Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11197

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 21/2018, do 8 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-308, treito O Covelo-Raxó (punto quilométrico 8+190 a 11+890), coa clave PO/16/102.06, no concello de Poio.

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 21 de abril de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 77) o Anuncio do 12 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-308, treito O Covelo-Raxó (p.q. 8+190 a 11+890), coa clave PO/16/102.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 21 de decembro de 2017 aprobase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-308, treito O Covelo-Raxó (p.q. 8+190 a 11+890), coa clave PO/16/102.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto o emprego de modos de transporte non motorizados, a mellora da mobilidade, da calidade do aire, da saúde, da igualdade e benestar, da economía, do patrimonio e do urbanismo. Todo isto debido a que a estrada PO-308 pertence á rede primaria complementaria, configura a conexión da costa entre O Grove, Sanxenxo e Pontevedra, e soporta un importante tránsito de vehículos pola súa proximidade co núcleo urbano de Pontevedra e por ser unha das principais zonas turísticas de Galicia.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-308, treito O Covelo-Raxó (p.q. 8+190 a 11+890), coa clave PO/16/102.06.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda