Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 8110

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 31 de xaneiro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que se desenvolverá os días 6, 7, 8, 9 e 12 de febreiro de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal da empresa Ferrovial Servicios, S.A. que presta servizos de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e que se desenvolverá desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas dos días 6, 7, 8, 9 e 12 de febreiro de 2018.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todos os traballadores/as da empresa Ferrovial Servicios, S.A. que prestan servizos de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e desenvolverase durante varias xornadas. En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación co ambiente sanitario: o risco para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as derivado da realización de actividades e uso de materiais sobre os que se proxectan as tarefas de mantemento, a súa conseguinte afectación á actividade asistencial e o volume de pacientes atendidos/as.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito –en particular, a reparación de eventuais avarías nos equipamentos e instalacións–, determinan que se opte como criterio reitor para a fixación dos servizos mínimos pola presenza do 50 % dos efectivos habituais por quenda e categoría –garantíndose en todo caso un efectivo por quenda–.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta resolución recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO *

%

Martes 6

Mércoles 7

Xoves 8

Venres 9

Luns 12

Mañá

50,00 %

3

3

3

3

2,5

Tarde

50,00 %

2,5

2,5

2,5

2,5

2,5

Noite

100,00 %

1

1

1

1

1

* A unidade (1) equivale á presenza dun efectivo.