Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2018 Páx. 5730

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (163/2016).

Procedemento ordinario (PO) 163/2016

Demandante: Roberto Puñal Ardions

Graduada social: Matilde Mallo Nieves

Demandados: Autoescuela Santa Eulalia, S.L., Abuin Cars, S.L., Fondo de Garantía Salarial (Fogasa)

Avogados: (…), (…), letrado de Fogasa

Eu, Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que por resolución ditada no día da data no proceso seguido por instancia de Roberto Puñal Ardions contra Abuin Cars, S.L., Autoescuela Santa Eulalia, S.L., Fogasa, en reclamación por ordinario, rexistrado co número de procedemento ordinario 163/2016, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da LXS, citar a Abuin Cars, S.L., en ignorado paradoiro, co fin de que compareza o día 26 de febreiro de 2018, ás 10.00 horas, na planta baixa, sala 1, Edificio Rúa Berlín, para a realización dos actos de conciliación e, de ser o caso, xuízo. Poderá comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada e deberá acudir con todos os medios de proba de que intente valerse, coa advertencia de que é única convocatoria e que os ditos actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.

Despois de solicitarse o interrogatorio de parte e ao ser a mesma persoa xurídica, deben facerse as advertencias que se conteñen no artigo 91.3 e 5 da LXS. Conforme dispón o dito precepto, o interrogatorio das persoas xurídicas privadas practicarase con quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio. Se o representante en xuízo non interviñese nos feitos, deberá achegar a xuízo a persoa coñecedora directa deles. Con tal fin a parte interesada poderá propor a persoa que se deba someter ao interrogatorio e xustificar debidamente a necesidade do dito interrogatorio persoal.

A declaración das persoas que actuasen nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando sexa persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos soamente se poderá acordar dentro do interrogatorio da parte por cuxa conta actuasen e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e posición dentro da estrutura empresarial, por non prestar xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.

O seu interrogatorio como demandado.

Para tal efecto indícaselle que, se non comparece, se poderán ter por certos os feitos da demanda en que tivese intervido persoalmente e lle resultaren en todo ou en parte prexudiciais (artigo 91.2 da LXS).

A achega ao acto do xuízo dos seguintes documentos:

Os indicados no outrosí digo do escrito de demanda, cuxa copia se xunta coa presente citación.

Advírteselle que, se os citados documentos non se achegan ao xuízo sen mediar causa xustificada, se poderán estimar probadas as alegacións da parte contraria en relación coa proba acordada (artigo 94.2 da LXS).

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

En caso de que pretenda comparecer ao acto do xuízo asistido de avogado ou representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, porá esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo, co obxecto de que, trasladada tal intención ao demandante, poida este estar representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de valerse no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.

E para que lle sirva de citación a Abuin Cars, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa colocación no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017

A letrada da Administración de xustiza