Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9757

III. Outras disposicións

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2018 pola que se dispón a publicación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo.

A Comisión de Peticións, na reunión do 16 de xaneiro de 2018, aprobou o Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo conforme o disposto nas normas para a súa tramitación, aprobadas pola Mesa do Parlamento o día 4 de decembro de 1995 e publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia núm. 389, do 12 de xaneiro de 1996.

En cumprimento do disposto nas devanditas normas, ordénase a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1

1. O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos comprendidos no título I da Constitución e para o exercicio das demais funcións que lle atribúe a Lei do Valedor do Pobo.

2. A actividade do Valedor do Pobo estenderase á tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía, en especial os sancionados no seu título preliminar.

3. Para estes fins, poderá supervisar a actividade da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a actividade da Administración local naquelas materias que son competencia da nosa comunidade, e daralle conta de todo iso ao Parlamento.

Artigo 2

1. O Valedor do Pobo gozará das prerrogativas e garantías necesarias para o cumprimento da súa función de acordo coa lexislación vixente.

2. As devanditas prerrogativas e garantías seranlles tamén aplicables ao adxunto no exercicio das súas funcións.

3. O Parlamento de Galicia expedirá un documento oficial no que se acreditará a personalidade e o cargo do valedor e do seu adxunto.

Artigo 3

1. O Valedor do Pobo non estará suxeito a ningún mandato imperativo, non recibirá instrucións de ningunha autoridade e desempeñará as súas funcións con autonomía e segundo o seu criterio.

2. O Valedor do Pobo unicamente é responsable da súa xestión diante do Parlamento de Galicia.

3. O adxunto é directamente responsable da súa xestión diante do valedor.

Artigo 4

1. A elección do Valedor do Pobo e do adxunto realizarase de acordo co disposto na lei pola que se regula a institución. A mesma lei establece as causas e circunstancias polas que se produce o cesamento do valedor e, se é o caso, do adxunto.

2. Unha vez elixidos, se o Valedor do Pobo ou o adxunto foren funcionarios públicos en activo, pasarán á situación administrativa de servizos especiais no seu corpo ou escala de procedencia, mentres se atopen desempeñando o cargo.

Artigo 5

1. As funcións reitoras e administrativas da institución do Valedor do Pobo correspóndenlles ao seu titular e ao adxunto no ámbito das súas respectivas competencias.

2. Para o exercicio das súas funcións, o Valedor do Pobo poderá estar asistido por unha Xunta de Coordinación e Réxime Interior.

Artigo 6

Tanto o Valedor do Pobo coma o adxunto terán o tratamento que corresponda á súa categoría institucional. En canto á participación e orde de precedencia nos actos oficiais, haberá que aterse ao que dispoña a normativa aplicable da Comunidade Autónoma galega.

TÍTULO II
Do Valedor do Pobo

Artigo 7

Correspóndenlle ao Valedor do Pobo, segundo o disposto na lei reguladora da institución, as seguintes competencias:

a) Representar a institución.

b) Nomear o adxunto e dispoñer o seu cesamento.

c) Manter relación directa co Parlamento de Galicia a través do seu presidente.

d) Relacionarse coa Comisión de Peticións do Parlamento.

e) Manter relación directa co presidente da Xunta de Galicia, co vicepresidente ou vicepresidentes, se é o caso, e cos conselleiros.

f) Manter relación directa co delegado de Goberno en Galicia.

g) Manter relación directa co presidente e co fiscal superior de Galicia.

h) Manter relación co Defensor del Pueblo das Cortes Xerais e coas institucións análogas doutras comunidades autónomas.

i) Convocar e fixar a orde do día das reunións da Xunta de Coordinación e Réxime Interior e dirixir as súas deliberacións.

j) Dirixir e supervisar o funcionamento da institución, aprobando as instrucións de orde interna para a mellor ordenación do servizo.

k) Exercer a xefatura do persoal e a potestade disciplinaria e decidir sobre a representación e defensa en xuízo.

l) Propoñer o cadro de persoal e proceder ao nomeamento e cesamento do persoal ao servizo da institución.

m) Propoñerlle á Mesa do Parlamento de Galicia o proxecto de orzamento da institución.

n) Fixar as directrices para a execución do orzamento.

ñ) Aprobar as bases para a selección de persoal e a contratación de obras, servizos e subministracións.

o) Calquera outra que lle resulte legalmente atribuída.

TÍTULO III
Do adxunto

Artigo 8

1. Ao adxunto seralle de aplicación o disposto para o valedor nos artigos 3, 6 e 7 da lei que regula a institución.

2. Ao adxunto corresponderanlle as competencias seguintes:

a) Exercer as funcións do Valedor do Pobo nos casos de delegación ou substitución previstos na lei da propia institución e nos demais que procedan.

b) Dirixir a tramitación, comprobación e investigación das queixas formuladas e das actuacións que se inicien de oficio, propoñéndolle ao valedor a admisión a trámite ou o rexeitamento delas e as resolucións que se consideren procedentes, levando a cabo as actuacións, comunicacións e notificacións correspondentes.

c) Colaborar co valedor nas relacións co Parlamento de Galicia e coa súa Comisión de Peticións, así como na coordinación das actuacións co Defensor del Pueblo e cos órganos similares doutras comunidades e na cooperación con eles.

d) Preparar e propoñerlle ao Valedor do Pobo o informe anual e os informes extraordinarios que lle deban ser elevados ao Parlamento de Galicia.

e) Asumir as demais funcións que se lle encomenden conforme a lei da institución e este regulamento.

3. Corresponderalle acordar ao Valedor do Pobo ou ao adxunto, nos supostos de delegación ou substitución, a admisión, o rexeitamento e a resolución última das queixas formuladas.

4. O Valedor do Pobo poderá en todo momento avocar para si o coñecemento, a dirección ou o tratamento de calquera queixa ou investigación.

Artigo 9

1. O adxunto será proposto, nomeado e cesado segundo o establecido na lei da institución.

2. O nomeamento do adxunto publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10

1. O adxunto cesará por algunha das causas seguintes:

a) Por renuncia.

b) Con ocasión da toma de posesión dun novo valedor nomeado polo Parlamento.

c) Por morte ou incapacidade sobrevidas.

d) Por neglixencia no cumprimento das obrigas e deberes do cargo. Neste caso, o cesamento exixirá unha proposta razoada do Valedor do Pobo, que terá que ser aprobada pola Comisión de Peticións e con audiencia do interesado.

e) Por ser condenado, mediante sentenza firme, por delito doloso.

2. O cesamento do adxunto publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO IV
Da Xunta de Coordinación e Réxime Interior

Artigo 11

1. A Xunta de Coordinación e Réxime Interior é o órgano asesor do Valedor do Pobo para o funcionamento da institución.

2. A Xunta de Coordinación e Réxime Interior estará composta polo valedor, que a preside, e polo adxunto. Asistirán ás súas reunións con voz e sen voto o secretario xeral, o coordinador, os asesores, e o resto do persoal técnico que sinale o valedor, actuando o primeiro como secretario.

3. A Xunta de Coordinación e Réxime Interior reunirase, cando menos, unha vez ao mes e, en todo caso, sempre que o Valedor do Pobo o estime conveniente.

4. Os asuntos obxecto de deliberación constarán na orde do día da convocatoria e o secretario levantará a correspondente acta das reunións e dos acordos tomados pola Xunta de Coordinación e Réxime Interior.

Artigo 12

Para o cumprimento da súa función, a Xunta de Coordinación e Réxime Interior terá as competencias seguintes:

a) Informar sobre as cuestións que afecten a determinación do cadro de persoal, así como o nomeamento e cesamento do persoal ao servizo da institución.

b) Coñecer e informar sobre a posibilidade de interposición de recurso de inconstitucionalidade, instando esta interposición do Defensor del Pueblo das Cortes Xerais.

c) Coñecer e informar sobre as posibles suxestións ao Parlamento ou á Xunta de Galicia para a modificación de normas legais, ao abeiro do artigo 30 da lei reguladora da institución.

d) Coñecer e informar sobre cantos asuntos correspondan á elaboración do proxecto de orzamento da institución e da súa execución, así como da liquidación deste antes da súa remisión polo Valedor do Pobo ao Parlamento de Galicia.

e) Deliberar sobre as propostas de obras, servizos e subministracións.

f) Cooperar co Valedor do Pobo na coordinación da actividade das distintas áreas e na mellor ordenación dos servizos.

g) Coñecer e informar ao Valedor do Pobo sobre o informe anual e os informes extraordinarios que se eleven ao Parlamento de Galicia.

h) Informar e asesorar sobre o proxecto de reforma deste regulamento.

i) Deliberar sobre os convenios co Defensor del Pueblo e preparar o proxecto deles.

j) Deliberar sobre as propostas de actuación do Valedor do Pobo como Comisionado da Transparencia, de acordo coa normativa europea, estatal e galega vixente na materia.

k) Asesorar e auxiliar o Valedor do Pobo sobre cantas cuestións este estime oportuno someter á súa consideración.

TÍTULO V
Presentación, instrución e investigación das queixas

Artigo 13

1. No exercicio das competencias propias do Valedor do Pobo e do adxunto, así como na tramitación e investigación das queixas, haberá que aterse ao disposto na lei desta institución e neste regulamento.

2. A presentación dunha queixa ante o Valedor do Pobo, así como a súa posterior admisión, de proceder, non suspenderá en ningún caso os prazos previstos nas leis para recorrer, tanto na vía administrativa coma na xurisdicional, nin a execución da resolución ou do acto afectado.

Artigo 14

No exercicio das súa propias competencias, o Valedor do Pobo coordina as súas funcións co Defensor del Pueblo e as institucións análogas doutras comunidades autónomas nos termos previstos no título V da lei pola que se rexe a institución.

Artigo 15

1. Unicamente o Valedor do Pobo e, se é o caso, o adxunto terán coñecemento dos documentos clasificados oficialmente como secretos ou reservados pola lexislación vixente.

2. Tales documentos serán debidamente custodiados baixo a directa responsabilidade do Valedor do Pobo.

3. O Valedor do Pobo ordenará o que proceda co obxecto da clasificación dos documentos de orde interna.

4. En ningún caso se fará referencia ao contido dos documentos secretos nos informes do Valedor do Pobo ou na resposta á persoa que presentase a queixa ou requirise a súa intervención.

5. Nos seus informes ao Parlamento de Galicia, a referencia a documentos reservados será prudentemente apreciada polo Valedor do Pobo.

Artigo 16

O Valedor do Pobo poderá propoñerlles, no marco da lexislación vixente, ao departamento, organismo ou entidade afectados fórmulas de mediación ou de acordo que faciliten unha resolución positiva e rápida das queixas.

Artigo 17

1. A presentación das queixas ante o Valedor do Pobo poderase facer por calquera medio que permita acreditar a identidade do interesado ou a persoa que a presenta.

Poderase expresar en calquera dos dous idiomas oficiais de Galicia e sen máis requisitos ca os previstos na lei reguladora da institución.

2. Do mesmo xeito, tanto se se trata de queixas presentadas a instancia de parte coma de expedientes de oficio, a tramitación será substancialmente idéntica, sen prexuízo das particularidades propias que a natureza da actuación requira.

TÍTULO VI
Do persoal ao servizo do Valedor do Pobo

Artigo 18

1. O persoal ao servizo do Valedor do Pobo terá a consideración de persoal ao servizo do Parlamento de Galicia, sen prexuízo da dependencia orgánica e funcional do Valedor do Pobo.

2. Cando se incorpore ao servizo do Valedor do Pobo persoal procedente das administracións públicas, este quedará na situación e cos efectos previstos no artigo 10.3 da lei pola que se rexe a institución.

3. O resto do persoal que non reúna a condición de funcionario de carreira das administracións públicas terá a consideración de persoal eventual ao servizo do Valedor do Pobo.

4. A selección do persoal ao servizo do Valedor do Pobo realizarase de acordo co establecido no artigo 10 da lei da institución.

Artigo 19

1. Existirá unha Secretaría Xeral que será desempeñada por quen designe o Valedor do Pobo e de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia.

2. O secretario xeral exercerá as seguintes funcións:

a) Supervisar os servizos administrativos da institución e darlle conta do seu funcionamento á Xunta de Coordinación e Réxime Interior.

b) Preparar a convocatoria das reunións da Xunta de Coordinación e Réxime Interior e redactar as actas delas.

c) Coordinar as actividades de información e difusión respecto do contido e alcance das competencias do valedor, así como da forma de interpoñer unha queixa diante del.

d) Propoñer as actuacións que se lle encomenden ao Valedor do Pobo como Comisionado da Transparencia.

e) Calquera outra función que lle asigne o Valedor do Pobo.

Artigo 20

O coordinador xeral será designado polo Valedor do Pobo de acordo coas condicións establecidas na relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia e asumirá a función de coordinación das áreas de traballo e dos informes ordinarios e extraordinarios, así como as demais funcións que o Valedor do Pobo lle asigne.

Artigo 21

1. Os asesores e o resto do persoal técnico prestaranlle ao Valedor do Pobo e ao adxunto a cooperación necesaria para o cumprimento das súas funcións. Entenderase que o persoal técnico está composto polos funcionarios previstos na relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia con nivel 28 ou superior.

2. O Valedor do Pobo poderá nomear libremente aqueles asesores que considere necesarios para o exercicio das súas funcións, de acordo con este regulamento e dentro dos límites orzamentarios. Igualmente, dispoñerá o seu cesamento libremente, de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, e en todo caso cesarán ao cumprirse as previsións do artigo 11 da lei reguladora da institución.

3. A condición de asesor do Valedor do Pobo será incompatible con todo mandato representativo, con todo cargo político e co exercicio de funcións directivas nun partido político, sindicato, asociación ou fundación, e co emprego ao servizo deles, así como co exercicio de calquera outra actividade profesional, liberal, mercantil ou laboral.

Só poderá compatibilizarse, de ser o caso, coa docencia, logo de autorización expresa e libre do Valedor do Pobo e nas condicións que para iso establece a lexislación sobre incompatibilidades.

Artigo 22

1. O réxime de prestación de servizos será de dedicación exclusiva para todo o persoal.

2. O Valedor do Pobo poderá contratar con profesionais alleos á institución informes e estudos específicos por prezo alzado, sen que iso implique ningunha relación de tipo laboral, funcionarial ou eventual coa institución nin co Parlamento.

3. O Valedor do Pobo poderá subscribir acordos ou convenios de colaboración ou prácticas con cantos organismos públicos e privados estime oportuno e dentro dos seus límites orzamentarios, nas mesmas condicións que se establecen no apartado anterior.

4. O Valedor do Pobo poderá outorgar bolsas de estudos para a realización de actividades que estime de interese, nas mesmas condicións que se establecen nos apartados anteriores.

Artigo 23

Toda persoa ao servizo do Valedor do Pobo está suxeita á obriga de gardar estrita reserva en relación cos asuntos que ante esta institución se tramiten. O incumprimento desta obriga será sancionado de acordo co disposto neste regulamento.

Artigo 24

1. Existirá un Servizo de Administración e Persoal que lle prestará á institución o soporte administrativo para o cumprimento dos seus obxectivos e tramitará os asuntos derivados da xestión económico-administrativa.

2. Ao xefe do Servizo de Administración e Persoal, baixo a supervisión do secretario xeral, correspóndenlle as seguintes competencias:

a) Dirixir, organizar e controlar os servizos administrativos e de mantemento da sede do valedor.

b) A coordinación coa Intervención do Parlamento de Galicia para efectos da actividade económico-financeira da institución.

c) Asegurar que a información pública que corresponda se atope dispoñible e actualizada no portal de transparencia e o adecuado trámite das solicitudes de información pública dirixidas ao Valedor do Pobo, así como informar a cidadanía en materia de transparencia.

Artigo 25

1. O Servizo de Administración e Persoal poderá estruturarse nos negociados que se precisen. A provisión das xefaturas deses negociados realizarase a través do procedemento legalmente establecido.

2. Todos os escritos dirixidos ao Valedor do Pobo se recibirán a través do Rexistro, onde se examinarán e clasificarán.

Artigo 26

O persoal ao servizo do Valedor do Pobo estruturarase, para efectos retributivos, nos grupos correspondentes aos do Parlamento de Galicia, sen prexuízo das especialidades propias aplicables ao persoal da Cámara.

TÍTULO VII
Réxime disciplinario

Artigo 27

O persoal ao servizo do Valedor do Pobo poderá ser sancionado pola comisión de faltas disciplinarias de acordo co réxime disciplinario establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, en relación coa Lei da función pública de Galicia, e conforme o procedemento previsto no referido estatuto.

TÍTULO VIII
Réxime económico

Artigo 28

1. O orzamento do Valedor do Pobo integrarase na sección orzamentaria do Parlamento de Galicia como un servizo deste.

2. A súa elaboración corresponderalle ao Valedor do Pobo e tramitarase de acordo coas normas que regulan o orzamento do Parlamento de Galicia.

3. O réxime de contabilidade e control interno que se aplicará no Valedor do Pobo será o que rexe no Parlamento de Galicia.

4. As funcións de control interno da institución exerceraas o interventor do Parlamento de Galicia.

Artigo 29

Seranlle aplicables ao Valedor do Pobo as normas do réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia.

Artigo 30

O réxime de contratación e adquisición en xeral do Valedor do Pobo será o que rexa para o Parlamento de Galicia.

Disposición adicional primeira

O Valedor do Pobo poderá propoñerlle ao Parlamento de Galicia, á vista da aplicación práctica deste regulamento, as modificacións que considere precisas.

Disposición adicional segunda

As referencias que se conteñan neste regulamento á figura do Valedor do Pobo, ao seu adxunto, ao secretario xeral, ao coordinador xeral e ao xefe do Servizo de Administración e Persoal deberán entenderse referidas ao valedor ou valedora, ao adxunto ou adxunta, ao secretario xeral ou secretaria xeral, ao coordinador xeral ou coordinadora xeral e ao xefe do Servizo de Administración e Persoal ou a xefa do Servizo de Administración e Persoal.

Disposición derradeira única

O Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación oficial no Diario Oficial de Galicia.