Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2018 Páx. 9520

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2017/177-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construcción de la instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo 204, 36000 Vigo.

Denominación: LMTA VAA708 e CTI Portela.

Situación: Gondomar.

Características técnicas: LMT aérea a 20 kV con condutor LA-56 de 746 metros de lonxitude, con orixe no apoio número 62 da LMTA VAA708 (tramo VAA7080655) e final no centro de transformación proxectado Portela. Centro de transformación intemperie, sobre apoio de formigón, a 50 kVA con RT 20 kV/400-230 V, situado en Couso, municipio de Gondomar.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 9 de xuño de 2017, no BOP do 12 de xuño, no xornal Faro de Vigo do 15 de xuño, no BOE do 27 de xuño e no taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar. Tamén foron notificados individualmente os titulares dos predios afectados pola instalación, segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Con data 7 de xuño de 2017 Aurelia Pumar Domínguez presenta escrito de alegacións no cal solicita a rectificación do seu nome, xa que na relación de afectados figura «Amelia». Manifesta estar en contra da realización do proxecto, por quedaren os predios tan só para ser de servizo para a empresa eléctrica, e que se busquen alternativas como soterrar a liña.

Con data 13 de xuño de 2017 Ana María Díaz Pérez presenta escrito de alegacións, no seu nome e no de 13 veciños máis, no cal indica que a actuación é inadecuada e abusiva, ademais de causar contaminación. Solicitan unha rectificación da actuación e unha negociación coa empresa eléctrica titular dunha liña existente que pasa cerca das vivendas.

Con data 20 de xuño de 2017 Lidia Torres Pérez presenta escrito de alegacións no cal indica que non estaría xustificada a presente intervención na súa propiedade pola instalación eléctrica proxectada por ter a empresa distribuidora unha rede de instalación de transporte a 100-200 metros. Alega indefensión por descoñecer exactamente a instalación que se pretende executar, polo que non se cumpren os requisitos legais para determinar a utilidade pública da instalación.

Con data 22 de xuño de 2017 Sara Álvarez Magariños presenta escrito de alegacións no cal indica que procede cambiar a titularidade do predio número 19 na relación de bens e dereitos afectados por ser a titular deste, xa que na relación de parcelas afectadas pola instalación figura con titular descoñecido.

Fernando Val López, en representación da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., presenta as seguintes respostas ás alegacións:

Respecto das alegacións de Aurelia Pumar Domínguez, toma nota do nome da titular, excepto no caso do predio nº 24, xa que, de acordo cos seus datos, o titular é Gonzalo Bouzada Rodríguez. Respecto da situación en que quedará o predio, manifesta que o Real decreto 1955/2000 indica que a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio serviente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Respecto do estudo de alternativas, indica que se tiveron en conta varias alternativas e a presentada para a súa autorización é a máis viable.

Respecto das alegacións de Ana María Díaz Pérez e 13 veciños máis, indica que a actuación se debe á resolución por parte da xefatura territorial do expediente de reclamación de mellora da calidade de subministración na zona do barrio da Portela. Indica que o proxecto cumpre con toda a lexislación aplicable, e non incorre nas prohibicións que indica a normativa respecto das limitacións á constitución de servidume de paso de liña eléctrica. Respecto da liña eléctrica próxima ás vivendas, indica que non é titular dela, polo que non pode tela en conta para desenvolver a súa rede de distribución. Respecto do abusivo da actuación, mostra a súa desconformidade e indica que a superficie obxecto de expropiación é a necesaria para poder executar as obras. Respecto do alegado pola contaminación, sinala que os reclamantes non especifican a que contaminación se refiren.

Respecto das alegacións presentadas por Lidia Torres Pérez, indica que o proxecto cumpre con toda a lexislación aplicable e non incorre nas prohibicións que indica a normativa respecto das limitacións á constitución de servidume de paso de liña eléctrica. Respecto da liña eléctrica próxima ás vivendas, indica que non é titular dela, polo que non pode tela en conta para desenvolver a súa rede de distribución

Respecto das alegacións presentadas por Sara Álvarez Magariños, procédese a cambiar a titularidade do predio número19 na relación de bens e dereitos afectados ao seu nome.

Unión Fenosa Distribución, S.A., á vista das manifestacións realizadas, solicita que se continúe co procedemento e se conceda a autorización administrativa previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública.

Vistas as alegacións presentadas e as respostas dadas por Unión Fenosa Distribución, S.A., o 26 de decembro de 2017 os servizos técnicos desta xefatura territorial emiten dous informes nos cales se conclúe que procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, rexeitando as alegacións presentadas polos alegantes, excepto no seguinte:

Procede cambiar a titularidade do predio número 19 na relación de bens e dereitos afectados a nome de Sara Álvarez Magariños.

Procede rectificar o nome da titular dos predios número 2, 3, 7, 8 y 11; non así o do predio número 24, en que consta como titular Gonzalo Bouzada Rodríguez, mentres non presente documentación que acredite a titularidade do predio número 24.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo de 2014), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 19 de xaneiro de 2018

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra