Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9701

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

BDNS (Identif.): 385344.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os pagamentos directos indicados no título II e as axudas de desenvolvemento rural recollidas no capítulo III e na sección 3ª do capítulo IV do título III desta orde só se concederán a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria. O requisito da actividade agraria tamén será exixible aos solicitantes das axudas de agroambiente e clima recollidas na sección 2ª do capítulo IV do título III.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2018 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Cuarto. Contía

A concesión destas axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2018, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

1. No que respecta aos réximes de pagamentos directos á agricultura e á gandaría recollidos no número 1 do artigo 2 desta orde, en concreto, os réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, todas estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) exercendo o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) como intermediario na súa xestión, polo que, en aplicación da disposición adicional décimo oitava da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, os expedientes correspondentes aos réximes indicados serán xestionados como operacións extraorzamentarias conforme o sinalado no artigo 46.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia.

Non obstante o anterior, todos os actos e documentos de xestión deses expedientes serán obxecto de fiscalización previa nos termos establecidos no artigo 95.1.a) do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. No que respecta aos réximes de axuda establecidos no título III desta orde, cofinanciados ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a concesión das axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2018, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Aplicación 13.02.713B.770.0, compromisos da anualidade 2018 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas de forestación de terras non agrícolas por importe de douscentos cincuenta e cinco mil catrocentos setenta e un con dezaseis (255.471,16) euros.

b) Aplicación 13.80.712B.772.1:

1º. Pagamentos a zonas con limitacións naturais, por importe de dezasete millóns cincocentos mil (17.500.000,00) euros.

2º. Compromisos para o exercicio 2018, nas axudas relativas á medida de agroambiente e clima, por importe de catorce millóns seiscentos noventa e cinco mil novecentos setenta e seis con once (14.695.976,11) euros.

3º. Compromisos para o exercicio 2018 nas axudas relativas á medida de agricultura ecolóxica, por importe de dous millóns cincocentos sesenta e seis mil douscentos corenta e nove con sesenta (2.566.249,60) euros.

Quinto. Prazo de presentación da solicitude única

O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2018, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria