Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2018 Páx. 15950

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2018 pola que se aproban os programas e aplicacións informáticas para a expedición do certificado de orixe das mostras de mercado utilizados nas valoracións tributarias de bens inmobles.

Na aplicación dos impostos cedidos cuxa base impoñible é o valor real dos bens adquiren especial importancia os medios de comprobación de valor que pode utilizar a Administración e aos cales se refire o artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. Algún destes medios de comprobación utiliza para determinar o valor real do ben inmoble obxecto de transmisión datos procedentes do mercado, a partir dos cales se realiza a valoración. Tanto a xurisprudencia dos tribunais como a doutrina administrativa dos órganos revisores puxeron de manifesto a necesidade de que no expediente consten documentalmente as operacións das cales se extraen estas mostras de mercado, achega que pode ser substituída por un certificado acreditativo da orixe e contido das devanditas fontes de información, salvagardando así o carácter reservado da información obtida pola Administración tributaria no desempeño das súas funcións.

Para estes efectos, o artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer a actuación das administracións públicas. Para o logro destes obxectivos a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público posibilita, no seu artigo 41, a actuación administrativa automatizada.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece no seu artigo 96 que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias coas limitacións que a constitución e as leis establecen.

Precisamente as garantías a que se refire a lei consisten na aprobación dos programas e aplicacións electrónicas, informáticas e telemáticas que vaian ser utilizadas pola Administración tributaria, garantindo a identificación da Administración tributaria actuante e o exercicio da súa competencia. Ademais, cando a Administración tributaria actúe de forma automatizada, garantirase a identificación dos órganos competentes para a programación e supervisión do sistema de información e dos órganos competentes para resolver os recursos que poidan interpoñerse.

En consecuencia, dítase a seguinte resolución:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente resolución ten por obxecto aprobar os programas e aplicacións informáticas para a expedición do certificado que acredita a orixe e datos relevantes das mostras de mercado utilizadas nas valoracións tributarias de bens inmobles.

2. A presente resolución é de aplicación aos programas e aplicacións informáticas que emiten os certificados que acreditan a orixe e contido das mostras de mercado que se emitan conxuntamente coas valoracións tributarias de bens inmobles.

Segunda. Xeración dos certificados

Os certificados xeraranse e acompañarán os actos administrativos que conteñan comprobacións de valor realizadas por aqueles medios que se baseen ou utilicen mostras de mercado.

Terceira. Comprobación de certificados

1. Os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos producirán idénticos efectos aos certificados expedidos polos órganos da Axencia Tributaria de Galicia coa sinatura manuscrita, sempre e cando se cumpran as condicións de comprobación establecidas no número seguinte.

2. Os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos poderán ser comprobados, sempre que dispoñan do código electrónico de verificación do certificado. Para tal fin, a Axencia Tributaria de Galicia conservará os certificados telemáticos emitidos nun ficheiro seguro, que garanta a súa integridade, desde o momento da súa expedición.

3. Calquera persoa poderá comprobar a integridade e autenticidade do documento da seguinte forma:

a) Conectarase á Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia no seguinte enderezo: www.atriga.gal

b) Elixirá a opción: entrar a servizos de acceso libre.

c) Escollerá a opción catálogo de servizos e, dentro dela, verificación de documentos.

d) Introducirá o código seguro de verificación do documento que se quere comprobar ou lerá o código de barras e pulsará sobre o botón verificar.

A aplicación informática xerará de novo o mesmo documento para o seu cotexo.

Cuarta. Órganos competentes

1. O órgano autor dos certificados será a Axencia Tributaria de Galicia.

2. O órgano encargado da definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade do sistema de información será o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018

María Vitoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO
Certificación de mostras de mercado

Con relación ao expediente (nº expediente), a Axencia Tributaria de Galicia

CERTIFICA:

1. Que as mostras de mercado utilizadas neste expediente proveñen das seguintes fontes:

a) Valores declarados en escrituras públicas (clave 1).

b) Valores declarados polos contribuíntes en autoliquidacións tributarias (clave 2).

c) Valores subministrados por sociedades de taxación homologadas de acordo co disposto na Orde ECO/805/2003, do 27 de marzo, sobre normas de valoración de bens inmobles e de determinados dereitos para certas finalidades financeiras (clave 3).

2. Que todos os datos correspondentes a cada mostra de mercado utilizada nesta valoración concordan, segundo a súa orixe, cos datos resultantes da descarga de información procedente de ficheiros electrónicos que conteñen os datos recollidos nas escrituras públicas, cos que figuran nas autoliquidacións achegadas polos obrigados tributarios ou cos remitidos en soporte informático polas sociedades de taxación homologadas.

Orixe

Descrición do ben

Referencia catastral

Valor declarado

Data

Notario/protocolo

Modelo autoliquidación

Sociedade de taxación

1

2

3