Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2018 Páx. 15429

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2018 pola que se convoca o Curso superior sobre elaboración, xestión e avaliación de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable.

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o Curso superior sobre elaboración, xestión e avaliación de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O curso ten, entre outros, os seguintes obxectivos:

• Dar a coñecer ao persoal da Administración pública en Galicia os obxectivos das políticas europeas en materia de desenvolvemento urbano e territorial.

• Profundar na necesidade de incorporar esta visión e obxectivos estratéxicos da Estratexia Europea 2020 na planificación municipal galega.

• Transmitir a necesidade de desenvolver este tipo de estratexias non só para optar a fondos europeos do período 2014-2020, senón tamén como instrumento que permite aumentar a capacidade de interlocución das entidades locais con axentes privados e outros organismos de financiamento.

• Dar a coñecer unha metodoloxía e ferramentas de xestión de fondos europeos a través da implementación das estratexias DUSI.

• Coñecer experiencias de referencia de desenvolvemento, implementación e xestión das estratexias DUSI.

• Dar a coñecer unha metodoloxía para a confección de pregos públicos de licitación do contrato de concesión de servizos e avaliación da estratexia.

• Formación básica para o control e interrelación con outros axentes/equipos internos e externos intervenientes no proceso de elaboración de estratexias DUSI que permita unha axeitada supervisión, xestión e avaliación do dito traballo.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes bloques:

Bloque 1. A problemática da estratexia das cidades.

A) Consideracións xerais sobre a problemática da estratexia das cidades:

• A cidade como espazo de oportunidade. O global e o local.

• O concepto de cidades con «proxecto».

• A planificación estratéxica. Elementos que a caracterizan.

• Utilidade de dispoñer dunha estratexia para xestionar os cambios urbanos contemporáneos.

• Xestión da estratexia da cidade: xestión, seguimento e avaliación.

• Nova gobernanza territorial.

B) Novos enfoques á estratexia das cidades:

• A posición das cidades fronte á crise económica.

• Modelos e tipos de plans estratéxicos. Plans de primeira e segunda xeración.

• Bases metodolóxicas para a xestión estratéxica urbana e territorial.

• Estudo de caso: plan estratéxico de segunda xeración.

Bloque 2. Axenda urbana europea (AUE) e desenvolvemento urbano na política europea.

A) Consideracións xerais sobre o proceso da AUE.

• Os marcos conceptuais de referencia (UE, Europa 2020, Rede de iniciativas urbanas, etc.).

• Consolidación do acervo urbano comunitario.

• Proceso de construción da política urbana europea: das declaracións ministeriais e os programas de actuacións urbanas á AUE.

B) AUE: sistemas europeos urbanos.

• Converxencia e diferenciación dos sistemas urbanos europeos.

• Axendas urbanas nacionais de España, Francia, Italia e Reino Unido.

• Relación entre a AUE e as axendas nacionais.

C) AUE: enfoques de implementación.

• Europa 2020 e AUE: deseño e impulso das políticas de desenvolvemento urbano a través dos fondos EIE.

• Obxectivos e desenvolvemento operativo da AUE.

• Enfoques de implementación da AUE derivados de experiencias de Estados membros.

• Papel de URBACT, UIA e os programas transnacionais na consolidación do enfoque de desenvolvemento urbano sustentable e integrado.

• AUE e Nova Axenda Urbana de NU-Habitat III: encaixe e complementariedade.

D) Axenda urbana do Eixo Atlántico.

E) Política rexional comunitaria.

• Estratexia europea para as zonas urbanas.

• Principais cambios das políticas de cohesión 2014-2020.

• Principais plans de fondos europeos. Feder, FSE, Horizon 2020, etc.

• Novos instrumentos de investimento.

• Grandes eixos temáticos da política europea:

– Sustentabilidade.

– Inclusión social.

– Crecemento intelixente.

Bloque 3. A nova gobernanza e a elaboración, implementación e xestión da estratexia integrada.

A) Procesos de participación cidadá.

B) A gobernanza democrática territorial: elementos e características.

C) Estudo de caso de desenvolvemento de gobernanza urbana-territorial.

D) Indicadores de bo goberno.

Bloque 4. Execución de estratexias integradas de desenvolvemento urbano: xestión e avaliación.

A) Execución de estratexias DUSI.

B) Avaliación de políticas públicas.

Bloque 5. Práctica e esquematización para casos concretos.

A) Práctica e aplicación a caso concreto.

B) Taller peer review sobre tres casos presentados.

Bloque 6. Esquematización para casos concretos

A) Esquematización para o enfoque de casos concretos.

B) Esquematización para o traballo non presencial de fin de curso.

Bloque 7. Resumo. A modo de conclusión.

3. Prazas: 70.

4. Persoas destinatarias.

4.1. O curso está dirixido ao persoal empregado público das administracións públicas de Galicia que teña a condición de persoal funcionario do grupo A (subgrupos A1 ou A2) ou persoal laboral dos grupos I ou II, así como ao persoal eventual e directivo da Administración local de Galicia.

4.2. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, cargos electos, así como profesionais que se atopen en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

O curso valorarase con 1 punto a aquel alumnado que sexa considerado apto á súa finalización e, por tanto, teña dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpra os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento da Administración local, de acordo co establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

5. Criterios de selección.

A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes e darase preferencia ao persoal citado no punto 4.1.

6. Matrícula.

6.1. Importe:

6.1.1. O importe da matrícula é de trescentos cincuenta euros (350 €), salvo o indicado no número seguinte:

6.1.2. Terán un réxime bonificado, cun importe de matrícula de douscentos euros (200 €), todas aquelas persoas solicitantes que se atopen encadradas nas situacións descritas no número 4.1.

6.2. Pagamento:

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %) deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación por parte da EGAP da selección. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 30 de abril e o 4 de maio de 2018.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou do primeiro prazo no caso de que sexa fraccionado, deberá enviarse xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o nome e apelidos da persoa seleccionada. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do dito xustificante no prazo establecido.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

6.3. Prazo de inscrición e documentación requirida.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de abril de 2018, ou ben ata que se cubra a totalidade das prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán inscribirse accedendo á parte da área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php) que figura na web da EGAP.

Todas as persoas solicitantes, agás as que pertenzan á Administración autonómica, deberán enviar, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, achegando copia da certificación acreditativa do grupo de destinatarios a que pertencen dos relacionados no punto 4 desta convocatoria e, se for o caso, copia do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a devandita certificación ou cando sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 2 de abril de 2018, sen prexuízo do establecido anteriormente.

7. Publicación da listaxe de persoas admitidas e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de persoas seleccionadas publicarase na parte deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/). O prazo para a presentación de alegacións será de 2 días naturais a partir da data de publicación.

8. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, todos os mércores, entre o 11 de abril e o 13 de xuño de 2018.

Terá unha carga lectiva de 110 horas, teórico-prácticas, distribuídas do seguinte xeito:

• 62 horas presenciais, en sesións de 4 horas pola mañá e 3 horas pola tarde, todos os mércores agás o mércores 13 de xuño, que se desenvolverá nunha sesión de 4 horas pola mañá e de 2 horas pola tarde.

• 48 horas de actividades non presenciais en que se incluirán polo menos:

– 20 horas para lecturas e traballos de reflexión sobre documentos seleccionados polo equipo docente vinculados ás áreas temáticas abordadas ao longo do curso.

– 4 horas para metodoloxías e criterios de avaliación de documentos de estratexias integradas de desenvolvemento urbano.

– 4 horas de análise individual de caso (estudo crítico dunha estratexia DUSI aprobada ou viable).

– 20 horas de traballo individual de fin de curso titorizado.

Durante o desenvolvemento deste curso, levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para este efecto. O alumnado terá que acreditar mediante a súa sinatura a asistencia a cada unha das sesións presenciais.

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, que se poderá descargar desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará firmado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Para a superación deste curso e a obtención do citado certificado, o alumnado deberá presentar e superar, ademais, todas as actividades non presenciais incluídas na programación do curso e un traballo final nos termos que estableza a dirección do curso.

10. A asistencia e a puntualidade.

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c) perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puideren xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o seu desenvolvemento.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública