Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 21 de marzo de 2018 Páx. 16670

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 2 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución de arquivamento do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Veiga de Nocedo do Val, a favor dos veciños de Nocedo do Val, na parroquia de Nocedo do Val (San Salvador), no concello de Castrelo do Val (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 5 de setembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Veiga de Nocedo do Val, a favor dos veciños de Nocedo do Val, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 4 de novembro de 2015 o Xurado Provincial acordou iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abriu un período dun mes para a práctica de alegacións.

Solicitada a certificación do Rexistro da Propiedade dos asentos que puideren afectar os terreos en cuestión, consta que varias das parcelas están rexistradas a nome de diversos titulares.

Segundo. Contra o acordo de inicio de clasificación presentou escrito de alegacións Pedro Díaz Rodríguez. Nel manifestou que as parcelas que constaban incluídas no acordo de inicio da clasificación son resultantes dun proceso de concentración parcelaria e, entre outras consideracións, afirma que a número 2457 pertence a Silvia Rodríguez Costa e a número 2458 a Silvino Rodríguez.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña desfrutando ao xurado provincial de clasificación.

Acordado o inicio da clasificación como veciñal en man común do monte denominado Veiga de Nocedo do Val, e en aplicación do artigo 21 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, solicitouse certificación do Rexistro da Propiedade dos asentos que puideren afectar os terreos en cuestión e resultou que a maioría das parcelas están rexistradas a nome de diversos titulares (principalmente a Administración xeral do Estado).

Ante esta situación, o Xurado acordou dar trámite de audiencia aos interesados para que formulasen as alegacións que estimasen pertinentes, sen que fixesen ningunha manifestación ao respecto.

Así mesmo, durante a tramitación do expediente Pedro Díaz Rodríguez presentou escrito de alegacións en que manifestou que as parcelas que constaban no inicio da clasificación son resultantes dun proceso de concentración parcelaria e, entre outras consideracións, afirma que a número 2457 pertence a Silvia Rodríguez Costa e a número 2458 a Silvino Rodríguez.

Ante tales consideracións, solicitouse informe ao Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial de Ourense, que comunicou que o proceso de concentración parcelaria finalizou o día 9 de febreiro de 2004, e que as parcelas restantes que non están actualmente rexistradas a favor doutros titulares si foron atribuídas na súa maioría a diversos particulares, entre elas a 2434, a 2441, a 2446, a 2457, a 2458 e a 2462.

Examinada a documentación presentada, o Xurado considerou que non quedou acreditado o aproveitamento consuetudinario dos terreos cuxa clasificación se solicitou, polo que non se cumpren os requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 13 de decembro, de montes veciñais en man común.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Arquivar o procedemento de clasificación como monte veciñal en man común do monte denominado Veiga de Nocedo do Val, a favor dos veciños de Nocedo do Val, no concello de Castrelo do Val.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 2 de marzo de 2018

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense