Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2018 Páx. 9577

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 5 de decembro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación municipal de Tomiño, para reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano de Goián.

O Concello de Tomiño remite a documentación relativa á modificación puntual núm. 8 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e o artigo 144 do Regulamento da Lei do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada por Enxeñería e Análise Medioambiental EAM de xuño de 2017, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Tomiño conta cun PXOM aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 29.3.2001 (BOP do 15 de maio e DOG do 16 de abril).

O ámbito da modificación puntual (MP) está clasificado polo PXOM como solo urbano. Segundo a DT1ª.2.a) da LSG aplicaráselle o disposto para o solo urbano consolidado.

O ámbito afecta distintas cualificacións: edificación en bloque pechado (ordenanza 1.A) e de edificación unifamiliar (ordenanza 2.A e 2.C); espazos libres de uso e dominio público (alameda merendeiro e praza do Pintor Antonio Fernández); e equipamento deportivo, cívico-cultural e docente.

I.2. Mediante Resolución do 2.6.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decide non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 29 de xuño). Xunto coa resolución achega informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Instituto de Estudos do Territorio; e Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

I.3. Constan informes municipais: técnico do 12.8.2016; e xurídico do 5.9.2016.

I.4. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 8.9.2016, e expúxose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG núm. 180, do 21.9.2016 e no xornal Atlántico do 19.9.2016. Non constan alegacións.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais á Axencia Galega de Infraestruturas (constan informes do 27.12.2016 e 30.5.2017, favorable con condicións); Instituto de Estudos do Territorio (informe favorable do 24.1.2017); Augas de Galicia (informe favorable do 13.2.2017); Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (informe favorable do 19.1.2017); Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (informe favorable do 11.11.2016); Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe favorable do 16.2.2017); Secretaría Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda (informe favorable do 19.12.2016); e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informes en datas 22.2.2017 e 4.12.2017.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Baiona, Gondomar, Oia, O Rosal e Tui, constando a resposta dos concellos de Oia do 7.11.2016 e Gondomar do 5.12.2016.

I.6. O concello solicita informes sectoriais, de acordo co artigo 60.8 da LSG, á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informe do 7.10.2016); Deputación Provincial de Pontevedra (Resolución do 12.12.2016); Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo-Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (informe do 27.10.2016) e Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe do 2.11.2016).

I.7. Constan informes municipais técnico do 8.6.2017 e xurídico do 8.6.2017.

I.8. O Concello Pleno do 15.6.2017 aproba provisionalmente a MP núm. 8 do PXOM.

I.9. O concello achega o 27.6.2017 o documento de aprobación provisional dilixenciado segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG. O 14.7.2017 requírese a emenda documental, e achégase o 7.9.2017 informe da Delegación de Goberno, do 27.8.2017 e informe de Intervención do 28.7.2017.

II. Obxecto da modificación puntual.

Segundo o establecido na memoria da MP o obxecto desta modificación puntual é:

a) Modificar a ordenación dun ámbito de solo urbano consolidado (SUC), canto a:

– Conectar o conxunto de equipamentos públicos do núcleo de Goián; reordenar os equipamentos e o uso do espazo público, reconfigurando e ampliando a superficie do recinto escolar existente; recualificando e poñendo en valor o espazo da praza e redefinindo o espazo da alameda integrándoo co resto do espazo público.

– Incorporar alternativas de accesibilidade e mobilidade para reducir a carga de tráfico arredor da praza, dando prioridade ao peón e integrando os aparcadoiros alternativos.

– Facilitar a incorporación de usos que favorezan as actividades urbanas.

b) Modificar o catálogo do PXOM para protexer exemplos de arquitectura indiana característica da zona, incorporando 11 edificacións, coas claves da AC-001 á AC-011.

c) Modificar as normas urbanísticas no número 4.2.3, referido á regulación da Ordenanza 3 de equipamentos e Ordenanza 4 industrial; e o número 4.2.4 áreas de repartición en solo urbano, para incluír as determinacións relativas á nova AR-4.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para as modificacións do PXOM xustifícanse na mellora da ordenación dos espazos libres, equipamentos e usos, resolución de problemas de circulación e accesibilidade e a protección do patrimonio.

III.2. Respecto do informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.5.2016, no documento aprobado provisionalmente modifícase o obxecto da MP:

– Non se prevé rotonda na intersección da estrada PO-552 e a avenida do Regatiño.

– Non se modifican os usos nas ordenanzas 1 e 2. Modifícase a ordenanza 4.

III.3. Segundo o número 10.2, modifícase a categoría dos terreos que, de conformidade co artigo 17.b.2 da LSG, precisan dun proceso de reforma interior, delimitando a área de repartición AR-4 con ordenación detallada. Na ficha hai erros materiais na superficie, ordenanzas de aplicación ou aproveitamento tipo, que non corresponden coa memoria.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual núm. 8 do PXOM de Tomiño, con suxeición á corrección dos erros materiais observados na ficha da AR-4.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio