións de apeo tomáronse os seguintes puntos, dos cales se recollen as coordenadas UTM, a descrición da localización e as observacións achegadas por cada unha das comunidades implicadas.

Id_Apeo

Localización

Coord_X

Coord_Y

1

V-1

Campo do Raso_Rego de Abeledo

630202,36

4811434,82

2

E-1

Andraedo

631177,34

4812281,43

3

E-2

Campo de Monteagudo

630986,04

4812265,08

4

V-2

Pena con marcas _Rego Abeledo

629890,74

4811629,35

5

E-3

Pico Monteagudo

630656,91

4812545,61

6

V-3

Humidal_Pena con marcas Rego Abeledo

629486,87

4811878,43

7

V-4

Campo de Monteagudo_Pena con marcas

629390,00

4811922,45

8

V-5

Lagos de Viloalle

629081,69

4813118,50

9

V-6

Pena con marcas_Lagos de Viloalle

629201,62

4813120,19

10

PC-01

Castelo Barcelo

630415,27

4813541,15

11

V-7

Porto do Couso

629914,66

4814175,85

12

V-8

Porto de Río Seco

630333,35

4814813,04

13

PC-02

Castelo Río Seco/Penido dos Monteiros

630543,56

4815061,34

14

F-1

Pena Auguiña

630503,04

4814382,82

Décimo primeiro. O día 25.11.2016 elabórase un informe técnico cos puntos de deslindamento parcial tomados durante o apeo. Neste informe cada punto acompáñase dun esbozo da súa localización sobre cartografía 1/5000 (DGN) e a ortofoto do PNOA (2014), así como as fotos da súa colocación sobre o terreo. Compleméntase coa información referente a cada punto de deslindamento que aparece nos documentos achegados polas partes, ordenadas por datas.

Décimo segundo. Con data do 16.12.2016, e conforme o número 3 do artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e o artigo 79.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo solicitou ao Servizo Xurídico-Administrativo un informe sobre a documentación achegada polas partes implicadas no procedemento de deslindamento parcial do monte en man común de Viloalle (expte. 15/79) cos montes lindeiros de Estelo, Braña e Toxiza (expte. 13/79) e o de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro (expte. 17/79). Esta solicitude acompáñase coa documentación obxecto de análise e o informe técnico cos puntos de apeo.

Décimo terceiro. O día 22.6.2017 remítese ao Servizo de Montes o informe solicitado ao Servizo Xurídico-Administrativo, no cal se establecen as consideracións e criterios que se terán en conta na tramitación do procedemento de deslindamento administrativo.

Décimo cuarto. O día 12.7.2017, o instrutor do procedemento realizou a proposta de deslindamento que foi remitida aos montes implicados e que foi recibida polos tres montes.

Décimo quinto. Con data do 14.8.2017 recíbense as alegacións das comunidades de Figueiras e de Estelo.

Décimo sexto. Con data do 21.8.2017 recíbense as alegacións da comunidade de Viloalle.

Décimo sétimo. O día 20.12.2017 o director xeral de Ordenación Forestal emitiu unha proposta de deslindamento.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O procedemento de deslindamento tramitouse con base no artigo 49.6 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que indica que «calquera procedemento de deslindamento que realice a Administración forestal desenvolverase consonte este procedemento». É dicir, consonte o procedemento que se regula no dito artigo 49.

En aplicación do artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, con data do 13.9.2016 a Consellería do Medio Rural acordou aprobar a proposta de deslindamento dos montes veciñais en man común de Viloalle; Estelo, Braña e Toxiza e Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro, obrigado pola Sentenza 184/2014 ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, contra a desestimación por silencio negativo da solicitude de deslindamento.

Segundo. De acordo co procedemento previsto no artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, o instrutor do procedemento emitiu unha proposta de deslindamento parcial entre os montes referidos.

Consonte a proposta do instrutor e de conformidade coa proposta que emitiu o director xeral de Ordenación Forestal, cómpre salientar o que segue:

A) A tramitación do deslindamento na vía administrativa implica que a Administración debe partir do acordado nas resolucións de clasificación dos montes veciñais en man común afectados.

Deste xeito, segundo o art. 39 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, existe unha presunción iuris tantum da legalidade dos actos administrativos, «Os actos das administracións públicas suxeitos ao dereito administrativo presumiranse válidos e producirán efectos desde a data en que se diten, agás que neles se dispoña outra cousa».

B) En relación cos lindes descritos nos expedientes de clasificación dos montes, a xurisprudencia tense pronunciado no xeito de entender «que aínda que tanto a atribución da previa titularidade dominical realizada polo xurado provincial como a descrición que do monte se faga constar no acordo clasificatorio non poden ser ignoradas por completo, tendo en conta que no proceso en que se diriman xa a propiedade do monte, xa a súa extensión e lindeiros, ten que partirse do contido e formalidade do acordo clasificatorio que persiste ao longo do proceso en tanto non exista sentenza firme en contra (art. 13 da LMVMC de Galicia), con base na presunción iuris tantum de exactitude e acerto que cabe aplicar aos actos clasificatorios do xurado (sentenzas TSXG de datas 27.2.2000, 30.4.2002, 20.2.2003, 4.11.2004, 17.3.2005, 22.3.2007).

C) Porén, no relativo ao deslindamento entre distintos montes veciñais en man común, a dita presunción tamén ten sido matizada pola xurisprudencia por non entrañaren as ditas contendas unha discusión sobre a natureza do monte, polo que, ao tratarse este dun procedemento de deslindamento entre comunidades de montes en man común, atenderase ao que resulte da mellor proba achegada polas partes implicadas [a documental, declaracións testemuñais (moitas rescatadas de procedementos xudiciais civís promovidos por particulares), o resultado e conclusións dos informes periciais...], sen dar maior prevalencia a aquelas que coincidan coa descrición feita no expediente de clasificación polo mero feito da dita coincidencia, pero sen prexuízo de que, de non poder adoptar un xuízo do que resulte unha maior proba por algunha das comunidades en relación ao mantido por elas, a Administración deba deixar inamovible a descrición dos límites dos montes respecto do que aparece no expediente de clasificación, implicando isto que o deslindamento que se efectúe observará a dita descrición.

D) Con respecto aos medios de proba aportados, tense en conta a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que dispón no seu artigo 77 que «Os feitos relevantes para a decisión dun procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito, cuxa valoración se realizará de acordo cos criterios establecidos na Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil».

E) Así, tendo en conta a dita Lei 1/2000:

• No relativo ás declaracións de parte, o artigo 316 da dita lei establece que se valorarán segundo as regras da sa crítica.

• No relativo aos documentos públicos referidos no artigo 317.6, «expedidos por funcionarios facultados para dar fe», o artigo 318 prevé que «farán proba plena do feito, acto ou estado de cousas que documenten».

• O artigo 318.2 establece que «A forza probatoria dos documentos administrativos non comprendidos nos números 5 e 6 do artigo 317 teranse por certos, para os efectos da sentenza que se dite, salvo que outros medios de proba desvirtúen a certeza do documentado».

• O artigo 326.1 dispón «Os documentos privados farán proba plena no proceso, nos termos do artigo 319, cando a súa autenticidade non sexa impugnada pola parte a que prexudiquen».

• Artigo 348: «O tribunal valorará os ditames periciais segundo as regras da sa crítica».

• Artigo 376: «Os tribunais valorarán a forza probatoria das declaracións das testemuñas conforme as regras da sa crítica, tomando en consideración a razón de ciencia que desen, as circunstancias que neles concorran e, de ser o caso, as tachas formuladas e os resultados da proba que sobre estas se practicase».

F) Fóra dos criterios establecidos pola lei, pode recorrerse a principios xerais de valoración da proba, como o de valoración conxunta da proba.

G) No relativo á prevalencia que debe darse a unhas probas fronte a outras, dáse maior peso ás fontes oficiais sobre as particulares, e aquelas que sexan de ampla aceptación polas partes, ou, no caso da proba pericial, prevalecerán os ditames periciais emitidos por peritos designados xudicialmente e non por encargo de parte.

H) Débese partir da premisa aceptada por todas as partes e é que o límite dos montes veciñais en man común a que afecta o deslindamento vén delimitado polo límite das parroquias ou freguesías.

I) Na análise da acta de apeo pódese destacar que dos catorce puntos tidos en conta para o posible deslindamento do monte veciñal en man común de Viloalle, o punto denominado:

• PC-02; Castelo do Río Seco (CMVMC de Figueiras) ou Penido dos Monteiros (CMVMC de Viloalle), punto en que existe acordo entre as comunidades no relativo a que constitúe un punto delimitador entre os montes, punto que tamén aparece como delimitador nos expedientes de clasificación 15/79 (MVMC de Viloalle) e 17/79 (MVMC de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro), no Catastro de la Ensenada (delimitación parroquial de Sª María de Viloalle) e en máis documentación presentada.

• V-1; Campo do Raso ou Lombo do Raso, E-2; Campo de Monteagudo e V-2; Rego de Abeledo, puntos en que existe acordo entre as comunidades no relativo a recoñecer que constitúen puntos delimitadores dos montes en cada caso, aínda que existe desacordo na súa localización.

• No resto dos posibles lugares que se aducen como delimitadores dos montes son defendidos como tales por cada unha das comunidades, sen que exista acordo neste procedemento sobre a súa natureza delimitadora dos montes por parte da outra comunidade implicada.

J) Entre os puntos que aparecen como delimitadores nos expedientes de clasificación dos montes en que se basean os esbozos están os seguintes: Penido do Castelo, Castelo de Barcelo, Pena Auguiña e Castelo de Rioseco (Penido dos Monteiros).

K) A CMVMC de Viloalle está en total desacordo cos límites dos planos existentes nos expedientes de clasificación dos montese defende os lindes parroquiais que derivan do libro Interrogatorio do Catastro do Marqués de la Ensenada. As outras comunidades implicadas manifestaron a súa conformidade cos límites parroquiais descritos no Marqués de la Ensenada, sen que por iso deixen de estar de acordo cos límites referidos no expediente de clasificación e no esbozo da carpeta ficha contidos nela (proced. ord. 125/2007).

L) A análise do peso probatorio dos documentos presentados centrarase naqueles que permitan situar sobre o terreo nos supostos puntos delimitadores das parroquias e, por tanto, dos montes, tendo que prescindir, por tanto, dos títulos civís e as declaracións das partes sobre a situación xeográfica deses puntos.

M) Con respecto aos documentos gráficos ou cartográficos dos montes que poidan esclarecer a situación xeográfica dos puntos en que poida existir aceptación como delimitadores dos montes, cabe destacar o plano do monte de utilidade pública Toxiza e Braña, realizado polo enxeñeiro de Patrimonio Forestal Pío Alfonso Pita Carpenter no ano 1960. O feito de que esta planimetría se realizase cunha finalidade afastada do ánimo de deslindar estes montes é o que lle confire obxectividade no relativo á situación dos puntos xeográficos neles referidos graficamente, e é a súa expresión gráfica a que os fai tan relevantes na clarificación dos puntos obxecto do conflito.

N) Tendo en conta as premisas e criterios citados, cabe concluír que, para a fixación en vía administrativa dos puntos delimitadores dos montes implicados no procedemento para acordar o seu deslindamento se seguen os seguintes criterios:

• Comézase situando os puntos en que exista aceptación das partes á hora de consideralos como delimitadores, baseándose na documentación aceptada unanimemente (Catastro do Marqués de la Ensenada), ou aquela que teña un carácter preponderante de acordo coas regras de valoración da proba (informes dos peritos xudiciais).

• Escóllense como puntos delimitadores aqueles cuxa natureza teña sido probada coa documentación presentada de forma clara.

• Se non é posible dar por probada a situación dos puntos delimitadores dos montes segundo o defendido por algunha das partes por non seren as probas suficientemente clarificadoras, a Administración atende á descrición dos límites da carpeta-ficha e a aqueles documentos que permitan dar precisión gráfica.

• Consonte o informe proposta que emitiu o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo, procede denegar as alegacións presentadas e non aceptadas neste deslindamento, de acordo co xa exposto e motivado.

Terceiro. De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, o director xeral de Ordenación é competente para propoñer a resolución deste expediente de deslindamento.

O Servizo de Montes de Lugo é competente para levar adiante este deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos no artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Así mesmo, as resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais, en tanto non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina ou artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba ou regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Cuarto. Segundo o que establece o artigo 50 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, a resolución aprobatoria do deslindamento publicarase no Diario Oficial de Galicia, e, unha vez firme en vía administrativa, será título suficiente para a inmatriculación do monte ou a práctica dos pertinentes asentos no Rexistro da Propiedade. O deslindamento aprobado e firme supón a delimitación do monte e declara con carácter definitivo o seu estado posesorio, a reserva do que puider resultar en xuízo declarativo de propiedade.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe-proposta do Servizo de Montes de Lugo, esta consellaría, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Forestal,

DISPÓN:

Primeiro. Que se aprobe o deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Viloalle cos montes lindeiros de Estelo, Braña e Toxiza, e Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro, no termo municipal de Mondoñedo (Lugo), de acordo coas actas e rexistro topográfico que figuran no expediente e a descrición e os planos que forman parte da proposta que se emitiu. Os puntos e liñas de deslindamento son os seguintes:

• Punto 1: Castelo do Río Seco (CMVMC de Figueiras) ou Penido dos Monteiros (CMVMC de Viloalle). Denominacións referidas ao pico rochoso con cota 450 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 24) e con coordenadas UTM; 630.543, 4.815.061.

Punto en que existe acordo entre as comunidades en consideralo como punto delimitador entre os montes. Punto que tamén aparece como delimitador nos expedientes de clasificación 15/79 (MVMC de Viloalle) e 17/79 (MVMC de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro) e no Catastro de la Ensenada (delimitación parroquial de Sª María de Viloalle).

Desde o punto 1 en liña recta ao punto 2.

• Punto 2: Pena Auguiña. Punto localizado sobre rocha granítica con cota 335,8 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 24) e con coordenadas UTM; 630.503, 4.814.382.

Punto que aparece como delimitador nos expedientes de clasificación 15/79 (MVMC de Viloalle) e 17/79 (MVMC de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro), e no plano da liña de deslindamento adxunto como proba pericial emitida polo perito xudicialmente designado nos autos do xuízo de menor contía 58/96, Santiago García Sánchez, ou a emitida polo perito Javier Núñez Núñez no procedemento ordinario 125/2007.

Desde o punto 2 recto ao punto 3.

• Punto 3: Castelo de Barcelo. Punto localizado no afloramento rochoso que coincide coa cota 577 m (plano do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral, 1942) ou 557 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 24), e con coordenadas UTM; 630.354, 4.813.386.

Punto que aparece como delimitador nos expedientes de clasificación 15/79 (MVMC de Viloalle) e 17/79 (MVMC de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro), e que vén representado graficamente no plano do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1942 (caderno de campo nº C204140, perfil 35 punto nº 7; cota 577,7 m).

Desde o punto 3 en liña recta ao punto 4.

• Punto 4: Pico de Monteagudo. Punto localizado sobre rocha granítica con cota 678 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 24), e con coordenadas UTM; 630.656, 4.812.545.

Punto delimitador que aparece denominado como Penido do Castelo nos expedientes de clasificación 13/79 (MVMC de Estelo, Braña e Toxiza), 15/79 (MVMC de Viloalle) e 17/79 (MVMC de Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro). Tamén aparece no plano da liña de deslindamento adxunto como proba pericial emitida polo perito xudicialmente designado nos autos do xuízo de menor contía 58/96, Santiago García Sánchez, ou a emitida polo perito Javier Núñez Núñez no procedemento ordinario 125/2007, que fan referencia ao plano do M.U.P. Toxiza e Braña elaborado por Pío Alfonso Pita Carpenter no ano 1960 e aos planos do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1941 e 1942 (caderno de campo nº C204136, perfil 2 punto nº 33; cota 677,7 m), onde se denomina Monteagudo.

Desde o punto 4 recto ao punto 5.

• Punto 5: Campo de Braña. Punto con cota 506 m (no plano do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1942 e no plano do M.U.P Toxiza e Braña elaborado por Pío Alfonso Pita Carpenter en 1960) ou 509,9 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 34), e con coordenadas UTM; 630.986, 4.812.265.

Punto representado como vértice (cota 506 m) no esbozo de clasificación dos MVMC de Viloalle (expte. 15/79) e Estelo, Braña e Toxiza (expte. 13/79), e que vén denominado e representado graficamente no plano do M.U.P. Toxiza e Braña elaborado por Pío Alfonso Pita Carpenter en 1960 como Campo da Braña (cota 506 m), e representado graficamente no plano do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1942 (caderno de campo nº C204136, perfil 2, punto nº 36; cota 506,1 m).

Desde o punto 5 recto ao punto 6.

• Punto 6: Andraedo. Punto con cota 514 m (nos planos do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1941 e 1942) ou 516,77 m (serie cartográfica 1/5000 DGN; folla 024: 34), e con coordenadas UTM; 631.076, 4.812.235.

Punto representado como vértice no esbozo de clasificación dos MVMC de Viloalle (expte. 15/79) e Estelo, Braña e Toxiza (expte. 13/79), e que se atopa denominado como Andraedo e representado graficamente nos planos do termo municipal de Mondoñedo a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico e Catastral de 1941 e 1942 (caderno de campo nº C204136, perfil 2 punto nº 37; cota 514,1 m). Tamén aparece no plano da liña de deslindamento adxunto como proba pericial emitida polo perito xudicialmente designado nos autos do xuízo de menor contía 58/96, Santiago García Sánchez, ou a emitida polo perito Javier Núñez Núñez no procedemento ordinario 125/2007.

Desde o punto 6 en liña recta ao punto 7.

• Punto 7: Lombo do Raso. Punto con cota 340 m (plano do M.U.P. Toxiza e Braña elaborado por Pío Alfonso Pita Carpenter no ano 1960), e con coordenadas UTM; 630.721, 4.811.670.

Punto que aparece como delimitador no Catastro de la Ensenada (delimitación parroquial de Sª María de Viloalle), e que se atopa denominado como Lombo do Raso e representado graficamente no plano do M.U.P. Toxiza e Braña elaborado por Pío Alfonso Pita Carpenter no ano 1960.

Desde o punto 7 descende recto polo Lombo do Raso ata coincidir co marco das leiras particulares (punto 8, coord. UTM; 630.786, 4.811.522) no río Tronceda.

Este deslindamento marca unha traza continua baseada en diversa documentación histórica que non en todos os casos delimitará en ambos os lados con montes veciñais. En todo caso, as liñas que en todo ou parte non delimiten montes veciñais en ambos os lados non terán natureza dirimente xa que o ámbito é o deslindamento dos tres montes veciñais e non propiedades particulares individuais, pero recolleuse nese deslindamento por dar unha coherencia histórica e xeográfica á situación dos montes parroquiais.

Segundo. Que se cancele total ou parcialmente calquera inscrición rexistral en tanto sexa contraditoria coa descrición do deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Viloalle cos montes lindeiros de Estelo, Braña e Toxiza, e Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro, no termo municipal de Mondoñedo (Lugo).

Terceiro. Que se leven os novos datos resultantes da descrición, rexistro topográfico e planos ao Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

Cuarto. Que se inmatriculen os montes coas características resultantes no Rexistro da Propiedade.

Quinto. Que se publique no Diario Oficial de Galicia a resolución aprobatoria deste deslindamento.

Sexto. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As persoas interesadas poderán interpoñer contra esta orde recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes ante a conselleira do Medio Rural, o ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os prazos se computarán desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal polos interesados, ou da publicación para os que non poidan ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural