Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 8114

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de xaneiro do 2018 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Illa de Vionta, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores da Coruña.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dispón que esta é o órgano da administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/as profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens da comunidade autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

Mediante escritos con data do 2 de novembro de 2017 e do 14 de decembro de 2017, a Confraría de Pescadores da Coruña solicitou a cesión en propiedade da embarcación Illa de Vionta, da que é titular a Xunta de Galicia, estando adscrita á Consellería do Mar.

A referida institución destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de maneira especial, á realización da vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña. Polo tanto, considérase preciso cederlle en propiedade o ben moble antes sinalado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores da Coruña, da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Illa de Vionta.

Ano de construción: 1991.

Clasificación SOLAS: III/S/.

Casco: poliéster.

Motor: 1 motor Yamaha F100DETL 100,00 CV.

Dimensións: manga 2,00 m, eslora 5,30 m, puntal 0,77 m.

T.R.B.: 1,99.

Matrícula: 8ª VILL-3-4-92.

Ano de inscrición: 1992.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público da embarcación que se cede en propiedade, citada no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de maneira especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña.

b) Coa cesión outórgase á Confraría de Pescadores da Coruña a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos da conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados, coma se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprisen as condiciones do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioracion que sufrise.

e) A entidade cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente e correran ao seu cargo todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario/a en quen delegue e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á Consellería do Mar verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 ao fin para o que é cedida, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar