Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2018 Páx. 12480

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2018, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o día 22 de febreiro de 2018, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de maio de 2017 (DOG núm. 100, do 29 de maio), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro), e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria,

ACORDOU:

Primeiro. Realizar os trámites oportunos para publicar as cualificacións obtidas polas persoas aspirantes que se presentaron ao terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no lugar onde se realizou o exercicio, e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Segundo. Que, de acordo co establecido na base II.1.1.3 da orde da convocatoria, superaron o terceiro exercicio as persoas aspirantes que obtiveron unha cualificación mínima de quince (15) puntos, e unha puntuación non inferior a 6 puntos en cada unha das probas de que consta o exercicio.

Terceiro. Que, de acordo co disposto na base II.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas cualificacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.5 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o terceiro exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo), para os efectos da exención prevista no quinto exercicio. Esta documentación presentarase nos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra este acordo poderá interpoñerse recurso de alzada nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018

Silvia Alfaya Portela
Presidenta do tribunal