Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2018 Páx. 16863

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de febreiro de 2018 pola que se dá publicidade ao comezo da actividade administrativa, para efectos de rexistro, para a documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, na entidade local menor de Chenlo.

Constitúe o obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración á cidadanía como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. Este obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas aos cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servizos que presta a Administración pública.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 10 que se integrarán no Sistema único de rexistro as entidades da Administración local, sempre que asinen un convenio coa consellería competente en materia de administracións públicas que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Con este obxectivo, inicialmente, asinouse o 13 de xullo de 2010, que se prorrogou e segue vixente, un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento da Administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de garantir á cidadanía o acceso electrónico aos servizos públicos, de forma que as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos e comunicacións que a cidadanía dirixa aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, actualmente Lei estatal 39/2015, do 1 de outubro.

Mediante a Resolución do 31 de marzo de 2017, a directora xeral de Administración local acorda prestar conformidade á solicitude de adhesión ao citado convenio presentada pola entidade local Menor de Chenlo, no termo do Porriño, na provincia de Pontevedra.

Tendo en conta a adhesión dunha nova entidade local ao convenio subscrito e a exixencia do artigo 2.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, esta orde ten por obxecto dar publicidade ao comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da entidade local referida no punto anterior.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Dar publicidade á adhesión ao convenio do 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp, da entidade local Menor de Chenlo.

Artigo 2

De conformidade co establecido no convenio de colaboración subscrito o 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp, as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos ou comunicacións que os cidadáns dirixan aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos do establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os asentos realizados terán plena eficacia.

Artigo 3

As oficinas de rexistro das entidades locais a que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no dito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para aquelas en cada caso e nos locais destinados ao rexistro xeral aberto ao público en cada concello ou entidade local.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza