Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2018 Páx. 17381

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da repotenciación parcial do parque eólico Serra da Panda, nos concellos de Mañón e Ortigueira, promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (IN661A 2016/1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Iberdrola Renovables Galicia, S.A. en relación coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da repotenciación parcial do parque eólico Serra da Panda (en diante repotenciación do parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 15.11.2001, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar as instalacións electromecánicas, aprobar o proxecto de execución e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico denominado Coriscada II. Este proxecto incluía un total de 28 aeroxeradores Gamesa G-47, de 660 kW de potencia nominal unitaria, que totalizan unha potencia de 18,48 MW.

Segundo. O 16.1.2002, a Dirección Xeral de Industria autorizou o cambio de titularidade e subrogación nos dereitos e obrigas en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Serra da Panda a favor da sociedade Sistemas Energéticos Serra da Panda, S.A. Nesta resolución recóllese, ademais, o cambio de denominación do parque eólico, que pasa a denominarse Serra da Panda.

Terceiro. O 27.11.2001, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de comprobación e a autorización de posta en marcha parcial para 25 dos 28 aeroxeradores do parque eólico. Posteriormente, o 15.10.2002, a mencionada delegación provincial emitiu a acta de comprobación e a autorización de posta en marcha para a totalidade do parque eólico.

Cuarto. O 16.1.2002, a Consellería de Industria e Comercio declarou a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

Quinto. O 20.2.2003, o Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto sectorial denominado parque eólico Serra da Panda.

Sexto. O 31.5.2004, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación nos dereitos e obrigas en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Serra da Panda a favor da sociedade Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.

Sétimo. O 31.12.2015, Iberdrola Renovables Galicia, S.A.U. (nova denominación da sociedade Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.), solicitou o inicio da tramitación ambiental da repotenciación do parque eólico.

Oitavo. O 8.2.2016, a sociedade Iberdrola Renovables Galicia, S.A.U. (en diante o promotor) solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da repotenciación do parque eólico. As actuacións proxectadas consisten nunha repotenciación parcial do parque eólico orixinal, substituíndo seis aeroxeradores por dous de maior potencia unitaria. Os aeroxeradores substituídos son os A-6, A-12, A-21, A-22, A-27 e A-28 (modelo Gamesa G-47 de 660 kW de potencia unitaria). O promotor manifesta que, actualmente, destas seis máquinas soamente permanecen instaladas a A-21 e o primeiro tramo da torre da A-12. O resto desmontáronse nos últimos anos despois de sufrir sinistros que as deixaron inutilizadas. Os novos aeroxeradores denominaranse A-29 e A-30 (modelo Gamesa G-97 de 2.000 kW de potencia unitaria).

Noveno. O 22.7.2016, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións da repotenciación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo. Por Acordo do 4 de novembro de 2016, da xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, relacionadas co proxecto de repotenciación do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1 de decembro de 2016, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 10 de novembro (corrección de erros no BOP da Coruña do 1 de decembro) e no xornal La Voz de Galicia do 24 de decembro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e dos concellos afectados (Mañón e Ortigueira).

Durante o período de información pública non se recibiu ningunha alegación.

Décimo primeiro. O 17.8.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe de impacto ambiental relativo á repotenciación do parque eólico, que se fixo público mediante anuncio do 19 de agosto de 2016 do mencionado órgano ambiental (DOG do 21 de setembro).

Décimo segundo. Mediante oficios do 7.11.2016, a Xefatura Territorial remitiu, para a emisión dos condicionados técnicos oportunos, as correspondentes separatas do proxecto da repotenciación do parque eólico aos seguintes organismos: Deputación Provincial da Coruña, Unión Fenosa Distribución, S.A., concellos de Mañón e de Ortigueira. Posteriormente, o 31.3.2017 remitiuse a correspondente separata a Augas de Galicia.

Décimo terceiro. O 25.11.2016, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial informou de que a área definida pola poligonal da repotenciación do parque eólico non estaba afectada por ningún dereito mineiro vixente.

Décimo cuarto. O 22.12.2016, Unión Fenosa Distribución, S.A. emitiu o correspondente condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 20.1.2017.

Décimo quinto. Mediante Anuncio do 19 de xaneiro de 2017, a xefatura territorial notificou aos interesados de titularidade descoñecida o acordo de información pública mencionado no punto décimo. O dito anuncio publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1 de febreiro de 2017 e no Boletín Oficial del Estado do 6 de febreiro.

Décimo sexto. O 26.1.2017, o Concello de Mañón emitiu o correspondente condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escritos presentados o 2.3.2017.

Décimo sétimo. O 10.5.2017, Augas de Galicia emitiu o correspondente condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 19.5.2017.

Décimo oitavo. O 12.5.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial da repotenciación do parque eólico.

Décimo noveno. O 29.5.2017, o promotor solicitou a modificación da localización do aeroxerador A-29, motivado por necesidades do trazado de planta das obras, co que recuperou a posición A-28 xa autorizada.

Vixésimo. O 31.5.2017, a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre a repotenciación do parque eólico.

Vixésimo primeiro. O 12.6.2017, a Xefatura Territorial remitiu a documentación do expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo segundo. O 14.6.2017, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental informou que de non existían obxeccións ao cambio de posición do aeroxerador A-29 solicitado polo promotor.

Vixésimo terceiro. O 10.8.2017, o promotor achegou o documento Proxecto Repotenciación P.E. Serra da Panda (A Coruña) – Addenda – Modificación Posición A-29. Xullo 2017, co fin de incorporar ao proxecto á modificación da mencionada posición.

Vixésimo cuarto. O 15.9.2017, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a nova localización do aeroxerador 29.

Vixésimo quinto. O 30.11.2017, o promotor achegou o acordo coa CMVMC de Santa María de Mañón, para a constitución dun dereito de superficie.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como na alínea 1.b).1º do artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de maio, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co establecido polos artigos 14.1 e 18.2 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No que respecta á posible concorrencia do proxecto de repotenciación do parque eólico con outros aproveitamentos de utilidade ou interese público, cómpre facer referencia ao recollido nos antecedentes de feito décimo terceiro e vixésimo quinto.

Tal e como se recolle no primeiro deles, o Servizo de Enerxía e Minas da Coruña informou o 25.11.2016 de que non había dereitos mineiros vixentes afectados polo proxecto.

En canto á afección aos montes veciñais titularidade da CMVMC de Santa María de Mañón, o promotor achegou o 30.11.2017 unha copia do acordo asinado coa mencionada comunidade para a constitución dun dereito de superficie ao seu favor.

En vista do anterior, non foi necesaria a tramitación da compatibilidade ou prevalencia a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións da repotenciación do parque eólico Serra da Panda, situado no concello de Mañón y Ortigueira (A Coruña) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para proxecto de execución da repotenciación do parque eólico composto polos documentos: Proxecto de repotenciación P.E. Serra da Panda. Decembro 2015 e Proxecto de repotenciación P.E. Serra da Panda (A Coruña) – Addenda – Modificación Posición A-29. Xullo 2017, asinados pola enxeñeira do ICAI María Rosa Hidalgo Fernández, colexiada nº 4370 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e visados polo dito colexio o 28.12.2015 e o 7.8.2017, ambos co número 0364/15. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Domicilio: rúa da Circunvalación, nº 17, 32350 A Rúa (Ourense).

Denominación: repotenciación parque eólico Serra da Panda.

Concellos afectados: Mañón e Ortigueira (A Coruña).

Potencia máxima evacuable da repotenciación do parque eólico: 3,96 MW.

Orzamento de execución material: 3.397.195,92 euros.

Coordenadas UTM perimétricas da poligonal do parque eólico (ETRS89, fuso 29):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

V-A

600.374,96

4.833.786,63

V-B

600.874,96

4.833.786,62

V-C

600.874,95

4.832.286,62

V-D

601.624,96

4.832.536,61

V-E

601.874,96

4.832.286,61

V-F

600.874,95

4.831.786,61

V-G

600.374,94

4.831.786,62

V-H

600.374,94

4.831.286,62

V-I

599.874,94

4.831.286,62

V-J

598.374,94

4.833.286,65

V-K

599.124,94

4.833.286,64

V-L

599.874,95

4.832.786,63

Coordenadas UTM de localización dos aeroxeradores (ETRS89, fuso 29):

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

A-29

601.474

4.832.227

A-30

600.959

4.832.171

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores Gamesa G-97 de 2.000 kW de potencia nominal unitaria con xerador asíncrono, sobre fuste tubular metálico cunha altura de 78 m e un diámetro de rotor de 97 m. A potencia unitaria destes aeroxeradores limitarase a 1.980 kW. A potencia total do parque eólico estará limitada a 18,48 MW.

– 2 centros de transformación de potencia unitaria 2.300 kVA e con relación de transformación 0,69/20 kV, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador coa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 20 kV con condutor tipo HEPRZ1 12/20 kV Al + H16 de seccións 1 × 150 mm2 e 1 × 400 mm2.

Situación final do parque eólico coa repotenciación parcial proxectada:

– Nº total de aeroxeradores: 24 (22 aeroxeradores Gamesa G-47 de 660 kW de potencia unitaria, e 2 aeroxeradores Gamesa G-97 de 2.000 kW de potencia unitaria, limitada a 1.980 kW).

– Potencia máxima evacuable: 18,48 MW.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, unha fianza polo importe de 67.943,92 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 20.2 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 25.479 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co previsto no artigo 22 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, seguindo o procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico que resten por efectuar, así como as de execución das instalacións correspondentes á repotenciación autorizada, realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a execución da totalidade das actuacións autorizadas, así como para a posta en marcha das novas instalacións, será de tres meses contados a partir da obtención de todas as licenzas e permisos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas no informe de impacto ambiental formulado o 17.8.2016 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Conxuntamente coa solicitude de posta en servizo das instalacións, o promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 14.3 e 18.3 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas