Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2018 Páx. 7662

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de xaneiro de 2018 pola que se autoriza a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro British Royal School de Culleredo.

A representante da entidade Royal School International, S.L. solicita autorización de apertura e funcionamento do centro privado estranxeiro British Royal School situado na rúa de Laxe, 122-124, de Culleredo, para impartir as ensinanzas do sistema educativo británico a alumnado español e estranxeiro.

No certificado de inspección, o British Council sinala que se pode conceder unha autorización temporal para un máximo de 60 alumnos/as desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra e País de Gales, ensinanzas que se corresponden co primeiro e segundo curso do segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorizar a apertura e funcionamento, con carácter temporal, do centro privado estranxeiro British Royal School, para impartir as ensinanzas de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: British Royal School.

Código do centro: 15033137.

Titular: Royal School International, S.L.

Enderezo: rúa de Laxe, 122-124.

Localidade: Rutis (Santa María).

Concello: Culleredo.

Código postal: 15174.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal:

Desde Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade) do Currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.

Alumnado: español e estranxeiro.

Número de postos escolares: 60.

Artigo 2

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4

A autorización temporal a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata o 31 de decembro de 2018, conforme o certificado emitido polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada Británica.

Artigo 5

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria