Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 21 de marzo de 2018 Páx. 16485

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 33/2018, do 1 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade duns ramais de conexión do enlace da autovía AG-64, no contorno do punto quilométrico 36+730, coas estradas DP-7001, DP-7003 e o polígono industrial dos Airíos, a prol da Deputación Provincial da Coruña.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial da Coruña solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dos ramais de conexión do enlace da autovía AG-64 coas estradas DP-7001, DP-7003 e o polígono industrial dos Airíos, situados no contorno do p.q. 36+730 da AG-64, no concello das Pontes de García Rodríguez.

Os ramais de enlace coa estrada AG-64 Ferrol (AC-116) - Vilalba (A-8) son os seguintes:

– Ramal de aproximadamente 434 metros de lonxitude que conecta a DP-7001 e a DP-7003 coa parte sur da rotonda de enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

– Ramal de aproximadamente 90 metros de lonxitude que conecta a DP-7003 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

– Ramal de aproximadamente 274 metros de lonxitude que conecta a DP-7001 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

Estes ramais foron construídos xunto coa estrada AG-64 para manter a continuidade das estradas DP-7001 e DP-7003 cuxo trazado se viu interrompido pola construción da autovía AG-64.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do ramal de aproximadamente 434 m de lonxitude que conecta a DP-7001 e a DP-7003 coa parte sur da rotonda de enlace do p.q. 36+730 da AG-64; do ramal de aproximadamente 90 m de lonxitude que conecta a DP-7003 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64; e do ramal de aproximadamente 274 m de lonxitude que conecta a DP-7001 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64, a prol da Deputación Provincial da Coruña, aínda que seguirá sendo de titularidade autonómica o enlace do p.q. 36+730 da AG-64, enlace que inclúe a rotonda superior e os catro ramais do enlace correspondentes coas entradas/saídas entre o tronco da AG-64 e a rotonda superior. Tamén se indica que a titularidade autonómica excederá o anel exterior da rotonda ata o vértice da illa triangular de cada un dos entroncamentos dos ramais de conexión coa rotonda do enlace.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol da Deputación Provincial da Coruña:

– Ramal de aproximadamente 434 metros de lonxitude que conecta a DP-7001 e a DP-7003 coa parte sur da rotonda de enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

– Ramal de aproximadamente 90 metros de lonxitude que conecta a DP-7003 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

– Ramal de aproximadamente 274 metros de lonxitude que conecta a DP-7001 coa parte norte da rotonda do enlace do p.q. 36+730 da AG-64.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle á Deputación Provincial da Coruña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda